Caxigalines nella Reguera'l Campizu

5 ottobre 2008

SOMBRAS


Sigo coa miña teima universitaria. Estamos a mudar os planos de estudios. Pasamos de licenciaturas de 300 créditos (5 anos) a Graos de 240 créditos (4 anos). Esa pequena diferencia cuantitativa leva á potenciación dos posgraos, estudios de 60 créditos (máis será raro), para completar o grao e especializar ao alumado, eso si con prezos públicos pero lixeiramente máis elevados. A transformación comporta unha necesaria reducción da docencia, pero non unha regulación de emprego do profesorado, na súa grande maioría de condición funcionario. Nesta nova situación debe actuarse con audacia: coa incorporación dun programa completo de resultados e obxectivos concretos a medio prazo para o persoal investigador e docente das universidades. Un compromiso cunhas metas moi precisas (unhas determinadas pautas investigadoras, unha melloría nas aulas: non participarmos neses cursos infinitos impartidos por profesores da propia universidade que non saben eles mesmos nin explicar que é o que fan nas súas clases) que permitan mellorar o labor do profesorado e a propia eficacia da universidade. Para iso precisamos dunha vontade política (polo de agora inexistente) e dunhas ideas claras (que pensen outros, é a consigna) ao respecto. O comentario habitual entre os pasillos é o de augurar un cambio lampeduso, porque todo o mundo acepta que as autoridades son incapaces de alterar ou molestar á pax beatífica dos campus por decisións impopulares tomadas desde arriba. 
Así, entre a inacción da consellería, partidaria dun laisser faire laisser passer que evite problemas de xerarquías e que traslade a batalla académica aos terreos máis baixos dos propios centros, e a pasmosa expectativa dos subordinados, incapaces de artellar calquera discurso positivo, a Universidade está sumida nun marasmo pesimista, desilusionante. Eu teño que admitir que a elaboración a todo tren dos planos de estudios exerce un balsámico efecto anestesiante. Mentres debuxamos táboas e incluimos nas celas marabillosos títulos de materias que poidan atraer á decena de alumnos que precisan dos nosos servizos, esquecemos a dor de pensarmos que todo vai ao carallo, que o chiringuito vai colgando xa o cartel de Traspásase.

3 commenti:

Anonimo ha detto...

Agradécese ver que, nin por fas ou nefás, o espírito corporativo de corpo non fixo mela en vostede.

Anonimo ha detto...

Menos mal, amigo Arume, que os reality non caeron aínda na conta do enorme xogo que podía dar un GH ou cousa así centrado nas tirapuxas de quítame eses créditos do ventre e ponme este modulamen nas nádegas para poñelas apetecíbeis. Nos procesos de adaptación ao marco Boloña hai moita xente xogando limpo e algunha outra que non o fai. Emerxe, alén diso, unha tendencia diríase que innata na vida universitaria a permitirse como moito un lifting do que hai (planos de estudos, programas, políticas de persoal, etc.). Non existe a menor posibilidade de que se acepte algo tan sinxelo como isto: está demostrado que o que temos non serve e hai que reformulalo case todo de novo, sen renunciarmos a nada do que forma parte de nós como institución e como servizo social pero sabendo e aceptando que a universidade é moito máis que un mercado clauso de saberes.
A universidade non pasaría hoxe unha ITV minimamente esixente. A súa adaptación aos novos tempos e ás esixencias do mercado laboral é deficitaria. Iso malia os medios seren moito máis abondosos que hai vinte anos, por exemplo. Concedo que a universidade non ten só esas dúas misións que cumprir. Certo. Pero esas dúas debe cumprilas igual que calquera outra institución, igual que calquera outra entidade social. Non hai outra. Os custos de non facelo de inmediato serán visíbeis ben axiña.
A xestión inicial dos novos planos, agora mesmo só en mans académicas, constitúe para min un erro en orixe moi complicado de solventar logo en marcha. Entendo que en orixe tiñan que estar representados xa outros sectores. Entre eles, xestores do gasto público e tamén, na medida acaída, nada doada de precisar, representantes dos axentes sociais e de entes consultivos tamén públicos, preferentemente de condición internacional. Estaren todos eles como mínimo en canto asesores. A miña confianza nas rasas políticas de áreas e departamentos é neste sentido moi escasa.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Tamén penso que é cuestión xeracional. Eu levo vividas moitas mudanzas e case sempre na elaboración e construcción de novas propostas. Estou canso, aínda que, por non facer mudanza no meu costume, tamén nesta última estou metido: vai no sangue, corrompido de antigo.
Non obstante o que máis me molesta é a cínica expansión da burocracia inútil. Enchemos aplicacións pistonudas con textos que outros xa antes escribiron ou copiaron doutros previamente escritos. Formulamos os mesmo ítems de boa vontade pedagóxica, con eses verbos arrepiantes e eses xerundios que o pésimo redactor de obxectivos e competencias educativas perpetrou na primeira versión do palimpsesto repetitivo que cubrimos. Sumamos páxinas á descripción de xustificacións redundantes; cedemos, en fin, o tempo ao (auto)engaño que consiste en enviar a xente coma nós, que non vai ler estes textos porque coñecen a fórmula empregada, un texto que sabemos nunca vai ser tido na máis mínima consideración. Creamos unha impostura xigantesca con tal de non asumir que o noso tempo (se houbo) xa foi.
Mentres tanto, menos mal que nos queda o blog e eses amigos que fan estes agradecidos comentarios.