Caxigalines nella Reguera'l Campizu

13 giugno 2010

Á ESQUERDA, NA ROTONDA DE RANDE


Para Belén, Comba, Antón, Roberto e Fran.
Moitas gracias por facerme pasar uns días inesquecibles.

Eu creo que a clave estivo alí: na rotonda de Rande, despois de saír da autopista. Alí din unha volta case enteira e virei á esquerda, seguín a beira do mar, por debaixo da ponte e cheguei ao peirao de san Adrián. O día luminoso, cegador para os meus ollos, pousaba sobre a lámina gris do mar de Cobres.
Chegamos a illa no momento xusto. O acto comezaba de inmediato. Abriu un grupo de tonada popular (digo o de tonada porque cantarexaban imitando as reviravoltas da toná asturiana, algo sorprendente), estilizada por unha polifonía algo estraña. Non me disgustou, pero a min os alardes vocais non me chistan moito.
A presentación de Celia Torres, levada polo fío conductor da conmemoración dos vintacinco anos de Merlín, narrou a longa traxectoria do premio, interrumpida en primeiro lugar polo discurso lírico de Fina Casalderrey. Dirixido a un Merlín, que xa debe ir algo canso de saír en canta novela, conto ou relato galegos, resultou ameno, lido cun ton (melo)dramático que a min particularmente non me atrae demasiado e que creo que lle resta rotundidade e eficacia ao texto. É percepción miña, de tiquismiquis, pero que se viu corroborada coa comparación involuntaria coas outras dúas extraordinarias intervencións.
A primeira, despois de darse a coñecer o resultado do premio Merlín, foi a alocución non escrita, improvisada sobre un pequeno guión, dunha nerviosa e emocionada Teresa González Costa. Ao principio case non podía falar da velocidade coa debía bater aquel corazón, pero despois recobrou a tranquilidade suficiente para deixar ver un discurso intelixente, enérxico, entusiasta, que foi converténdose pouco a pouco, nun crescendo espectacular, no ton dominante do que quedaba do acto.
A segunda interrupción, a que daba lugar ao anuncio do Premio Xerais, convertiuse na erupción incontrolable do que eu chamo o volcán Zúñiga. Cun pano de cadros vermellos e brancos ao pescozo, unha camiseta preta na que se podía ler por diante "Ler é sexi" e por detrás "Escribir é excitante", con varias preciosas tatuaxes, cuns pantalóns tamén pretos e cuns tenis pretos niquelados e nikeados, saiu á palestra a ler (sexi, como se deben ler sempre todos os textos, arrecarallo) un texto demoledor, de fervenza retórica, cheo de citas heteroxéneas, (in)apropiadas, (in)oportunas, pronunciadas coa vertixinosa velocidade xa non dun rap (como algúns podiamos sospeitar coa ollada posta ademais na súa man dereita que baixaba e subía ao ritmo das oracións), senón de ráfagas de metralleta, aplicadas ao chou, sen apuntar, como declaración estética. Non sei canto durou aquela balasera verbal e literaria. Nin me importa: a súa palabra, arrebatadora, foi quen de facerme chorar bágoas de emoción non polo que dicía senón polo que representaba aquel momento. Pode que me volva algo sentimental: admitido, pero así foi, por que negalo.
Celia tomou a palabra despois da salva de aplausos, longa e encendida, que levou Iolanda para confesar o que todos estabamos pensando: que era ben difícil continuar o acto. E, en efecto, o silencio con que escoitabamos a continuación do relato procedía non tanto do respeto á oradora como da dixestión demorada daquela explosión de intelixencia.
Tras Celia e unhas cancións do grupo de Chapela, tocoulle a Manuel Bragado rematar o acto. Coñezo pouco a Bragado, pero das poucas ocasións en que o oín falar (probablemente non cheguen a cinco), esta podo dicir que foi eléctrica. Cun indisimulado entusiasmo, foi desgranando todos os puntos dos que quería falar, para chegar ao momento para min fundamental en que proclamou o altísimo valor simbólico de outorgar os premios deste ano a dúas mulleres nacidas en 1975 cunha vitalidade e cun futuro totalmente esperanzador, ao tempo que lamentaba que a sociedade non correspondera ao enorme talento dunha xeración máis ca suficientemente preparada. Bragado fixo ben en apartar por un momento o recordo dos malos tempos do mundo editorial (doutros supoño que tamén) para dar paso, con moi bó criterio, ao relatorio de esperanzas que a excelencia dos premios deste ano supón.
O ágape de despois serviu para recibirmos aínda máis sorpresas. Pero destas non vou falar, pero si quero suliñar a impresión extraordinaria que as dúas premiadas me causaron. Persoas ás claras completamente simpáticas (no sentido máis recto da palabra: capaces de xerar unha corriente de afecto inmediato), cun sorriso permanente no rostro, de felicidade, pero tamén de ilusionada efervescencia. Fóra, ao meu xuízo (ou iso creo), de círculos culturais e literarios, case outsiders, dedicadas á tarefa literaria en corpo e alma, alonxadas da maré habitual de amizades e compromisos. Velas alí, despois de pasados os primeiros minutos de agasallos miles, coas súas amigas ou cos seus fillos, non digo que soas, pero si cos seus, foi para min definitivo: alí estaba o presente seductor, encantador da literatura galega, sen alardes, nin adornos de ningunha clase. As fotos que fixemos con elas (que amabilidade para todo!) están gardadas para sempre.
Volvimos ao barco para regresar a Vigo coa noite ao fondo da ría. Cando tocaba de novo terra, dinme de conta de que a clave estivo onte en virar á esquerda na rotonda de Rande.

5 commenti:

anton ha detto...

Eu tiven que reprimirme para non chorar con Iolanda.Foi moi emotivo. E o xurado foi un luxo, coñecerte a ti e a Belen , a Comba e Roberto xa os coñecia. Volveremos a vernos. Unha aperta Antón

Un lector ha detto...

Vaia crónica, señor Arume! Así dá gusto! Tamén eu me emocionei ben coa radicalidade e o entusiasmo de Iolanda Zúñiga. Pagou moito a pena ir a San Simón!

Lula Fortune ha detto...

Un detalle insignificante (o no): el pañuelito de Iolanda no era de cuadritos sino de lunares.
Por lo demás, coincido con usted y aplaudo todo lo dicho en su post, señor Arume.
Iolanda ha sido como abrir una ventana y dejar que te inunde el mundo, en galego.
Bicos.

arume dos piñeiros ha detto...

Sorry, sorry. Nefeto, de lunares.

Eduardo Baamonde ha detto...

Arrebatadora. Isa foi a palabra que lle dixen ao amigo Xulio cando vin a foto de Iolanda na Voz. E iso que nin a lera, nin a escoitara antes. Moito me alegra que accedan de vez en cando ao Parnaso xente anónima, sinxela, franca e cun talento que xa quixeran os habituais de dito lugar. Noraboa aos membros do xurado.