Caxigalines nella Reguera'l Campizu

5 ottobre 2008

SATURDEI NAIT


Onte houbo cea mexicana no Chilam Balam da rúa Porto. Cos veciños de edificio e afíns, xuntámonos para celebrarmos que nos xuntábamos. Coma sempre e comm'il faut. O local, acolledor e cun servizo atentísimo, estaba cheo. O xantar, variado, foi informal, composto de tortitas de maínzo con faragullas saborosas de carnes mixtas. Para xantar coas mans e regar con salsas diversas, graduadas de maior a menor picante. O viño, á forza abundante, non estivo mal, así coma o postre e o café. Un lugar moi recomendable: pensamos, de feito, repetir. Eso si, convén reservar porque o éxito do restaurante é moi notable: os prezos razonables explican os seus méritos.
Para troulear a cea, decidimos percorrer os garitos de Santiago de Vigo: algún, coma o Ensanche, anda en franca decadencia, mentres outros, sempre que chegues como na vella tradición noctámbula á hora axeitada, como o Ohlalá, experimentan un notorio auxe. Curioso, porque ambos poñen a mesma música, repetida incluso, como se trasladaran ao dillei nostálxico da música dos 80 dun lugar a outro. Lévase moito o eclecticismo musical nestes antros de perdiçao, pero nunca pensei na miña vida bailar Help dos Beatles a estas alturas da historia do mundo. 
Os compañeiros de esmorga son moi traballadores e andaban baldados. Non quedou máis remedio que finiquitar os rons cocacolizados con certa mágoa e demora e marchar para casa, con esa ledicia que dá sempre mirar para o ceo estrelado da noite de Vigo, con ese fresco outonizo que xa entra pola porta.

3 commenti:

Nuca ha detto...

eso, vos a pasalo ben e eu eiquí expatriado no cono sur a traballar.

Sodes unha panda de...

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Mande crónica de Chile por esta vía: encantado estarei de pasala convenientemente. As súas fans están esperando.

Nuca ha detto...

telegráficamente: pingüinos, leones mariños, volcáns, lagos, palafitos, gastronomía ca que vostede tolearía, amabilidade por calquira esquina, orde e seguridade absoluta (herdanza de...colonos alemáns?)

Vamos: A hostia. Sabe que teñen un programa de investigación turística titulado "destinos especiáis"?