Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 giugno 2010

VALLADOLID 3

O piscolabis en Casa Zamora foi breve porque tiña que voltar ao hotel e despois ás actividades académicas vespertinas, en horas intempestivas. Pero foi suficiente para sopesar o ambiente da rúa Correos e adxacentes, perpendiculares e paralelas. La Criolla resultou imposible de visitar, de tan ateigada, e El caballo de Troya foi rexeitado porque xa fora doutra vez e con pracer experimentado. A Taberna del herrero, famosa polos seus ovos rotos, foi a elixida nesta ocasión para probar os callos da zona, un dos meus especiais exames gastronómicos, moi semellantes aos que nos entornos familiares estamos afeitos.
Co bandullo algo cheo e coa canícula no lombo, regresei pola rúa de Santiago. Mirei a placa que celebra a novela de El hereje nos muros da igrexa de Santiago, unha pequena capela románica case agochada no fragor dos comercios. Pasei despois polo convento das francesas, no medio dun patio de veciños, tamén escondido entre tendas de mercaderes. A devoción por Delibes, por certo, é extraordinaria e ben se pode comprobar no excelente escaparate preparado pola non menos exemplar librería Oletum, cuidadosa coa presentación dos libros e da cultura. Para que se tome nota por estes lares, e unha vez que sabemos hoxe con tristeza que deixa Michelena o seu trono en Pontevedra.
A mañán xa non me deu para máis: probei a tomar xeado na Iborra, pero a cola pola rúa Lencería era grande. Despois de descansar case nada no hotel, fun ás beiras da Esgueva (en feminino), onde se atopa a Facultade, a xulgar e a non ser xulgado xa á tarde. No camiño aínda pasei pola curiosa igrexa da Magdalena cun dos máis enormes escudos nobiliarios que eu lembre, e polas Huelgas Reales, nun enésimo encontro coa arquitectura senlleira da capital de Castela (que non de León). Á noite aínda lle dimos á conversa cun solombo nunha terraza, coa calor sempre agradecida das soirées castelás.
Quedaban ao día seguinte dous pasos interesantísimos. Pero creo que dan para outro post.

Na foto, o das francesas.

Nessun commento: