Lembrei onte, cos meus alumnos maiores de 55 anos e cos meus alumnos menores de 22, que comparten con gran afecto, respeto e veneracións (sobre todo os maiores cos máis pequenos a quen admiran profundamente) o espazo entre pupitres laranxas, a miña paixón pola literatura de Manuel Puig, devorada nos anos de mocidade. Boquitas pintadas, La traición de Rita Hayworth, Pubis angelical foron puntualmente lidas, con escrupulosa devoción.
Eran tempos de lecturas algo máis trascendentais, de solemnidades épicas, relatos da creación do mundo ou narracións totalizadoras, ambiciosos proxectos de abarcar o universo enteiro. Manuel Puig, no entanto, baixaba á educación sentimental, ás películas de serie b, melos con paixóns inútiles, ás telenovelas, á música de arrabal (boleros, coplas, tangos) e difusión masiva. E ademáis falaba da condición homosexual, sen medias tintas, a canle aberta ou polo menos todo o aberta que aqueles tempos adoitaban permitir (hoxe noto eufemismos e perífrases na súa prosa, que daquela eran provocacións insólitas: tanto muda por fortuna o tempo).
Puig concentraba o seu esforzo narrativo para compoñer individuos senlleiros, únicos e marxinados nunha sociedade convencional, sen pinga de moralina ou de denuncia, arrebatados, excesivos na súa defensa da liberdade total do pracer. Pero ademáis cun dominio absoluto dos diferentes rexistros do idioma, pragado de estranxerismos, de casticismos ou xergas específicas, que enriquecían considerablemente os seus textos, xunto a un aproveitamento entre paródico e encomiástico dos distintos subxéneros da literatura de peto, popular ou sentimental. E, se por riba construía os seus relatos coa complexidade pop dun fértil laberinto, o resultado non podía satisfacer máis as expectativas dun lector coma min sempre inclinado a valorar o risco e a audacia intelectual e artística cós rancios costumes da narrativa común.
Onte lembrei, logo de mirar a versión fílmica de Babenco con Sonia Braga, Raul Julia e un excelso William Hurt, no cumio da súa carreira como actor sempre extraordinario, o que fixo Puig pola miña formación intelectual e probablemente pola formación integral de moitos que loitaron polos dereitos civís dos homosexuais. Hoxe, mentres miro aquí sobre a mesa a primeira edición de Pubis angelical, adico á súa memoria unha parte do que agora son: foi fermoso rematar o curso falando de Manuel Puig nas aulas laranxas construidas no mesmo ano en que remataba El beso de la mujer araña.
Nessun commento:
Posta un commento