Tras un día de divertidísima tertulia en torno a unha lamprea, da que darei conta máis adiante, teño un mínimo tempo para narrar o inenarrable. En primeiro lugar, o camiño de ascesis mística cara a montaña onde estaba anunciado o descenso do deus de Duluth. Como era de esperar, a subida constituiu unha proba nova de fe por varias razóns, entre as que debo destacar compartir un autobús de dobre lonxitude, modelo verme, coa modernidade talludita e enrolladita, recelosa de ser levada a Benidorm antes ca ao Ifevi, e padecer unha ximkana frenética por carreiros e corredoiras estreitas e curvas de Lavadores e Cabral, baixo unha calor abafante. Ao chegarmos ao recinto, unha cola increíble para vixiar que non levabamos cámaras nin videos permitiu calibrar a ollo varias cousas: 1. A relativa variedade xeneracional, cunha maioría notoria para quintas entre 1955-1965 con galas ad hoc (ou sexa a camiseta tripeira, pero negra); 2. A maioría masculina nos asistentes; e 3. O perfil clase media, digamos de cheirume universitario, predominante.29 giugno 2008
MIGHTY BOB
Tras un día de divertidísima tertulia en torno a unha lamprea, da que darei conta máis adiante, teño un mínimo tempo para narrar o inenarrable. En primeiro lugar, o camiño de ascesis mística cara a montaña onde estaba anunciado o descenso do deus de Duluth. Como era de esperar, a subida constituiu unha proba nova de fe por varias razóns, entre as que debo destacar compartir un autobús de dobre lonxitude, modelo verme, coa modernidade talludita e enrolladita, recelosa de ser levada a Benidorm antes ca ao Ifevi, e padecer unha ximkana frenética por carreiros e corredoiras estreitas e curvas de Lavadores e Cabral, baixo unha calor abafante. Ao chegarmos ao recinto, unha cola increíble para vixiar que non levabamos cámaras nin videos permitiu calibrar a ollo varias cousas: 1. A relativa variedade xeneracional, cunha maioría notoria para quintas entre 1955-1965 con galas ad hoc (ou sexa a camiseta tripeira, pero negra); 2. A maioría masculina nos asistentes; e 3. O perfil clase media, digamos de cheirume universitario, predominante.25 giugno 2008
TERTULIA LITERARIA
Na tertulia do Diablito do pasado venres a estrela foi o escritor Tomás Lagares. Non estaba previsto falar do seu novo libro, La putilla y el chepas, pero a entusiasta presentación que fixo o insigne polígrafo don Jesús Oleiros animou o debate. A novela conta a tormentosa relación, de compoñentes bizarros, entre unha relacións públicas dunha discoteca cunha fisonomía de escándalo e un camareiro de cabelos tintados e lixeira inclinación corporal. O asunto pode parecer a clásica recreación do mito erótico da bela e o besta, aggiornato ao ambiente recoñecible da noite canallesca. Nada máis lonxe da realidade. O libro conta o descensus ad inferos do Chepas, alcume do camareiro, ata as fonduras miserentas dun sistema literario calquera. O barman, vocacional escritor de noveliñas de xénero negro, ten a mala fortuna de gañar un premio literario cunha obra que escribe entre cubata e gintonic de sonyguolker. A relacións públicas, a musa inspiradora que amarga a súa existencia co seu desdén máis flagrante, fica abraiada co éxito do seu colega e decide amadriñalo na seara literaria. Non podo contar máis do conto porque desvelo (fago de spoiler, que é moito máis fino) unha parte importante do conxunto. O certo é que o relato, cunha aparente falta de cuidado, emprende unha complexa derrota e remata por ofrecer unha interesantísima visión (con asomos de verosimilitude moral) do mundo, na que non falta, por suposto, a típica narración in fieri a propósito dunha multiplicación de planos narrativos e o desenrolo dunha trama simbólico-alegórica que, con claras reminiscencias dantescas, enriquece o fío central da novela. 23 giugno 2008
SAN XOAN DESDE A FIESTRA

Estou facendo tempo porque ás catro da mañán vou buscar á miña filla á verbena de san xoan en Panxón. O de verbena é por respecto á tradición máis que como descripción axeitada á realidade. Fun o ano pasado porque alí o Occam ten mansión e adoita convidar ao persoal a disfrutar daquela troula xigantesca. E digo ben, porque non esaxero o máis mínimo se digo que alí se concentran decenas de miles de persoas (no chegan ás 100.000 por pouco), ao redor de lumieiras (folións, cacharelas, fogueiras ou *hogueras como en A Coruña;)), de litroeiras de brebaxes indómitos, de tabaqueiras industriais con arrecendo a comuna de Novo México ou de mobles de escai desprazados pola ocasión cara á area da praia. Coa luz máxica do lume enceso, moreas de mozos e mozas, cos ollos iluminados por algo máis có resplandor das lapas, e ataviados cos traxes típicos da zona (bikini e bañador), recorren o areal coa ledicia característica destas entrañables festas. Como nun rito de fecundación, os rapaces, amosan, bébedos pola mistura de mandrágora e viño peleón, as súas mingas pouco mandingas ás ondas que veñen e van para deixar alí as súas pegadas orinais. As rapazas, pola súa conta, tentan ser favorecidas polas augas ao se agacharen con idéntico propósito. Entre as dunas e ao pé das xunqueiras, o brilo lonxano dos folións avermella o monstro das dúas costas enfebrecido nas loitas.
22 giugno 2008
20 giugno 2008
SELECTIVIDADE NOCIVA

Durante estes tres días, a rapazada do ano 1990 leva escribindo as respostas a un exame que supostamente marcará as súas vidas. Non o sei. Pero seguro que xa marcaron o seu pasado porque levan un ano enteiro preparándose para esta proba. A inmensa maioría ata acadar a nada despreciable proporción do 90% traspasa a barreira. Só un pequeno número de alumnos, que probablemente non merecía aprobar se non fora porque os seus profesores deciden que sexan outros os que o tiren para atrás, fica fóra do pastel. Pero aínda teñen o mes de setembro para tentar a fortuna (case un 70% do 10% restante e algún máis aproba, co cal podemos dicir que en total só un 3-5 % fica lonxe dos seus obxectivos, se cadra tamén esperado).
18 giugno 2008
CYD, SEMPRE DENTRO DUN SOÑO
Na millor película de todos os tempos, Cyd Charisse voa con Gene Kelly nun esceario marabilloso. Durante uns minutos únicos. Na nosa memoria ou agora mesmo mentres camiño ou escoito as sirenas dos barcos no Berbés, Cyd e Gene seguen a bailar. Bailan, sen deterse; bailan sempre. 17 giugno 2008
BARES DE VIGO: BODEGA ANDALUZA

Algo cansos de probar as marabillas da comida italiana, decidimos o domingo variar un pouco e probar comidas exóticas. Estivemos en dúbidas ata a última hora entre o chinés clásico da Alameda ou a Bodega Andaluza de Montero Ríos. A prevención da miña filla pequena ao fantástico mundo da chinese food, fixo que coméramos na franquicia sevillana. Para os pouco amantes da música aflamencada e nomeadamente das sevillanas, non é o lugar predilecto, pero salvada esa pequena pega que poderían solucionar elixindo dentro da arbre inabarcable do flamenco outro palo, o restaurante merece a pena. Aínda que só sexa pola excelente escolla dos seus ibéricos e do aceite empregado nas ensaladas de verdadeiro luxo. Presentan uns boqueróns rebozados con lixeiro sabor a comino e un solombo de ibérico riquísimo, así como uns revoltos de menudos de quitar er sentío. Probamos un Azpilicueta para acompañarmos o xantar, pero doutra vez (xa volvín tomar unhas cañas polo seu amable servizo e as xenerosas tapas) pido unha manzanilla para rematar a faena. Non se exceden no precio e, desde logo, agradécese esta nova oferta.
16 giugno 2008
A NEOÉPICA ITALIANA

Nos xornais italianos celebran este últimos días como a punta dun iceberg interesante os premios para Paolo Sorrentino e Matteo Garrone no derradeiro Festival de Cannes, cos seus respectivos filmes, Il divo (sobre a vida de Giulio Andreotti) e Gomorra, sobre o libro de Roberto Saviano ao redor da Camorra napolitana. Un artigo de Giancarlo di Cataldo no semanal da Repubblica e unha contestación de Paolo di Stefano no Corriere della Sera amplifican o postulado por Wu Ming, un colectivo de novelistas boloñeses, coñecidos e relacionados co Luther Blissett (aqueles da novela Q), que establece claramente unha nova corriente (entre publicitaria e verosímil) chamada new italian epic, unha nova épica italiana. Aparecen rótulos semellantes, como o de neoneorrealismo, sempre co fin de delimitar un tipo de manifestación artística, narrativa en gran medida, que, como di o enunciado do título xornalístico, non ten medo de emporcarse as mans. Dentro deste movemento, inclúen a escritores procedentes del giallo (del noir, din eles para seren tan pedantes coma nós) como Camilleri, tal vez o máis coñecido entre nós polo seu comisario Montalbano (agora reducido a serie televisiva que, por certo, nós non vemos) ou como Carlo Lucarelli, autor de una media ducia de libros de grande éxito e célebre presentador dun programa semanal na televisión sobre casos irresoltos de mafia, política, terrorismo de estado e delincuencia a grande escala. Ou como Ammaniti, dono dunha prosa truculenta, durísima, capaz de narrar o mundo da periferia das cidades cunha crudeza sen compasión. Ou como estes dous cineastas que indagan nas letrinas da política e da sociedade italiana para dar a coñecer a faceta escura dun país en completa crise. Os defensores da existencia desta nova corriente escapan de dictados morais ou políticos por consideralos incapaces de dar conta da complexidade das cousas. E, nesa liña, non eluden as preguntas incómodas, as perspectivas inconfesables, a risco dunha certa indefinición (buscada) ideolóxica. En todo caso, a neoépica italiana fuxe dos estreitos marxes dos relatos íntimos, de poucos personaxes e espazos moi limitados, para preferir os grandes panoramas, os frescos amplios dunha época, coa pretensión de agotar os ángulos narrativos. Non sei se La meglio gioventù ou os plúmbeos discursos cinematográficos dun Moretti acaen neste marbete pero si gardan con esta recurrente imitación da realidade o desexo de amosar o país no seu descontento político e o seu desencanto moral. A mágoa, coma sempre, é que haxa que agardar ao verán para mercar alí esas películas e comprar eses libros. Aquí chega o arrecendo lonxanísimo, cando chega, desas interesantes novas que convén (in situ, cómo non!) comprobar.
15 giugno 2008
O SPÓRTING A PRIMEIRA
LARANXOS EN PERIGO DE MORTE
Unha das singularidades de Vigo é a de ter laranxos e camelios alternados nas beirarrúas das súas avenidas principais, Policarpo Sanz e García Barbón. O arrecendo a azahar que chama tanto a atención en primavera vai ser historia, porque convén facer uns aparcamentos e precisan desterrar estas arbres senlleiras. Xa non sei que dicir: só queda blasfemar e defecar en canto irresponsable camiña por esta cidade.
14 giugno 2008
BÁQUICOS ALOITADORES

Aínda coas notas doces dos cubalibres tomados onte á saúde das 14 alumnas (entre elas dous alumnos) recén graduadas, lembro os intres de risas e rosas da cerimonia (unha sentida epístola de Carmen e unha demoledora diatriba contra o irracionalismo postmoderno de Jesus), as rajadas da cea (esas outredades e vanity fairs de todo a cen) e as celebracións da noite perto de Portugal Square co Angel (in english, please) vido from the curro of Morgadáns para recitarnos, ao pe da street coa auga do servizo de limpeza mollando os zapatos, one epic poem to Little Iron. Soaba Aretha Franklin mentres saíamos dos bares e o ceo da noite de Vigo era brilante e luminoso.
12 giugno 2008
INTOLER/ABEL

"Intolerable", ruxe a marabunta Caballero. As acusacións dirixidas ao Ministerio de Economía suliñan, polo propio groso calibre, a propia incompetencia. Canto máis alto berra, máis evidente parece o fracaso. Teis fica sen axudas por mor da insensibilidade gubernamental: esa é a tese sobre Teis de don Abel. Sen embargo, anos, lustros, décadas de esquecemento supoño que terán outros culpables. Animo aos vigueses a subir a rúa Santander desde o seu comezo na fonte que comparte muro cunha casa no bivio con Sanjurjo Badía. Ou a baixar desde a Guía polo Camiño do Espiñeiro ata Vulcano. Ou mesmo dar unha pequena paseggiata baixo os falsos plátanos de Xulián Estévez.
BRINCADEIRA EN SAN ROQUE
11 giugno 2008
CANTANDO BAIXO A CHUVIA

Extraordinario artigo de Félix de Azúa hoxe en EL PAÍS: "Vidas para lelos". Aínda que resulta difiícil destacar algo desta peza maxistral, suliño a súa afirmación de que Singin' in the rain é unha obra mestra do século XX, supoño que quixo dicir sen distinción de artes.
CHEGOU O VERÁN
10 giugno 2008
VIGO DESDE O COCHE (I)
9 giugno 2008
O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR, AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Dez pequenos contos constitúen O único que queda é o amor, o último libro de Agustín Fernández Paz, de título estraído dunha cita de Pamuk que figura ao comezo do volume. Ilustrado coa habitual elegancia por Pablo Auladell, leva como leit motiv unha nova cita da película 2046, de Wong Kar Wai, “Todas as lembranzas son sucos de bágoas”, que outorga aos distintos relatos un fío conductor en forma de tonalidade melancólica. O propio AFP declarou no seu momento que tanto a lectura de Pamuk coma a visión da fascinante película do director mudaron o aspecto final do seu conxunto de historias.
Pero, aparte desta nota principal que poderiamos considerar coma unha fermosa homenaxe de AFP aos libros e ás narracións que ama con verdadeira devoción, as historias que conta posúen unha deliberada semellanza na construcción do paso do tempo, o tema, ao meu xuízo, do libro. As olladas retrospectivas, as lembranzas, o discurso case completo dunha vida, incluso a descripción física das mudanzas na paisaxe conforman boa parte deles, coma nun intento de acreditar o implícito mensaxe do título de que nada queda, nada permanece, agás a presencia do amor.
[CONTINÚA EN COMENTARIOS]
8 giugno 2008
ESCÁNDALO URBANÍSTICO: XA SE VÍA VIR

Vexo hoxe nos xornais o que nos temiamos: a merda que van facer en Praza de España en Vigo. O aspecto virtual, con todas as reservas sobre as informacións, non pode resultar máis desacougante. Catro edificios de dezaoito alturas (coma as torres xemeas que vexo desde a miña casa) e, sobre todo, cunha rexa estructura, unha superficie (a esplanada característica do novo urbanismo agorafílico) peatonal con pasarelas de anuncio de teléfono móbil (unha pasarela implica tunel e lugares sombríos onde pode medrar o desamparo), e unhas escavacións múltiples, que obrigarán a eliminar ou modificar as xa existentes para que o tráfico transcurra coa necesaria celeridade. O pelotazo para min é de libro. Pero esto xa o sabían os defensores e aprobadores do PXOM. O PSOE estivo en contra de tamaña barbaridade, pero con Caballero no goberno aceptou sen problemas o escándalo. Seica boa parte da militancia socialista (e mesmo a do BNG, pero nunca piaron moito neste partido porque foron eles os que trazaron o plano xeral) está en contra de tal desfeita. Pero quixeron crer que a aprobación con cautelas do PXOM podería evitalo.
ANIVERSARIO DE VODA: 50 ANOS NON É NADA

O sábado fomos celebrar os cincuenta anos de voda dos meus pais á Coruña. Elixiron un restaurante ao pe da praia de Riazor, coa ollada posta na torre de Hércules e todo o skyline de Montealto. Meus pais estaban completamente felices, rodeados de todos nós: o meu irmán, a súa querida dona, as súas dúas fillas e máis a parte que me corresponde de dona queridísima e tamén dúas fillas. Comimos bárbaro, bebimos esquisito e disfrutamos de todo. Foi un 6 de xuño inesquecible.
6 giugno 2008
VIGO STREET

Un querido amigo acaba de anunciarme que se vai este verán unha semaniña a Londres, en plan familiar. E foi casualidade porque precisamente ía poñer hoxe eu un post ao que me parece a noticia do ano en Vigo: o establecemento dunha liña directa de avión entre a Cidade Branca (o de olívica vouno deixar hoxe) e Londres. Estar conectado, aínda que non vaia en datas próximas, coa capital británica, digamos in pectore, resulta fascinante: xa vexo aí os paseos por King's Road, as ceas con parrulo lacado en Queensway ou os scones á media tarde en Fortnum and Mason. Algúns irán á Tate, outros á noria do London Eye, ao British Museum, á National Gallery. Pero a min dádeme unha pinta no Lamb and Flag e serei o home máis feliz do universo.
5 giugno 2008
OS SOÑOS DE CAROLAINA
HELENA EXEMPLAR
Confeso a miña debilidade por Helena de Carlos e o seu precioso libro de poemas Vigo. Hoxe sae unha entrevista con ela no Faro de Vigo. Breve, pero suficiente para admitir a súa visión da cidade, o seu amor polos escritores latinos e por Roma e mesmo a súa consideración do futuro das filoloxías. Premio Nacional si, pero ademáis sentido común e intelixencia.
4 giugno 2008
BEN PENSADO...

Xosé Luis Barreiro loubaba a decisión de Touriño de adiantar as eleccións apenas tres meses porque desta maneira cumpría co mandato de catro anos e, ao tempo, facía distinguir a política interna galega da convocatoria europea. Engadía ademáis ausencia nesa decisión de vantaxismo político ao dar suficiente tempo aos partidos para prepararen a campaña. Sen dúbida son razóns de pesos as empregadas, pero eu sigo sen ver moi claro cal é a marxe de vontade política e de entusiasmo xestor dun goberno que non pode máis que adicarse durante o tempo que queda ou ben a non moverse demasiado para non desfigurar en exceso a súa intervención cotiá ou ben a non encetar ningunha outra medida que poida levar máis dun ano a súa aplicación. Ao meu xuízo, a parálise na acción de goberno, sen pretendela, vai implícita nesta longa garda ata a primavera. A crise que non é crise require decisións de certo calado e, con esta situación de precampaña (na que os partidos tentan deslocir os movementos dos outros, estean ou non no propio goberno), non parece que poidan introducirse medidas de arranxo inmediato. A sensación, ademáis, de que ata marzo poden ir acumulándose problemas demorados, dificultades habituais e conflictos non resoltos pode debilitar aínda máis a propia acción de goberno, cunha oposición sindical que cheira con toda a razón a fraxilidade do momento e unha oposición política que non ten nada que perder e algo sempre que gañar. Eu creo que a decisión de deixar os comicios para o final do inverno non é a postura máis conveniente para o país. Facer unhas eleccións antes de nadal non perxudicaría a ninguén e, por suposto, ninguén podería dicir que Touriño xoga con vantaxe. Pero agardar tanto non parece oportuno.
3 giugno 2008
CAMPEÓN

Pasei a itv do noso seat marbella class 87. Vai camiño de coche de época, co seu volante sen dirección asistida e amortiguadores de ballesta. Matrícula coruñesa en territorio vigués, matizada cunha pegata do Celta e un par delas máis, reliquias de nunca máis e non á guerra. Agora ten unha nova, á esquerda do parabrisas: luce bermella co 09 fachendoso da licencia.
2 giugno 2008
TEMPO DE DESILUSIÓN
As filoloxías repensan o seu futuro. A adecuación ao modelo bolognese suxire a reducción a catro anos e 240 créditos (60 menos) o total do que agora chamamos grao e antes licenciatura. As directrices da Consellería marcan condicións para dar saída aos estudios actuais, pero deixan demasiadas portas abertas ás iniciativas de cada facultade. Deste xeito, e con data de hoxe, a UDC plantea o mantemento das actuais filoloxías galega, hispánica e inglesa. A USC propón unha estructura semellante tamén á actual con cinco titulacións: hispánica, clásica, inglesa, galega e unha resultante das demáis filoloxías que dá en chamar linguas e literaturas modernas. A UVigo presenta dous graos: unha combinación-fusión de español e galego e un chamado linguas estranxeiras. O principal criterio para establecermos estas opcións era o da demanda durante os últimos anos (presentar unha media de máis de 25 alumnos por ano durante os últimos tres) e, polo tanto, era necesario buscar solucións imaxinativas. A imaxinación con tan poucos alumnos (menos mal que os Erasmus amplían e enriquecen as nosas aulas) e unha crecente desilusión entre o profesorado (xa demasiado canso de sucesivas reformas) non resulta moi doada e menos cos atrancos e os incertidumes que supón unha prolongada e indefinida política educativa. Por fin, vese perspectiva de remate, pero aínda están por elaborar polo miudo eses planos. Niso estamos, pero con escasas ínfulas e si coa precaución de non causarmos demasiados danos. Non ter a Uvigo este ano licenciados en FG ou ter en terceiro de FH apenas sete alumnos locais (da UDC e da USC pode predicarse o mesmo) non é o mellor dos panoramas. IMAXE E SEMELLANZA

1 giugno 2008
BARES DE VIGO: METBAR

Onte cambiamos o noso sitio habitual das tertulias literarias (o xa mítico Diablito) para coñecer a nova sensaçao cool de Vigo: o Metbar, unha pequena variante, seica, dun que xa existe na cidade de Orozco. Non estaba moi cheo, como podedes observar, pero aínda lle demos a un par de correctos tónicos axinebrados. A cousa non pasou daí, pero a cor laranxa (anos 70) resultou seductora. Sobre todo, como panca de febres sabatinas máis altas.
FUNERAL TRAIN

















