Caxigalines nella Reguera'l Campizu

18 giugno 2010

PRIMEIRO ACTO DA MATO AGE


O acto (con perdón) de hoxe foi correcto. Correcta a despedida de Gago, co medio sorriso que delataba unhas ganas ubérrimas de deixalo todo e cunha frase de peche pouco institucional (puido dicir "en boas mans" pero dixo "nas mellores mans"). Correcta a inaugural de Mato, pronunciada con velocidade atrapallante e dicción escasa (por mor da postura inclinada cara o micrófono), algo longa para o meu gusto e requecida co refugallo da pasada campaña electoral. Correcta a solemne xura de bandeira constitucional, con certo morbillo por vermos como se producen certos acatamentos e proclamacións de lealdades monárquicas. Correcta, con nota máis elevada cós anteriores, a institucional de Feijoo, cun destacado arranque con cita alfonsí sobre a creación das universidades: ben pautado, con ritmo tranquilo e claro. Non faltaron no discurso nin Cunqueiro (non haberá máis citas cás famosas mil primaveiras (sic)!!) nin o espíritu pelegrino de Galicia, nin unha pequena alusión á fe da catedral compostelana que non me chistou moito sobre todo oposta á razón universitaria. Peccata minuta, case como o piscolabis, minuto (miudo) tamén, case austero.
Entre discurso presidencial e petiscos cativos mediou unha extravagante interpretación dun supercalifraxilísticoespialidoso, dedicado ao rector saínte por parte do coro, antes do Gaudeamus: o máis celebrado do acto. Para algúns, magnífico; para outros, gozosamente representativo dunha universidade moderna; para outros, unha pinga desconcertante; e para os menos, unha impropia saída de tono protocolario. División de opinións nun correcto e algo aburrido acto de inauguración da Mato Age.

Acéptanse apostas sobre a razón que levou ao coro a elixir a canción dedicada a Gago. Un mix, por certo.

Nessun commento: