Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 gennaio 2010

NO HOSTAL (XIA) MOURE

En Casa Teresa, en As Pontes, nunha pequena pero atractiva casa de comidas onde dan petiscos de grandísimo nivel, atopamos a Facundo, un dos meus amigos da xa lontana estadía compostelana no/na Moure. Conteille que a filla voltaba polos nosos pasos naquela que eu considero mellor zona para vivir de Santiago. Cando llo dixen el comezou a lembrar como nun aleph os momentos no noso cuarto (do meu irmán e miña) en Loureiros 12, un anexo da propia pensión no número 6, un lugar de encontro de todos os alí hospedados que atopaban nos xornais que mercabamos, na música que poñíamos no radiocasé ou nas timbas de vasoira sobre a cama un xeito particular de aledaren as sobremesas do inverno. El, máis entusiasmado ca min, sobre aqueles tempos (como liamos en alto a crónica de Unzueta e como berraban cando había vasoira de man), miraba como ao horizonte por recordar xente ou persoaxes que pasaran por alí. Se cadra, algún pasa por este blog encontradizo.
Pero o que suscitou a pequena nostalxia foi o comentario sobre o traballo que Pepe e Preciosa, os donos do (ou da) Moure, fixeran durante toda a súa vida, entregados a tempo completo ao noble arte (sobre todo nunha Compostela de deshonestos hospedaxes) da restauración e da pousada. Ise mesmo traballo foi transmitido aos seus fillos: a filla, dona do Hotel Altaïr, no mesmo lugar onde pasamos media vida compostelana, e o fillo, ao parecer e se non estou trabucado, presidente da asociación de hosteleiros de Santiago, dono dese misterioso lugar con precioso xardín de magnolios e galerías limpas de branco rechamante, chamado Costa Vella, un dos lugares máis encantadores probablemente de todo Santiago. A estirpe continúa, mesmo de forma lateral coa Pensión Girasol, que leva a irmá de dona Preciosa, Victoria, xa máis perto de san Martiño Pinario. Toda esa zona extraordinaria desde a que se entende moito mellor a vida de Compostela. 
O vello Moure anda en reformas. Procuran modelar o interior con novidades decorativas, ao gusto das xeracións máis novas e con resignada oposición (máis ben moderada e algo retórica) dos pais, xa case retirados. Pretenden rematalo para que neste xacobeo algún poda durmir nesa casa característica deste barrio compostelano de vistas fermosas e vida ben axitada, con varias fondas e pensións con encanto para pelegríns, visitantes, pero, sobre todo, para estudantes que prefiren o eco das pedras antigas cós pisos do ensanche algo máis adecentados agora que noutrora. 
Conteille todo esto a Facundo e el escoitaba cun indisimulado fervor os meus breves comentarios sobre a capacidade de traballo daquela xente, o cuidado con que trataban aos hóspedes e, en fin, o cariño que aínda teñen por todos nós tras moitos anos. Aínda que alí atopei aos máis fachas de toda Galicia (algúns mesmo de Fuerza Nueva, que agochaba os bates mesmo nos armarios xunto ás camisas azuis), non poderei nunca esquecer aquel cuarto, cunha fiestra a unha rúa e un balcón a Loureiros, nin aquel tempo, agora afortunadamente extendido cada vez que vou a Santiago a levar a miña filla aos seus estudios. 
 

1 commento:

De la Highway 61 ha detto...

O radiocasé estéreo aquel que viñera de Tenerife inda está na casa de mamá. Seguro que se miramos dentro inda atopamos alí a Pepe Tansolo cantando aquelo de "Quiero ser guitarra de Siniestro Total, Total, Total..."