Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 aprile 2009

RÉMORA E INCORDIO


Descripción e algunhas pequenas impresións a 21 de abril de 2009 dunha suposta Universidade de Occidente:
1. Os Graos, que han substituir ás licenciaturas e diplomaturas, aínda non están aprobados. Rumores falan de paseo pola ANECA, pero de volta aínda nada. Preguntan desde os centros de bacharelato, a piques de rematar as aulas, coa selectividade ás portas, pero aínda nin se sabe. No noso caso vai haber unha proba de acceso: alguén o sabe? As universidades programan a docencia do ano que vén sen telos aprobados, pero seguen pola vella: só conta a docencia presencial. A outra, nin se sabe.
2. Os postgraos, que han prolongar os graos e a priori substituir doutoramentos e especializacións varias, aínda non están aprobados. Rumores dalgúns que pasaron a (virtual) peneira, pero nin se sabe. O único que se sabe é que non contan oficialmente como docencia. Polo de agora. Ou sexa gratis. Menos para o alumnado. 
3. O calendario muda para o ano que vén. Os exames de Setembro pasan para Xullo. Non se eliminan os exames oficiais. Por que? 
4. Haberá titores para cada doce/vinte/cinco alumnos/as. Obrigatorio. Pero se pide voluntarios/as. Tampouco conta oficialmente a titoría. Un novo voluntarismo, sen recompensa. 
5. Hai que afacerse a Bolonia (un dicir: case un refrán). Eu xa me afixen a todos os anteriores cambios. A min que non mo digan, que máis é Lampedusa ca romagnola. Pero non pode ser coartada para o caos. Nin para enmudecer aos críticos.
6. A multiplicación de reunións (inoperantes) é exponencial: espazo burocrático para catarses e melopeas de andamiaxes máis ca heptasilábicas, cun cordal de documentos dispostos sobre a mesa para a intimidación dos participantes. 
7.  A coincidencia dos mesmos, nos mesmos lugares e coas mesmas inquedanzas (esa poética palabra de patíbulo parroquial). Pregunta: u-los outros? Cobrarán o mesmo?  
8. Información usurpada, dosificada, peneirada. Negociacións, cambalaches, débedas vendidas. U-la transparencia, as cartas sobre a mesa? 
Desilusión, frustración e desexos permanentes de abandonalo todo. 
Hoxe deixei de ser un iluso voluntario da nada. 

1 commento:

Anonimo ha detto...

Estoume a acordar do día en que Zapatero, cando estaba na oposición, dixo que ía derogar a LOU.

O dos graos... Imos cara unha universidade "democrática" no sentido de que a partir de agora todo o mundo, a non ser que sexa un zoquete, poderá levar para a casa un título académico. Hai que ter contenta á clientela, que vaian pasando.

Claro que ó final só as élites con pasta se poderán permitir pasar ao nivel inmediatamente superior: os másters. Aí as cousas xa non serán tan democráticas. Só estes agraciados poderán acceder ao mercado laboral en condicións, mesmo despois de facer prácticas gratuitas nas empresas.

Tamén imos cara unha universidade na que se fai unha diferenciación entre docencia e investigación. A docencia farana sobre todo os contratados a prezo de saldo. Ou dito doutra maneira: a docencia impórtalles un carallo a moitos dos que chegaron á cumbre de toda buena fortuna.