Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 gennaio 2010

IN DUBIO MORREO

Procrastinador. Non sei se hai outra verba para os que aínda o deixamos todo para pasadomañán ou para traspasadomañán ou para nunca. O certo é que se acumulan nesta mesa longa, onde deposito libros, folios, carpetas, cadernos, lápices, gafas, teléfono, miles de cousas sen rematar. Non sei se entra nos rasgos da procrastinación a parálise total ou a decisión salomónica de non facer nada e tirar pola vía do recreo e da distracción. A min é isto o que me pasa. Eu necesito prazos, termos perentorios, datas definitivas para poder chegar a algo. 
Podo entregar a solicitude esta tarde, ir buscar a aspiradora, recebar o aceite do coche, comprar os agasallos dos nenos (xa non tan nenos) dos amigos, recoller os libros na de Banda Deseñada, preguntar polo foco que non chega, colocar os estantes, encher a enésima aplicación informática, escribir ese correo, corrixir os traballos, mercarlle o aftasone a Carolina. Seguro que non fago nada diso: apuro esta tarde en casa coa lectura dun artigo do amigo AC sobre o pasado nazifascista dun escritor que coñezo e saio logo a tomar uns viños á de Tony. 
Non sei por que isto último nunca o deixo para outro día. Tradición familiar ou antropoloxía urbana de alomenos tres xeracións de piñeiros.  

Nessun commento: