A acumulación de casos xudiciais referidos á corrupción pode producir un efecto perverso na opinión pública se non somos quen de explicar polo miudo e de xeito convincente as causas desta deriva delincuente. Sen dúbida, resulta preocupante a intensidade do delicto, a extensión cefalópoda da trama e, sobre todo, a notoria categoría dos acusados. Pero corremos o risco de levar a caos e a totum revolutum o conxunto, con indisimulada satisfacción para quen está implicado en tan graves casos. E tamén, corremos á inversa o risco de buscar, para simplificar o maremagnum e proceder por xibarización mental ou preguiza política, un par de chivos expiatorios, un par de años ao foleón mediático, para que alivien a tensión interna e permitan saír do incendio non só ilesos senón mesmo fortalecidos coa queima de silvas e sebes murchas ás principais autoridades dun partido que non fixo ren para paralos.
Non falo de posibilidades, senón de fenómenos xa advertibles na posición dos principais encausados e na mesma cúpula do poder do Partido Popular. Desta maneira, cantos máis sexan os chamados a declarar, a dar información, a ofrecer os seus propios datos (convenientemente complicados ata a contradicción permanente), máis difícil será ter unha visión racional da rede de corrupción montada. Estase a ver que os coches, os ternos, as viaxes de novios, os reloxos dalgún dirixente popular cobra máis importancia ca, por exemplo, a propia constitución das relacións delictivas entre os diferentes membros do partido. Que o labor de todo un secretario de organización durante varios anos de responsabilidade política en Galicia, pateado en salva sexa a parte polo propio Fraga, sen que iste, sabedor do suposto delincuente que tiña ao seu carón, dixera nada ao respecto, pase desapercibido (e con el algunha parte do PP galego) nesta trama de por si complexa. Polo contrario, a sobranceira ubicación de certos personaxes, verdadeiros rasputíns e muñidores de cohechos e abusos de poder en todas as súas variedades, no centro da polémica (Correa, Bigotes e agora Bárcenas), como apestados, contribúe a apartar do foco a propia rede de vencellos e compromisos dun partido político. Hoxe mesmo o diario EL MUNDO publica unha información na que suliña o carácter case demoniaco de Correa (falase dunha secta con capacidade de sedución arrebatadora, case diabólica) e a intención de boa parte destas persoas de formaren un partido á marxe do PP. A estratexia, logo, é evidente: colocar na picota a estes agora indesexables, convidados á grella fabulosa de san lorenzo do escorial, para deixar limpa a propia estructura de delictiva apropiación de caudal público por vías de cohecho e corrupción máximas. Que ademais a presidenta da comunidade onde o escándalo cobra dimensións elevadas queira quedar fóra de todo, mesmo como adaíl da denuncia, non deixa de ser un exemplo máis deste intento de confundir ata o extremo á opinión pública, se non fose un evidente e flagrante caso de infame caradura. A actuación do outrora progresista e galeguista Luciano Varela na persecución dun Baltasar Garzón probablemente torpe pero en nada prevaricador de forma simultánea a estes sucesos (sen esquecermos do balbordo balear) non fai máis ca axudar a esa perigosa deriva de mesturalo todo, de crear a sensación de nauseabundo caos no que sempre triunfan os que máis interese teñen en quedarse con todo.
Por iso se fai necesario analizar todo con detalle e claridade: sermos especialmente finos na explicación de todo o proceso, definirmos ben toda a trama desde a súa orixe. Non emprendela pola brava con palabras de groso calibre contra o máis sobresaínte, contra o máis evidente, porque iso é o que se pretende da opinión pública: que claudique diante da magnitude dos feitos e que emprenda unha fuxida coa xeralización habitual nestes casos. Isto é, polas probas presentadas, un gravísimo delicto, ten os seus delincuentes (algúns xa na cadea) e ten que ter un proceso que eu espero convincente.
Polo de agora, o que debe facer a opinión pública, como hoxe mesmo nun excelente artigo demandaba Roberto Blanco Valdés, é de forma sosegada pedir xa unha a unha as responsabilidades políticas ao partido popular en forma de rotundas demisións (non esa miserenta backdoor da renuncia, por certo repetida) que polo de agora non se están a producir.
1 commento:
Bueeeeeeno, estaba agardando algunha análise creíble e vela aquí está. O máis doado é agarrarse a esta póla de salvación que vostede propón...pero aplicando o de "si la cosa funciona"...do mestre W.A. creo que todo vai seguir igual, o que quere dicir que a moito peor. Seica son as servidumes do noso modelo (sic) de organización, que ademáis, hai que fastidiarse, tododiós concorda que é o mellor, esto de comerse e roubarse mutuamente para alimentar o fluxo dun intercambio que nos fornece do que acabará por estouparnos na cara. E a "resistencia" ¿u-la? ¿u-la sociedade civil que ten que poñer punto final a tanto desfalco? velaí o peor, o silencio, a claudicación, o sacrificio da verba do pobo neste descomunal balbordo...faime graza, algúns falan ata de propósito de enmenda...
Posta un commento