A memoria é suficientemente fráxil para que cousas que sucederon hai apenas sete anos podan ser traidas á actualidade con menoscabo da precisión. Pero non me fará desmentir que precisamente en 2002, cun goberno bipartito encabezado por Castrillo, houbo tamén intentos de encher a ría pola parte portuaria que entón daban en chamar Guixar e agora chaman Areal non se sabe se con interese de facer esquecer aquilo.
Daquela era Pedrosa director da cousa enchedoira e daquela tamén, con criterio salvador de ecosistemas e medioambientes todos (incluida ata a máis mínima cadelucha), alcaldía e diversos grupos sociais alertaban da desfeita coa insólita compañía dun desatado Faro de Vigo que un día si e outro tamén clamaba a ceos e infernos (con gráficos, infografías, informes, auditorías) contra aquel atentado contra a saúde da ría e, por descontado, da flora e da fauna (incluida a poboación en perigo) deste marabilloso anfiteatro oceánico. Só os empresarios, cunha timidez case clandestina, ousaban defender ao intrépido e case delincuente presidente da autoridade portuaria, xa que mesmo o PP, diante da ofensiva xornalística, decidira retirar batalla en agarda de mellores tempos. A memoria enfraquece cando trato de recordar se houbo manifestacións contra o recheo e a preguiza de andar buscándoas (con dificultades notorias) impide determinar quen foi a aquela marcha, agás os habituais grupos ecoloxistas ou grupos preocupados pola expropiación de lugares naturais. Pero basicamente era ese o panorama. Ben distinto ao que hoxe se ofrece ao mundo.
Fose como for, anos despois a iniciativa da autoridade portuaria quedou paralizada, en certa medida polo pulo do Concello de denunciar o que se consideraba atentado ecolóxico. Seica o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu a razón á Autoridade Portuaria o ano 2007 e, desde aquela, os intentos de repetir a fórmula de esponxar augas ao xeito holandés para gañar terreos para tinglados e guindastres véñense sucedendo con desigual fortuna. Pero eso si, cunha cada vez máis feble oposición, ben visible pola paulatina pero evidente desaparición do xornal decano do campo de batalla e da primeira liña de combate, no 2002 encarnizado.
Agora Corina Porro arréalle ao recheo coa axuda inestimable dos mesmos que antes avalaban o proxecto, agora tamén apoiado polo seu propio partido e agora tamén por parte dunha silenciada opinión pública que apenas ten voz para rexeitar a clara invasión do mar coa terra ademáis do furado polo AVE baixo a Madroa. O concello encabeza de novo a oposición ao proxecto, pero é o poder xudicial o que manda parar de novo a obra por se incorre en problemas de calado ambiental. Ou sexa que seguimos na mesma posición que hai sete anos, pero cos protagonistas algo cambiados e, sobre todo, cunha lixeirísima oposición silenciada ou agochada e cun xornal que, asombrosamente, despois de berrar contra isto hai tempo nunha campaña mesmo desaforada, fai agora un mutis polo foro escandaloso.
A min me lembra todo esto o mesmo escándalo do PXOM, tantas veces litigado con fortes declaracións, con duras posturas tan enconadas e definitivamente librado con vontade política e cun silencio clamoroso que fala elocuente da fraxilidade das voces críticas, apagadas cando algún dos sectores antes belixerantes decide mudar sen explicación convincente a súa posición. Agora, con este asunto pasa o mesmo.
A min non me gusta o recheo do Areal/Guixar. Creo que, á marxe de que está por aprobar o plano de usos (esa vella teima que non conclúe e que outorga patente ao dono da parcela) hai lugar para o desenrolo do porto sen ter que recorrer a estas prácticas, moi habituais en tempos de crise cando a coartada do desemprego ou dos investimentos perdidos predominan sobre o resto. A derrota do bipartito nestes últimos tempos supuxo a ocupación partidista do Porto como plataforma para a candidata Porro e, por que non dicilo, como trampolín para tocar os narices e o que faga falta a quen se tercie, dada a maior liberdade de movementos que un presidente pode ter. Temos liorta para rato, pero coa diferencia de que neste caso a oposición a tales desmanes aparece ao meu xuízo demasiado vencida e desarmada de antemán.
O que resulta máis incrible é o papel de certos medios de comunicación, antes absolutamente belixerantes e agora doces transmisores da única verdade incontestable: recheo ou fame.
Nessun commento:
Posta un commento