Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 ottobre 2008

LA CENA PESADA DE ELS JOGLARS


Chego agora mesmo de La cena, unha nova chorrada de Els Joglars ou máis ben do autor da suposta obra, nun xa evidente declive de talento. O labor actoral é coma sempre nesta compañía irreprochable, cun Fonserè sempre sobreaínte. Os aplausos finais foron máis ao traballo e, no fondo, á marca dun grupo histórico coma o catalán ca propiamente á obra que resulta pesada, aburrida e chea de diálogos insulsos e completamente prescindibles. A sátira, cando aparece, é de sal gorda, como é adoito nos últimos montaxes, con menosprezo dunha maior intelixencia na resolución de gags verbais. Por momentos, parece un estar a ver unha versión (moito peor) dun episodio de teleserie cómica, con esceas moi desaproveitadas. A visión ridiculizadora do poder ou a exaltación da estulticia representada por un gurú da gastronomía sirven un prato confuso, de discursos (eles mesmos empregan o termo monsergas) inacabables e persoaxes sen acabar, unha especie de parrillada indixesta de gracias inocuas e supostas diatribas (máis ben parvadas) contra todo.  
Non merece a pena, salvo para ver a estes actores que pelean con todas as súas forzas e con todo o talento que sen dúbida posúen para vencer unha obra que non vale un peso. 

4 commenti:

Nuca ha detto...

menos mal que non fun. A piques estiven porque a miña muller gosta moito do teatro

Ana Bande ha detto...

aLa...what a surprise...pois a min encantoume...desta vez non me aforrou vostede a crítica. ¡vive la differance!

Anonimo ha detto...

Pois xúrolle que me resulta moi estraño, porque non hai por onde collela. Que lle viu?

Ana Bande ha detto...

Imaxino que toda obra de arte, quero dicir, tanto o que se le, como o que se ve ou se escoita é o resultado do que o repeptor constrúe ou do que quere construir. Non sei se me explico. Vou a velos coma moi predisposta a pasalo ben e deixarme levar pola teima do Boadella de retorcer tódolos discursos.
A min catívame o "oficio" desta compañía, e en particular o mestre Fontseré, e estou lembrando concretamente ao seu Sánchez Mazas (soldados de salamina) ou ao Quixote de "en un lugar de Manhattan". Desta "Cea" teño que dicir que a vin dende un punto de vista moi particular porque me interesou sobre todo a liturxia. E dende aquí aprécianse unha chea de matices que te removen na butaca. E non porque supoñan novidades para un mesmo, senón pola labazada que supón para un público que aplaude á súa propia imaxe deformada que é o escenario.
Os cambios de esceas foron, sinxelamente, maxitrales, coma por arte de maxia desaparecían uns contextos para aparecer outros. Os impresionantes intermezzos, que enchen os ocos cunha multitude de personaxes fantásticos, o anxo de Fra Angélico, Galileo, os dominicos, a xerarquía eclesiástica...