Gianni Mura, un dos máis interesantes xornalistas deportivos (unha clase na que boto de menos ao grande Patxo Unzueta, ao que non chega nin de lonxe o pedante Segurola) de Italia, escribe hoxe en EL PAÍS sobre o Tour de France. A pesar dunha certa tópica sobre o país francés, Mura describe o que representa a carreira desde un punto de vista social, político e mesmo moral, sobre todo cando acerta a describir a devoción que sinten por Poulidor, o eterno e esforzado segundo, e a emoción que transmite o recorrido épico destes ciclistas polas estradas estreitas do interior de Francia.
Para mín o Tour representa un tempo no calendario, tarde lenta de Xullo, en casa tirado no sofá, pero tamén tardes nun chigre de Candás en Asturies, cun ceo tan escuro coma o de hoxe e un chan mollado coma o destes días de outono, para mirar a José Manuel Fuente (el Tarangu) ou a aquel Ocaña (conquense de Mont-de-Marsan ao que os xornais franquistas regateaban victorias) e a Eddy Merckx, acompañado dun cheiro entre sidra e Kas de laranxa. Recordo o chigre ateigado con fotos de Fuente, asinadas por el, a carón de tantos outros como Gimondi, Zoetemelk ou o propio caníbal belga. Que os afeccionados a este deporte non son moi mirados cos lugares de orixe dos que son capaces de subir ao Galibier, á Croix de Fer ou ao temible Mont Ventoux, aquel monte que subiu un día Petrarca (co seu irmán) no primeiro relato de montañismo da historia.
Onte houbo etapa alpina, un pouco tola, coma esixen as primeiras de montaña. Pero, tras a verde tranquilidade das pistas de Wimbledon, non pode haber un Xullo sen a emoción inevitable dun Tour de France. Comme il faut.
7 commenti:
Recoñezo que xa non vexo o Tour dende que Indurain empezou a gañar. Pero que boas tardes me deron Hinault, Lemond e Fignon; máis sobre todo Perico Delgado.
Lembro un pequeno bloc do meu irmán onde tiña apuntados os nomes dos corredores do Tour con cadanseus dorsais: Molteni: 1 - Merckx... Bic; Kas.
Amigo Arume: ¿que era iso de Molteni que lle facía rivalidade ao refresco e máis a "Bic naranja escribe fino, Bic cristal escribe normal"?
Eu creo que son mobles. E de luxo.
Para min o ciclismo, sobre todo cando nun tour non hai un armstrong ou un indurain, segue sendo o deporte máis fermoso.
As miñas lembranzas non van máis aló do Tour de 1988, aquel de Perico e Roche, pero si recordo as chapas de Kas coas fotos dos ciclistas...
Veño de ler que Segurola deixa Prisa para ir de subdirector ao Marca. O Segurola exerce sobre min unha curiosa fascinación: atendo cando el fala, pero moléstame a súa fala ou escrita ex-cathedra, considéroo un "resultadista" ( en contra da súa propia opinión, teño probas ), e certamente é un pedante. Porén, recoñézolle un bo coñecemento do atletismo e téñolle unha certa simpatía-compaixón por ser siareiro do Athletic.
Sobre Molteni: nin se me pasou a posibilidade dos mobles. Seguro que o cupo mental estaba cuberto con Teka - do infravalorado Raimond Dietzen, por certo.
Patxo Unzueta, agora en información política, asinou as mellores crónicas sobre o Athletic en décadas. Coincidiu ademáis co mítico Saraiba.
Segurola foi nomeado redactor xefe de cultura de EL PAÍS: un erro monumental. As páxinas de cultura quedaron nunha indefinición maiúscula.
A miña relación co tur vai das maiores emocións as mellores siestas. Destas últimas lembro unha xa mítica de hai ben anos (supoño que estaría o Indurain dando o coñazo)na que pechei os ollos escoitando ao gran Perico explicar non sei qué do plato e dos dentes e espertei escoitando algo así como "los bramidos del elefante gris despiertan la sabana". Desde aquela non son quen a ver un documental do Serengueti sen lembrar a Perico (por certo, que en Otur cómese moi ben).
Hoxe non foi moi alá: esas etapas que rematan 30 kilómetros estrada abaixo despois de chegar ao Galibier (qué medo!) son un pouco coitus interruptus. Menos mal que había un re-peito ao final.
Posta un commento