Caxigalines nella Reguera'l Campizu

4 giugno 2008

BEN PENSADO...


Xosé Luis Barreiro loubaba a decisión de Touriño de adiantar as eleccións apenas tres meses porque desta maneira cumpría co mandato de catro anos e, ao tempo, facía distinguir a política interna galega da convocatoria europea. Engadía ademáis ausencia nesa decisión de vantaxismo político ao dar suficiente tempo aos partidos para prepararen a campaña. Sen dúbida son razóns de pesos as empregadas, pero eu sigo sen ver moi claro cal é a marxe de vontade política e de entusiasmo xestor dun goberno que non pode máis que adicarse durante o tempo que queda ou ben a non moverse demasiado para non desfigurar en exceso a súa intervención cotiá ou ben a non encetar ningunha outra medida que poida levar máis dun ano a súa aplicación. Ao meu xuízo, a parálise na acción de goberno, sen pretendela, vai implícita nesta longa garda ata a primavera. A crise que non é crise require decisións de certo calado e, con esta situación de precampaña (na que os partidos tentan deslocir os movementos dos outros, estean ou non no propio goberno), non parece que poidan introducirse medidas de arranxo inmediato. A sensación, ademáis, de que ata marzo poden ir acumulándose problemas demorados, dificultades habituais e conflictos non resoltos pode debilitar aínda máis a propia acción de goberno, cunha oposición sindical que cheira con toda a razón a fraxilidade do momento e unha oposición política que non ten nada que perder e algo sempre que gañar. Eu creo que a decisión de deixar os comicios para o final do inverno non é a postura máis conveniente para o país. Facer unhas eleccións antes de nadal non perxudicaría a ninguén e, por suposto, ninguén podería dicir que Touriño xoga con vantaxe. Pero agardar tanto non parece oportuno. 

Nessun commento: