Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 settembre 2008

ITALIA: XUDEUS/EBREI


Sigo con libros. Non sei se hai traducción, pero moito receo que non, porque se trata dun pequeno volume adicado ao exterminio dos xudeus en Italia durante o fascismo. O libro, titulado La Shoah in Italia, aborda dun modo exemplarmente sintético todo o proceso de persecución e aniquilación desde as primeiras leis raciais de Mussolini (co beneplácito suliñado polo autor do rei Vittorio Emanuele II) ata os envíos en trens que partían dos campos de concentración italianos para Alemaña. O autor, Michele Sarfatti, é un coñecido estudioso deste asunto central en Italia: ten moitas outras monografías, máis extensas e documentadas, pero ésta ten a virtude principal (aparte de explicar con claridade os conceptos de holocausto, xenocidio, sionismo, semitismo ou a propia shoah) de amosar, cunha elementalidade rigurosa, a fábrica do horror nun país que promulgaba normas e leis idénticas (nuns casos mesmo anteriores e case sempre de xeito autónomo e non por imitación como podería pensarse) ás nazistas. O exterminio en Italia constitúe o 16 por cento do total de 45000 xudeus que vivían na península itálica (cóntanse uns 7.800, incluidos os 800 procedentes de anteriores deportacións de Europa que foran enviados á península itálica), a análise de Sarfatti demostra con nitidez que o réxime fascista lexislaba contra os xudeus de forma sistemática. Particularmente interesante (e terrible) resulta o artigo de "La persecuzione dei diritti (1938-1943)" onde explica a condición de "razza ebraica" para aqueles que tiveran tres avós (os tres costados da antiga executoria hispana) de orixe xudeu e para aqueles que, tendo dous avós ou mesmo un, precisaran de miudenzas legais para acadar a "razza ariana" necesaria. As subtilezas xurídicas adquiren coa perspectiva da extrema crueldade da chamada solución final a categoría de infames. 
Cando un cruza todos os días deste mes de agosto o ghetto novo e o ghetto antico de Venezia, buscando a pouca brisa das pontes e a sombra das únicas arbres que medran no Cannaregio, recorda, cos ollos postos nas lápidas, o primeiro lugar onde os xudeus foron confinados. Se miramos o mapa, veremos unha illa, apenas unida ao resto de illas que conforman Venezia por dúas pontes que durante séculos eran pechadas pola noite. O libro de Michele Sarfatti axuda a comprender a emoción que sinte a pel do pasaxeiro que pisa esas rúas en respetuoso silencio unha mañán calurosa de agosto.
Foto: Sinagoga della Scola Levantina

5 commenti:

Anonimo ha detto...

Non lin este libro en concreto. Pero supoño que falará de Alfredo Cioffi e da revista Il diritto razzista.

Anonimo ha detto...

Por certo, qué di o libro da igrexa católica. Xa non do papel do Vaticano, senón do clero en xeral. Supoño que este estivo dividido entre partidarios incondicionais, detractores activos e, sobre todo, indiferentes cínicos.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

"O Papa Pio XI protestou publicamente solo contra a prohibición de matrimonios racialmente mixtos, xa que a nova lei, vetando a transcripción nos Concellos dos celebrados pola igrexa católica, modificaba unilateralmente o concordato de 1929. Nin el nin o seu sucesor Pio XII efectuaron outras protestas públicas."

Anonimo ha detto...

Iso xa se sabía. Pero polo que eu pregunto é polo clero máis "normal", sexan cargos medios ou de base.

Serendipia ha detto...

No tema, estimado arume, procuraré sacar su mejor perfil :)