Leo, completamente estupefacto e como un auténtico papanatas que son, as declaracións dos editores españois no diario EL PAÍS: aparte da ocorrencia de Herralde sobre o papanatismo nas tecnoloxías (esa típica displicencia simplona de quen despreza canto ignora), as do editor de RBA, un tal Joaquim, que di sen ruborizarse o máis mínimo que lle costa imaxinar a "alguien leyendo a Roth en pantalla", e as do editor de Acantilado (editorial que merece un respeto polo seu catálogo), outro tal Jaume, que cre abocado/a á estupidización a un lector/lectora só dixital. Non desmerece ao disparate a simplicidade da editora de Alfaguara na súa consideración sobre ficcións e non ficcións a estas alturas da película. Todas estas declaracións, colocadas estratexicamente polo xornal que mantén tantas industrias culturais vencelladas ao libro impreso, pretenden, supoño, alertar xa non sobre as capacidades ou as posibilidades do libro electrónico senón atacar aos posibles lectores e lectoras deses libros pola vía de desacreditalos por inconscientes, estúpidos, incompetentes e por algo semellante ao frikismo por ler nun ecrán e non sobre o papel de toda a vida. Ou sexa, están máis preocupados por unha especie de ética da lectura (nin siquera dunha mínima poética da recepción) ca pola dimensión que pode acadar o fenómeno. Eu comprendo moi ben que o negocio coa perspectiva do libro electrónico para os editores é desacougante, pero tamén vexo que todos eles están a facer movementos, moitos deles á desesperada, por non escapar dese ámbito. Hai quen abraza e trata de ocupar o espazo dos novos soportes (mesmo coa intención de paralo, ralentizalo, para dar tempo a coller aire, que é, por certo, o que creo que está a pasar) e hai quen, coma estes, cunha formación cultural determinada, ao parecer tristemente refractaria non ás novas tecnoloxías senón á mera análise da situación, pretenden dar leccións morais sobre como, cando, donde, que a quen se debe ler. Non me estrañaría que sexan eles os mesmos que promocionan esas plataformas de venda de libros por interné ou que promoven a impresión baixo demanda (non atopo nada máis alonxado das novas tecnoloxías que este propósito) os que agora mesmo demonizan o que non é máis ca un soporte novo de lectura, que probablemente incorpore outras vantaxes, que polo de agora (e isto é o máis triste) non están na axenda creativa, e que poden mudar (ou non) o modo de ler para o futuro.
A foto con que se acompaña a información, con todos eles baixo o paraugas protector, non pode ser máis significativa.
Nessun commento:
Posta un commento