Tras deixar as antigas hortas de Diego Sarmiento de Acuña, funme aproximando á Real Chancillería, agora transformada en Biblioteca da Universidade de Valladolid, e á casa fidalga de Juan de Vivero, lugar onde se cre foron celebradas as nupcias dos reis católicos. Nesta parte, advírtese a presencia do pasado capitalino de Valladolid: simbólica, porque a zona, chea de tránsito automobilístico, invalida calquera posible evocación medieval. O palacio de santa Cruz, propiedade da Universidade vallisoletana, posúe un xardín belido na súa parte posterior, cunha fontana con surtidor de sombra y sueño, gardada por unha cancela e por unha frondosa sebe de buxo que se agradece cos trinta graos que comeza a facer a mediodía. Alí hai unha residencia universitaria, nun patio tipicamente romano, ben cuidado e moi tranquilo. Hai obras no palacio de fachada renacentista, diante dunha praza moi elegante por onde pasean os moitos estudantes desta cidade. O edificio moderno da Universidade, alí perto, do século XVIII, coas estatuas de mulleres que simbolizan as disciplinas dos studia humanitatis, abre o gran espazo, agora renovado, da traseira da inacabada e pulcra (non tanto como a leonesa) catedral, coa estatua de Cervantes e, sobre todo, coa incrible igrexa branquísima da santa María a Antigua. A luz cenital e o ceo limpo iluminaban a pedra desta igrexa senlleira de Valladolid, probablemente das primeiras, ubicadas a carón das dúas ponlas do río Esgueva no seu camiño cara o Pisuerga. A igrexa de san Martín, a casa de Zorrilla, pechada, un lento paseo pola fermosa rúa de Platería, por onde discurría precisamente algún regato dese mesmo río, glosado satíricamente por Quevedo, cuxos versos aparecen en placa gramada no chan. O pasaxe Gutiérrez, de corte algo modernista, como tantas casas desta Valladolid (na rúa de Recoletos proliferan no lugar onde estivo o Hospital da Resurrección, aquel de onde sae o alférez Campuzano das súas febres sifilíticas), rompe a visión da pedra e permite penetrar no Valladolid algo máis céntrico, cheo de axitación urbana. Nótase a presencia da praza da Fuente Dorada, da rúa Gallegos e da excelsa Praza Maior, requetelimpa e ateigada de xente que pasea dun lado ao outro con esa tranquilidade entre funcionarial e levítica.
Nese mesmo lugar, nunha terraza, xusto enfrente da estatua do conde Ansúrez, parei a tomar un piscolabis, antes de proceder á visita á famosa rúa Correos onde puiden atopar o Bar Zamora, olimpo das tapas, e parolar un rato largo co seu camareiro sobre aspectos fundamentais da vida humana: a forma de seccionar/laminar os pes do pulpo, a pertinencia dos queixos nos montaditos e a fórmula para aderezar os caracois.
Nessun commento:
Posta un commento