Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 aprile 2010

REPÚBLICA A VOLONTÉ

As celebracións do día da República teñen ultimamente un aire amateur e, por que non dicilo, folclórico que non sei se lle vén moi ben ao movemento uniformemente acelerado (cunha aceleración iso si >0) cara a constitución dun novo estado republicano. Resulta reconfortante atopar ese mesmo 14 de abril unha morea de xente que coma ti practica o republicanismo en silencio e decide quitar a bandeira ao balcón ese día precisamente, como lembranza dunha tarefa que aínda está por realizar. Pero esta acción, sen dúbida emotiva, como sucede cos cabodanos ou cos aniversarios funerais, contén un aquel rutinario do que se van desprendendo ao meu xuízo moitos deses recordos, moitas das pegadas desas lembranzas.
Que República rememoramos cada 14 de abril? Cada un ten a súa e non fai falta dicir que non é necesario que coincida cunha real (digámolo para entendérmonos, a sabendas de que tal cousa non existe) ou mesmo cunha ideada desde antigo: funciona, ás veces, como unha utopía/ucronía, por outra parte, nada definida, ou coma unha palabra fetiche que incorpora, á carta do que a pronuncia, as emocións, as intelixencias, as ideas ou mesmo imaxes o eslógans que un pode desexar. Ese desprendemento histórico, inevitable e natural, prodúcese por adelgazamento (procura cada republicano aquilatar a súa percepción daquel tempo) ou, nun movemento inverso, por ampliación interesada, ao engadir ás habituais marcas do republicanismo á que peta ou convén desde unha perspectiva moderna e algo anacrónica (sen sentido pexorativo) perfectamente asumible. O republicano moderno pule, rectifica, modula, simula, en fin, unha idea de República. Acepta unha República propia, axeitada aos seus propios planes: quere, en fin, unha República de seu, non sei se intransferible.
Desta multiplicidade de repúblicas (incluida a que procede da decantación da infinita historiografía existente) xorde a necesidade de evocar unha máis ou menos convida, máis ou menos aceptable. Neste intento de procurar esta koiné política, o republicano remata por conformarse con pronunciar a palabra, flamear unha bandeira e felicitarse por ser o que é. O paso ao folclorismo ou aos xogos florais é ben pequeno. Onte pareceume velo.

Foto: O do centro da fila de abaixo, o avó Félix.

3 commenti:

ourensan@ ha detto...

Sabes, millor ca min, que teu avó, do que aquí presumes, non estARÍA PRECISAMENE orgulloso de ti polo teu post.
Unha das premisas do espíritu republicano é a eliminación de castes e xerarquías, mesmo intelectuais, que so existen na comparación. Os, logo, foxá, laín, etc etc, hoxe chámanse Marías, Reverte, e, noutra categoría, pero co mesmo ideario base, vexo a túa aportación.
Non éres millor ni meirande dos que criticas desde a tua atalaia. Todo o contrario. Viva a república.

Jim Morrison ha detto...

Descoñezo que ten que dicir Reverte verbo a República. Coñezo mellor a Marías, e non podo entender como se lle equipara con Foxá. O único pecado de Marías é non recitar punto por punto a vulgata do progre de principios de milenio. E dende logo, Laín, con todas as súas vacilacións, ten todos os meus respectos. Máis, por exemplo, que Alonso del Real, que delatou a Marías padre por mezquinos intereses académicos. Non comparto, por último, a definición que ourensán fai de republicanismo. O republicanismo non é un credo igualitarista. A tradición igualitarista é socialista.

arume dos piñeiros ha detto...

Admitamos, logo, que non quedou claro, o que quixen dicir. Ou si.