Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 febbraio 2010

FLUIDOS (CREO QUE ROSAS) NA MEMORIA DOS DOMINGOS POLA MAÑÁN

Para a CCCP. 
Puxo no feisbu miña amiga Carmiña Tu frialdad de Triana e foi espertar en min unha lembranza que tiña eu completamente asimilada e agora se desvela insólita e incrible: a dos domingos pola mañán na discoteca Hawai de As Pontes. Si, si. Os domingos pola mañán, ás veces nin sesión vermú. Pura matinée. Ao lembralo, apareceron o cheiro do local ao fume, ao súor e a outros líquidos evaporados ou salvados a noite anterior, os refrexos da bola de espellos iluminada por dous feixes de luces no medio da pista, a cabina de Benja ou do que se terciara, asediada por todos para que puxeran a música preferida, os sofás aínda máis escuros do habitual ao fondo da sala, os pitos da risa ou do que fose daquela, as bebidas mesturadas de cola ou kaslaranxa con alcol (ese vodkaconnaranja case mántrico) e a música para bailar ao xeito daqueles anos, coa cabeza gacha, as mans en posición de guitarreiro máximo ao aire, movemento de caluga norte-sul, e ollos a poder ser fechados para sentir a David Gilmour entrar polas orellas coma unha maré que nada pode deter. O Dark side of the Moon enteiro de introito ad altarem dei, un Stairway to heaven a iso das doce coma o angelus, os sultáns do swing case para rematar a misa e os Trianas para abrazar o que fixera falta naquela escuridade de catacumba. 
Erabamos non máis de vinte naqueles aquelarres mañaneiros que duraron moito no tempo. Saír dalí as dúas ou dúas e media da tarde para ir xantar os garbanzos o domingo é hoxe unha lembranza que aínda fire os ollos coa claridade que só o tempo feliz outorga á memoria.     

Nessun commento: