Caxigalines nella Reguera'l Campizu

18 ottobre 2008

SOCIALISTAS EN VIGO


A noticia de que un home chamado Carlos regresa á política viguesa permite unha reflexión. Sen valorar a figura obsoleta(1) do susodito, o que chama máis a atención é a distancia sideral que os grupos políticos manteñen coa cidadanía. 
Son contados os casos de militantes socialistas que coñezo. E trátase dun coñecemento puramente superficial: é dicir, sei quen son, e eles, supoño porque saúdan, saben tamén quen son. Pero pouco máis. Nos foros nos que nos atopamos, nunca lles escoito nada que poida revelarme afiliación política e mesmo nalgúns casos (o dunha veciña coa que falei en varias ocasións, agora conspicua representante da soberanía popular) parecen, polas súas ideas retrógradas, máis próximos ao PP que propiamente a un partido digamos progresista. Cando os vexo na prensa, en primeira fila dunha asamblea ou nas bancadas aplaudindo ao líder, non deixo de admirarme e de preguntarme a razón de tal insólita para min pertencia. Basta, pois, a afirmación de militar no PSOE para selo: puro nominalismo que renuncia a calquera forma de inquedanza sociopolítica.
Digo esto porque alucino coa historia do socialismo vigués dos últimos anos. Eu non entendo o das faccións, o dos grupos. Non entendo cales son as súas ideas sobre o país, nin siquera entendo cáles son as súas concepcións sobre o partido. Só entendo que, sendo poucos e sendo sempre os mesmos (arraigados probablemente en asociacións, en agrupacións pechadas, en círculos autoalimentados), non son quen de resolver nada de nada e, sobre todo, de saír dese ensimesmamento onfaloscópico (amigo Lándoa, vai por vostede). Menos mal que tanto o presidente do Goberno coma o presidente da Xunta lles poden servir de reclamo, porque se o resultado electoral do socialismo vigués dependera dos seus dirixentes agora mesmo estaría en mínimos.  

(1) A ver que día o blogger permite notas a rodapé para poñer neste caso a definición do DRAE: "Anticuado, pouco axeitado ás circunstancias actuais. En desuso".

Foto: a Fonte do Galo, no Areal de Vigo.

4 commenti:

Anonimo ha detto...

Déalle duro, don Arume. Aí onde lles doe.

Anonimo ha detto...

Está claro que o PSOE é un partido de dereitas e que o PP é un partido de extrema dereita. O Bloque non pasa de centro, ou sexa Centristas de Galicia. Que perturbación da linguaxe. Habería que pedir permiso á RAG antes de empregar as palabras que designan os partidos. Dicirlles (oiga usté, como din os do PP), vostede non pode empregar o de Obrero por que non hai máis que capitalistas. E vostede non pode usar o de Partido porque son unha mafia, nin o de popular porque están en contra do pobo, etc, etc.
Canta filoloxía aínda é precisa...

Anonimo ha detto...

Que tontería o post anterior: parece Beiras dicindo unha das súas "xenialidades".

Anonimo ha detto...

Home, pode estar confundido ou ofuscado, pero tonterías, tonterías non dí.
Non me diga que o PSOE, xa non é máis liberal que socialdemócrata -sobor de todo ca que está caendo- e que o PP, se está arrincoando sozinho na dereita.
O espazo político que resta en Galicia e o galeguismo, que neste momento o ocupa o BNG.
Ay, sí, tamén hai nacionalistas, o partido de Rosa Díez, nacionalismo español, e a UPG, nacionalismo galego.