Lembro que en 2001 un movemento notable e prolongado no tempo contra a LOU deu vida a un outono insípido e acendeu as rúas con cánticos e carreiras divertidas (pour quoi non?) contra o piar do castelo. Ben é certo que ateigadas máis de estudantes ca doutros estamentos da universidade, estas manifas eran estimuladas ou alomenos favorecidas (as hemerotecas non me deixarán mentir) polos pronunciamentos contrarios (algúns mesmo radicais) dos reitores contra aquela lei maldita que recortaba autonomía (sic) e regulaba con descaro todas as facetas da vida dos campi ou campuses. A lei saiu sen máis problemas que os trucaxes de última hora na tramitación no congreso e convertiuse no marco de actuación política das universidades durante estes últimos anos, malia os retoques lampedusiáns dos socialistas para satisfaceren aos seus afíns en cuestións de concursos e detalles menores pero sen removeren o interesado status acadado.
Moitos anos despois daquela batalla moi perdida, unha das súas principais consecuencias resulta obvia: a falta de debate plural e crítico na propia institución, derivado, ao meu xuízo, da reforma introducida pola ministra del Castillo na composición dos distintos órganos de goberno e a aparentemente máis democrática elección do Reitor entre todos os membros da comunidade por sufraxio directo ponderado. A indiscutible necesidade de que o alumnado participase na elección do Rector non contou coa velenosa combinación lexislativa da estructura presidencialista do resto de órganos, todos eles suxeitos á vontade do equipo nomeado polo Reitor. O resultado é a fuxida total (e remito ás listas de representantes de alumnos no meu centro), non por falta de interese senón por falta de eficacia práctica na súa intervención.
Esto podería ser tildado de demagóxico, pero o certo é que a entrega completa ao Reitor e ao equipo do Reitor de todo o goberno da Universidade elimina de facto calquera labor opositor. Non é que non exista oposición: é que resulta improductiva, inocua; os seus resortes son tan escasos que opta por unha retirada cuatrianual aos seus cuarteis de inverno, consciente de que non hai nada que facer nin nada que litigar nos anos sucesivos. Ou ben se procede, como ocorre noutros lugares, a un fenómeno insólito de grosse koalition, onde concurren todas as voces da institución, cos correspondientes repartos, que, en calquera caso, anulan, por prescripción facultativa, calquera asomo de crítica ou de censura, agás as que proceden do malestar dos propios (que, obviamente, son todos), alonxados da procuraduría e dos resortes do poder. O debate aberto e plural (que puidemos ver nos primeiros anos de restitución democrática da desta madre nutritiva) desapareceu. Pero por completo. O nivel de participación pública está baixo mínimos e a desilusión resulta palpable.
Esa era a intención da ministra: anular un certo risco de asambleismo, de discusión ás veces estéril, dun parlamentarismo (o que hai tempo un colega chamaba hiperrepresentabilidade do modelo) frustrante. O modelo xerencial e presidencialista estaba na base das súas disposicións. Pero o que resulta de todo ese intento é un monolitismo adormecedor, un progresivo desencanto coas funcións rexeneradoras e críticas de calquera sociedade moderna e unha renuncia, ás veces proclamada, ao debate público.
O foro, en fin, substituido polo despacho onde se cortan os bacallaus. Que agora, polo que se ve, ademáis escasean.
Nessun commento:
Posta un commento