Caxigalines nella Reguera'l Campizu

3 settembre 2008

RETALES LIDIA E MÉNDEZ, REPARADOR DE CALZADO



Boto en falta entre as historias dunha cidade a mención de tendas ou de comercios que constituiron e constitúen a historia persoal dos seus habitantes. Facemos reconto de alcaldes, edificios, rúas, pero abandonamos á vontade do historiador local a mención deses lugares que visitamos con frecuencia e que pasan desapercibidos. Onte tiven a oportunidade de visitar dous deses espazos emblemáticos de Vigo: Retales Lidia, na rúa Rosalía de Castro, e Méndez, en Carral. 
A primeira, situada nunhas galerías dos anos 70, moi deterioradas, aproxímase a unha mercería xigantesca, pero é algo máis ca todo esto: é unha institución para mercar telas, botóns, fitas (onte tocou cinta de grogué), almofadas. Unha certa sensación de caos pode amedrentar ao neófito, pero unha vez dentro é aconsellable deixarse levar polo marabilloso espectáculo duns dependentes amabilísimos que, regla de madeira en man, miden kilómetros de raso ou seda salvaxe. Teño para min que os donos (perdidos na noite do tempo e tamén entre tantos texidos) proceden de Zamora, porque aínda conservan ese fermoso sotaque fronteirizo, mesmo despois de tanto tempo escoitando o galego das infinitas e case descoñecidas modistas que labran para si ou para os familiares a roupa deste país. Retales Lidia (o vestiario do entroido é seu), a pesar do cutre lugar onde se atopa, debe quedar na memoria dos últimos 30 anos (ou máis) de Vigo.
O segundo local é novo, pero é mudanza da reducidísima tenda de reparación de calzado que se atopaba metros máis abaixo en Carral, unha das rúas de sabor máis enxebre da cidade, case ancorada nuns eternos anos 70 malias modificacións feitas nos últimos anos. Méndez está dirixida por un zapateiro mudo (xordomudo, supoño) que agora tamén emprega a traballadores mudos no prodixioso labor de arranxo de zapatos e agora cerralleiría. No meu barrio da Ponferrada dos anos 60 tamén tiñamos un zapateiro mudo: non sei se esta circunstancia axuda a miña percepción encantada deste establecemento por tantas cousas modélico. Onte era colocar uns espais (unha tapa finísima, cuxo nome non atopo por ningures, pero que pertence ao vocabulario zapateiro) e o resultado mellorou o orixinal. Nunca decepcionan: teñen para o día prometido os zapatos e son dunha eficacia absoluta. Creo que os meus mocasíns de tafilete están a pedir unha nova visita.
Vigo está en permanente débeda con eles. Abel, para cando as medallas da cidade? 

Fotos: a primeira non é ningún mosaico azteca; trátase do terrazo de Retales Lidia, unha alfaia máis a engadir.


3 commenti:

R.R. ha detto...

¿Mocasíns de tafilete? Mmm... non sei. En todo caso, o post quedoulle bonito. ;-D

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Gustoulle, non si? Os meus peiños precisan sempre de agarimo. E o tafilete é único.

Anonimo ha detto...

O dandismo e o que ten !