Caxigalines nella Reguera'l Campizu

25 ottobre 2008

A WONDERFUL DAY IN PADRÓN


Foi día de pasar en Padrón con amigos de infancia, adolescencia, xuventude e o que caia. Había tempo que non nos víamos (que guapísimas elas!) e preparamos (máis ben a decidida Pili) un xantar na Casa dos Martínez, un recuncho moi agradable da vila, descoñecido para min e agora moi pero que moi recomendable. O día outonizo pero cálido preludiaba un caluroso encontro e así é que foi: apenas tivemos tempo para tomar un piscolabis polas ruelas de Padrón porque de seguido entramos nese pequeno local. Moi ben amoblado, moderno, pero sen estridencias minimalistas como adoitan agora ter os restaurantes, que parece que estás de máis, que sobras naquel espazo. A Casa dos Martínez convida a xantar con tranquilidade. O dono, atentísimo, acolle de forma espléndida aos comensais e dalles confianza (sen excesos) para sentirse ben. Procura entender o que queres e inmediatamente propón primeiros pratos variados para picar e despois pratos que preparan co que atopan no mercado. 
Eliximos deixarnos levar polas suxestións e tomamos de entrantes filloas recheas de centolo (o mellor, pero para min demasiado enfaragullado o conxunto), timbais (o nome foi o que menos me gustou por demasiado fastuoso: prefiro o clásico de salpicón) de marisco e croquetas de xamón (un pouco salgadas de máis). O viño da adega de Emilio Moro da Ribera del Duero, Resalso, demasiado quente para o meu gusto (en realidade aconsellan entre 14 e 16 e aseguro eu que tiña uns 20 graos), acompañaba gustoso a primeira degustación. De segundo moitos pedimos arroz negro con chocos e gambóns, cun sabor doce que apelmazaba a mixtura e dificultaba a dixestión lixeira, malia o pracer dos primeiros bocados. Outros entregáronse ás "carrilleras de cerdo ibérico" (ao dicir deles riquísimas), unha relativa novidade nos restaurantes que polo que se mira se está a convertir nunha pole position da modernidade culinaria. A segunda garrafa de viño, servido cuns graos menos de agradecer, foi extraordinaria, para lembrar en moito tempo. O postre elixido, un xeado de mango con iogur grego e frutti dei boschi resultou excelente, segundo común acordo dos comedores. O café, normaliño tirando a pobre, deu fin a un xantar moi bó, aínda que para ser extraordinario lle poidan faltar sinxelas correccións de detalle. Con todo, teño que destacar a actuación soberbia do dono/maitre, nunha representación sentida do papel, con expresións incitadoras da comida (marabilloso, non se vai equivocar, un clásico da nosa casa), coas palabras xustas e cariñosas que fan a estancia nese lugar unha experiencia inesquecible: só pola atención amosada, pola presentación dos pratos e polo respecto que exhibe polo que fai merece a pena visitar este encantador lugar da Rúa Longa de Padrón.
A compañía tamén fai moito na clasificación final do restaurante: hai que recoñecer que neste caso era absolutamente inmellorable. 
Un bico para Amador, Pili, Rosa, Jose e o pequeno Pablo, xa non tan pequeno.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Dia fantastico, compañia fantastica
blog maravilloso

Un bico

Rosa and Pili

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Por se quedou pouca clara a miña opinión, direi que foi estupendísimo o xantar. Para repetir, vaia. Se poño chatas é por ser eu un pouco tiquismiquis, non pola calidade (grande) do restaurante. Dos mellores de Galicia.