Caxigalines nella Reguera'l Campizu
Visualizzazione post con etichetta bares de vigo. Mostra tutti i post
Visualizzazione post con etichetta bares de vigo. Mostra tutti i post

25 marzo 2017

BARES DE VIGO: MARÍA MANUELA


María Manuela estaba na derradeira curva da rúa Real: avisaba da súa discreta presencia unha pequena lampada que colocaban fóra con luz cálida. O local era pequeno, recoleto, de apenas catro mesas, cunha cociña aínda máis pequena da que saian xoias exquisitas de forma asombrosa. Era complicado atopar mesa: ou reservabas ou estabas condenado a entrar no local, respirar o aire perfumado de cousas riquísimas e marchar sen probar absolutamente nada. Boa proba do seu éxito eran os premios ao mellor pincho do Casco Vello por dúas veces, que eu saiba.
Agora fixo mudanza e está na Alameda, zona onde agora sobrancea o mellor da restauración viguesa. O local é un pouco máis grande, a decoración cuidada (na mesma liña cómoda e confortable da anterior) e unha carta ampliada, que alterna pratos de plantexamento algo tradicional con pratos de innovación actualizada. Probamos anchoas afumadas, tartar de atún con aguacate e un bacallau a baixa temperatura que quitaban o sentío, cada un e por xunto. O postre era unha tarta de Ferrero Rocher que para os máis larpeiros pode ser mítica. Ceamos algo cedo, pero as mesas estaban ocupadas e o ambiente era moi animado. Hai posibilidade de tomar algo na barra, aínda que parece destinado o local a cear en mesa e con tranquilidade e demora agradecida. O servizo é moi xentil, cun ritmo pautado perfecto. Non hai nada que engadir: salvo o debate interior de contalo ou mantelo en secreto para que ninguén poda turbar o pracer dun dos mellores restaurantes agora de Vigo.  

16 marzo 2017

BARES DE VIGO: RIBEIRO [Bouzas]


 Durante tempo pensei en non incluir o nome deste bar nun posible rueiro de tabernas excelentes por temor a que xentes leitoras do meu blog puideran acudir en masa ao tal local e impediran unha maior comodidade e pracer no acto sinxelo pero sempre feliz de tomar un viño ou unha caña un domingo pola mañán en Bouzas. Pero, vista a concorrencia masiva que entre a unha e as tres da tarde pode observarse nese sitio, calquera cousa que eu engada pouco máis pode mudar as cousas. Á hora do vermú, o Ribeiro exhibe poderío dentro e fóra; quintos, medios ou cañas de cervexa, callos ou ensaladilla de tapa cortés aromatizan a rúa. Pero o mellor está nas empanadas que serven á petición: unhas empanadas finísimas, de amoado crocante, cun recheo de chocos ou calamares de auténtico vicio. Hai quen xanta nese recuncho, en medio do fragor do vermú, co televisor enceso con imaxes de carreiras de motos ou de partidos de fútbol. Os pratos que pasan (o polbo, en particular, pero tamén a orella) dan envexa e o servizo que os transporta é dunha eficacia ás veces inexplicable. Non está feito o Ribeiro para vermuteiros tranquilos: é para os/as amantes de barra en dobre fila, pedidos por riba dos ombreiros e trafegar de tapas dun lado ao outro coas pingas a piques de emporcalo todo. Ou sexa: para bareteiros e tasquícolas de toda a vida.    

9 ottobre 2014

BARES DE VIGO: DEHESA SANTA MARÍA

Posúe esa condición de moitos dos bares nacidos na rúa Rosalía de Castro, a medio camiño entre o lugar elixido para saír unha noite, dada a fama da zona, e o clásico bareto de barrio cando non apremian as farras do findesemana. Está no canto de Serafín Avendaño e Rosalía, a carón do mítico Follas novas e próximo a outros locais de aparente maior prosapia, que se enchen con certa frecuencia cando toca alternar. Chámase Dehesa Santa María e ofrece táboas de embutidos xenerosas e, sobre todo, de excelente calidade, onde non falta o que habitualmente falta noutros: o excelso morcón. A táboa de queixos, das que progresivamente voume quitando, son, segundo entendidas, estupendas: eu limítome aos manchegos curadísimos e aos cabraloides e abofé que están de medo. Non descuidan a bebida, servida no seu punto de temperatura (non quentes coma na meirande parte do tabernario mundo), e ofrecen un servizo atentísimo e dilixente. Os pinchos con que acompañan vermús e viños vespertinos (eses tres uves do trasego diario) son elaborados e, a expensas de opinión máis razoada, son os mellores da zona. Catro son as mesas da terraza, colocadas en terra de paso, oportunas e necesarias para o disfrute dun dos praceres da vida que consiste en mellorar o desasosegado verso manriqueño do contemplando. Estes días de chubascos haberá que refuxiarse alí para mirar e deixar pasar as augas.  

28 settembre 2014

BARES DE VIGO: PATOURO


De antemán, pido desculpas. Por falar dun local de Bouzas dentro de Bares de Vigo. Outro día falarei de Casa Solla en Poio e tamén entrará nesa categoría. Para min son todos bares aos que podemos ir tomar algo desde Vigo. Algún día cambio a preposición. 
O Patouro atópase no vello casco de Bouzas, compartindo a bulla de viños e vermús típica daquela parte da cidade. É un local relativamente novo: comezou a súa andaina a finais da primavera e aproveitou ben o terraceo deste verán algo tolo. Ten feitío de armacén ou de obradoiro mecánico: teitos altos e aires industriais. As táboas son altas e grandes, moitas delas para compartir, ao xeito das feiras ou das casas de comidas antigas. O xantar depende do mercado, pero tende ao peixe (de calquera tipo) marinado en combinacións audaces, así como algunhas doses de porco preparado de forma inusual, pero sempre mellorado. Exquisita a presentación e excelentes os resultados da cuidada elaboración dos pratos. A carta de viños aínda non foi explorada coa magnitude que precisa un comentario, pero parece lugar dedicado a ello en particular. Fomos dúas veces ás horas dos viños vespertinos. Estaba cheo. Semella idóneo para os vermús domingueiros, deses que, con idea de brunch, acaban convertíndose en xantar do día. Pero avisan de que convén reservar, dado o éxito fulminante da súas proposta. 
Hai outros locais recén estreados pola zona e, cos clásicos de sempre de Bouzas, prometen unha extraordinaria xeira tapística en Vigo. E, por suposto, sempre pode quedar o Terranova para pechar (momentaneamente) a noite.   

23 maggio 2014

BARES DE VIGO: LA PEPITA


Sen saír do barrio, a unha mazá de casa, na rúa Porto, atópase La Pepita, un burger bar, hamburguesería para entendérmonos, de categoría superior. É relativamente novo este restorante, aínda que xa cumpre anos, creo. Desde que abriu está sempre cheo. Dificilísimo atopar oco a partir das dúas nas fins de semana (ás veces faise imposible) e con agardas breves de diario. O servizo, para empezar, é fantástico, tanto en camareiría coma en puntualidade dos pratos. As hamburguesas (de dous tamaños case todas) son extraordinarias: anoto as que eu tomo de forma regular, a rianxeira e a sorrentina, que son inigualables. Con permiso da potente hamburguesa do Picadillo, as mellores que tomei nunca. Non son eu de hamburguesa, pero gracias a estas mudou a miña percepción de tal xantar. Acompañan unhas patacas ben xeitosas ou mandioca frita. O postre, brownie ou xeados de froitas tropicais, e mais o café (ristretto) son excelentes. A experiencia, se sodes quen de atopar mesa, é marabillosa.  

9 maggio 2014

BARES DE VIGO: BARDECÓ


Demasiado perto da casa para satisfacer a idea de que saes dar unha volta atópase o Bardecó, un local aberto nos baixos do prestoso edificio Curbera (1939) hai tres meses e que, nese tempo, xa é un dos meus favoritos. Decorado de xeito moderno, con mesas altas de estirpe nórdica, paredes brancas e contrapuntos negros en cadeiras, barra, toldo e cociña, o Bardecó ofrece unha selección curta de tapas pequenas (sobre 3 euros) cunha preparación exquisita. Eu son fan completo da súa miniburguer con foie, pero outras delicadezas asombran na súa carta, escorada á cociña xaponesa. Pola mañán poñen un café extraordinario: probarei moi axiña os seus bagles; dame que xa temos lugar para os brunch domingueiros. Reservan polo de agora, pero venres e sábados está completísimo. O servizo, excelente.   

30 aprile 2014

BARES DE VIGO: PICADILLO

Na rúa Fermín Penzol, enfrente da Biblioteca Central, sobrancea o Picadillo, un clásico dos restorantes da animada parte vella de Vigo. Un clásico e persoalmente un lugar de culto, un santuario da felicidade nocturna, un deses praceres que reserva a vida para longa memoria. A carta cubre distintas sensibilidades, cun toque étnico e exótico (por ser breve e impreciso) na elaboración de certos pratos: o polo tandoori ou tikka masala está delicioso, así coma o risotto de gambas ou coma o seu emblemático polbo con gambas á prancha con allo. Para padais contundentes e sobrios, o entrecot resulta perfecto ou ben o carpaccio ornado de tapenade e parmigiano; para delicados, as saladas de noces, queixo e salsa tartar compiten coas tostas de mariñadas rinchas. O postre, para alguén coma min, escasamente larpeiro, é obrigatorio: o brownie, entre outras marabillas, é moi especial. O local ten un encanto particular e nas noites dos venres e dos sábados está moi difícil atopar sitio, aínda que paga a pena agardar. O xantar do sábado ten unha particulariedade que xa moita xente coñece e pola que hai que reservar: a fantástica hamburguesa máis ca completa, cun sabor inigualable, probablemente unha das mellores hamburguesas que se poden comer hoxe en Vigo. Iso si, moi abundante, polo que é preferible compartir. 
Bastaría todo esto para ser un restorante de referencia obrigada en Vigo, se non fose porque teñen o servizo máis encantador da cidade. Certo é que son xa máis amigas ca camareiras, debido ao repetido disfrutar do seu local, pero son moi boa parte do éxito indiscutible do restorante. Hoxe iremos por alí. Caeremos, coma case sempre, sobre as once ou doce da noite. Sentaremos na barra e deixaremos que pase o tempo entre risas e divertidas conversas. Pecharemos, coma tantas outras veces, o bar e prolongaremos a charla e a euforia na intemperie. O Picadillo, unha casa de comidas fantástica, forma, sen dúbida, parte sentimental das nosas vidas.   

19 marzo 2010

BARES DE VIGO: O LABREGO URBÁN

A xente que vén a Vigo doutras cidades galegas adoita dicir que non atopa unha rúa de viños, un espazo no que tomar unhas cañas ou uns chatos sen moverse demasiado. A Franxa-Galera-Olmos na Coruña, Cruz e Nova, en Lugo; a Leña-Verdura, en Pontevedra; mesmo o Franco-Raíña, en Santiago, malia todo, avezan a estes nosos visitantes a roteiros sinxelos e domésticos, concorridos e familiares nos que encontran a tododiós. Cando chegan a Vigo reclaman un lugar semellante. Pero ignora o foráneo que aquí nada é doado, que aquí, como a fama, todo custa, que hai que buscar os sitios axeitados, que iso de andar zigzagueando de taberna en baiuca non se estila, agás para erasmus e rapazada en xeral que queima a rúa Real arriba abaixo desde o Faibistés (esa xoia da nomenclatura bareira) ata o Marexada que dá comezo a troula nouturna.
Digámolo claro: tomar uns viños en Vigo require iniciación, procura, indagación profunda. Cando se atopa, o roteiro é máxico. E dentro dese roteiro, O Labrego (urbán) constitúe un sorprendente fito. Sorprendente polo éxito rotundo de asistencia e tamén porque ofrece algunhas singularidades na carta que merecen visita especial. Onte decidimos facer parada, no roteiro habitual, para picar algo (máis). Non era a primeira vez: doutras veces o xamón ou a tortilla estaban espléndidos e o viño servido na súa temperatura ideal, cousa pouco frecuente. Non sei se a posible relación (por confirmar) entre este bar e o Compostela, inflúe na excelencia da comida, pero onte caeron unhas croquetas magníficas, uns caracois gorentosos e unhas ancas de rá no seu punto con all i oli. Corrían polas mesas unhas bandeixas de carne crúa para preparar nunha grella individualizada, uns pratos de pulpo moi rechamantes e todo tipo de viandas cunha pinta estupenda. O local ten unha estructura un tanto tortuosa, cunha ponte de madeira incluido para salvar unha escaleira que conduce ao piso de abaixo, tamén cheo de xente, pero conserva o arrecendo dunha cociña contundente e moi traballada. O prezo, nada caro, convida a regresar de novo canto antes. Hai que dicir, para o visitante, que arredor da Praza de Compostela, coas froles encesas dos castiñeiros de indias a rebentar, de cheirume penetrante a pesar do orballo da pasada noite, están varios bares de viños que fan grande, moi grande esta cidade.

2 marzo 2008

BARES DE VIGO: O NISIO


No miolo de Teis. Enfrente da porta de Vulcano. Rúa Santa Tegra. Dez e media da noite dun sábado de Marzo. O bar ten o rótulo no cristal biselado da entrada. Antes nada anunciaba nada. Entramos e preguntamos por unha mesa xa reservada. O terrazo é novo, pero aínda perviven as fotos de xogadores do Celta na parede, recén pintada. O camareiro tras a barra pregunta se reservaramos arroz con bogavante, cocochas ou fideos con ameixas, especialidades da casa. Non, respostamos. Logo, por aí. Pensei que nos castigaba porque nos mandou ao comedor de abaixo. Á dereita, según baixamos naquel zigurat imposible, vemos a cociña e dentro varias mulleres traballando. Entramos no comedor e acomodamonos nunha mesa para catro. De primeiro, bruños. De segundo, peixe miudo. Miramos as paredes: camisetas de Berges, Djorovic, Tomás e dúas de Salgado (unha do Celta e outra da selección); estamos na sede da peña futboleira que leva o seu nome. O local é ruidoso, pero así conversamos con total intimidade a berros. Tanto o marisco (ben cocido) coma o peixe (ben fritido, que é muito máis difícil), fresquísimos. O postre (flan de café e tarta de noces) moi pasable; excusamos o café (de pota). Ao saír, a conta de viva voz: 85 euros.

Eu non ía con moi boa gaña porque fora xa varias veces con colegas e atopaba o seu modo de entender a restauración un tanto primitivo e anterior a calquera relación comercial. Ás veces, resultaba imposible saber canto van cobrar; outras, saber se hai mesa; e outras, saber mesmo se estás nun bar ou diante do dono dun restaurante. Algunhas veces teño rexeitado comer alí por falta de concreción do jefe (que adoita un aceno de lacazán mentres as mulleres llevantan o bar co seu traballo).

O bar millorou un pouco coa reforma, pero segue a manter o nivel cutre que o caracteriza. Á xente gústalle así: mirao como un bar especial, co encanto do bizarro. A min non tanto. A casa contén un par de cuartos para comedor, construidos coa maña e o escaso control urbanístico e arquitectónico do concello, sobre espazos inverosímiles e con materiais de derribo. A última vez que comeramos alí tiñan caixas polo chan e roupa esquecida por riba das mesas inutilizadas. Agora adecentaron algo aquilo e parece outra cousa. Non moi diferente do anterior, pero algo millor si. ¿Para voltar? Xa veremos.

Se sae nesta sección é porque é un dos currunchos célebres na cidade por ofrecer marisco e peixe fresco (moito ven directamente do barco sen pasar por lonxa como contribución dos mariñeiros que pasan por alí coas conseguintes doses de abuso) nun ambiente abigarrado e rebulinte. Non popular, ollo, variopinto, de xente de toda clase social que apreza a casa de comidas informal, un pouco a monte, que agocha un producto de primeira calidade e a moi baixo prezo. Que os do Celta (cos soldos que se gastan) o teñan como lugar de encontro fala ás claras do seu éxito interclasista. O Nisio, en dúas palabras.

27 gennaio 2008

BARES DE VIGO: CHAVOLAS


Comezo unha serie, sen moito planeamento previo, sobre os meus bares (categoría ampla que abarca todo local onde servan bebidas e comidas) preferidos de Vigo. Se comezo por este Chavolas da rúa Cesteiros é porque fun hoxe alí a xantar e veño co fume da cociña (como nos grandes restaurantes de postín ves as cociñeiras potear e tixolar en directo). O bar atópase nun recuncho desa húmida ruela do casco vello vigués, de portas brancas e carteis anunciadores precarios. Tres mesas corridas, con esceario de bocois e miles de fotografías enchoupadas xa en graxa e en vida, aparecen en primeiro lugar. Un mobiliario tosco pero eficaz, moldeable e flexible para acoller familias enteiras, parellas aínda incrédulas do que están a contemplar ou solitarios viaxantes apegados á barra que levantan medio cocido en silencio. A barra, de metal, é pasarela de cuncas aínda vivas e de panos de cadros mil veces pousados para secar o viño, turbio e tolerable para axudar a pasar o pan. No cuarto de atrás hai dúas táboas máis, con vistas á cociña e ás cociñeiras que entreteñen o tempo contando o seu cansanzo, a noite pasada, os vaivéns da fortuna. Cando un senta, achégase Juan, o dono de Avión que encorva o paso e case as palabras. Pon viño, auga e pan e mailos cubertos e pratos. A muller ven co papel e senta a carón de nós, cansa da noite do sábado, e apunta pulpo, peixes, arroz caldoso e fabada. Moi axiña chega o pulpo e despois o arroz en prato de barro quente así coma unhas fabas pintas, con patacas, xamón e chourizo, que pouco teñen que ver coa fabada pero quecen o padal. Máis tarde, o peixe pequeno (chinchos e xoubas, aínda non en sazón, pero o estómago agradece tal liviandade tras días de troula). O xantar parece rematado cun flan caseiro un pouco doce de máis, pero correcto, cando unha das cociñeiras senta na mesa de atrás para comer e pregunta e interroga e afalaga aos comensais. E entón a cháchara prolóngase e o dono, que non foi a México de emigrante pero si decidiu vir a Vigo hai xa 50 anos, amósame o patio, o curral veciño, a casa derruida conteira da súa, arruinada, en medio dun casco vello tamén en ruinas. As portas e fiestras tapiadas para a rúa, pero sen tellado, cunha lareira noble, disque. O dono abre outra porta por onde gardan os conxelados, todo en perfecto desorde. E, entusiasmado, mentres tanto, conta o seu pasado, con presa. Un berro desde o bar chama por el. E entón voltamos, con bronca. Eu bótome a culpa de todo porque poucas veces nun bar abren desa maneira a súa vida. E entón marcho cara á praza da Constitución, abraiado da experiencia. Comida de casa, en sentido completamente estricto, sen pretensións de ningunha clase. Só botei de menos ao final unha aperta e moitos bicos. Pero a verdade é que me sentín como se mos deran.


Menú: Cinco persoas: 71 euros.