Caxigalines nella Reguera'l Campizu

25 giugno 2008

TERTULIA LITERARIA

Na tertulia do Diablito do pasado venres a estrela foi o escritor Tomás Lagares. Non estaba previsto falar do seu novo libro, La putilla y el chepas, pero a entusiasta presentación que fixo o insigne polígrafo don Jesús Oleiros animou o debate. A novela conta a tormentosa relación, de compoñentes bizarros, entre unha relacións públicas dunha discoteca cunha fisonomía de escándalo e un camareiro de cabelos tintados e lixeira inclinación corporal. O asunto pode parecer a clásica recreación do mito erótico da bela e o besta, aggiornato ao ambiente recoñecible da noite canallesca. Nada máis lonxe da realidade. O libro conta o descensus ad inferos do Chepas, alcume do camareiro, ata as fonduras miserentas dun sistema literario calquera. O barman, vocacional escritor de noveliñas de xénero negro, ten a mala fortuna de gañar un premio literario cunha obra que escribe entre cubata e gintonic de sonyguolker. A relacións públicas, a musa inspiradora que amarga a súa existencia co seu desdén máis flagrante, fica abraiada co éxito do seu colega e decide amadriñalo na seara literaria. Non podo contar máis do conto porque desvelo (fago de spoiler, que é moito máis fino) unha parte importante do conxunto. O certo é que o relato, cunha aparente falta de cuidado, emprende unha complexa derrota e remata por ofrecer unha interesantísima visión (con asomos de verosimilitude moral) do mundo, na que non falta, por suposto, a típica narración in fieri a propósito dunha multiplicación de planos narrativos e o desenrolo dunha trama simbólico-alegórica que, con claras reminiscencias dantescas, enriquece o fío central da novela. 
O caso é que estabamos a falar da novela, xa digo coas verbas tan encesas do amigo Oleiros, cando apareceu no local o mesmísimo Tomás Lagares, co seu perfil inconfundible na movida intelectual  viguesa. Eu, xaora, non o coñecía de nada, pero a nosa amiga Fátima Zas si, de cando estudiaran na Salle de Santiago. Chamouno e viu tomar algo con nós, despois de que oportunamente lle confesaramos a nosa anterior conversa e, sobre todo, cando viu a Fátima enfatizada co seu look de tigresa birmana. Tomoulle gusto á charleta e estivemos ata as tantas debatindo o sentido fúnebre da nosa cultura, o pesadelo que acostuma encher os nosos miolos e as consecuencias que ese celebro programado para o pesimismo ten na estructuración e fundamento do noso sistema literario. Non todo foi así de profundo e trufamos a discusión con pequenas insidias (de escasa importancia sobre todo para nós, pero funestas para a marcha de certos matrimonios bastante consolidados) sobre escritores varios e escritoras varias, cuxos nomes non estou autorizado a revelar. En calquera caso, Tomás Lagares demostrou estar relativamente ben pagado de sí mesmo e comprender con exactitude que a orfandade crítica é aínda pior ca toda unha comunidade lectora (ou sexa quince persoas) tirando a dar contra el por non saber concordar os tempos verbais.
Do final da tertulia, nada podo narrar. Só podo dicir que para o vindeiro venres hai novo libro para comentar. Pero desta vez tocoulle a Fátima traelo. Xa lles contarei.    

3 commenti:

Anonimo ha detto...

Mucha Beleza, cultura y creatividade en tu blog. Me ha encantado.
Saludos desde Brazil:
Geraldo

Anonimo ha detto...

Xa me tarda a crónica da experiencia relixiosa de onte venres.

Xaime ha detto...

e a mín, aínda que o comprendo, a descompresión, o jet-lag e o bourbon sureño.