26/06/10

O SAL DO TEMPO

Para IPP, unha muller extraordinaria


Este é o tempo de agarimar a memoria

dos amores antigos

que non foron posíbeis.

As rapazas da brisa,

perfil de porcelana polas rúas, un rumor

de ollos sorprendentes, un papel

de códigos arcanos.

Ela chámase Sombra

e ninguén a coñece. Non vive nesta praza

abrasada de pombas,

non é luz deste barrio, anda perdida

no texto indescifrábel da cidade.


Ela era

azougue clandestino, un corpo que pasou

atravesando as órbitas da lúa,

da lúa negra.


XMAC, Tempo de sal.