Caxigalines nella Reguera'l Campizu

10 maggio 2010

A VER EMPLÁN O QUE É


Dúas son as derivas máis rechamantes da lingua que empregan os máis novos (e non tan novos) hoxe. A primeira, a enorme expectativa que xeran co seu discurso, ao antepoñer sempre no comezo de arrincar a falar a expresión A ver (non descartables variantes ortográficas miles), cunha pausa, acompañada dun pequeno aceno solemnizador, que promete unha confesión ou unha declaración importantísima. Nin que dicir ten que, dada a frecuencia con que a utilizan, o espectador remata por non agardar nada interesante do que vén a continuación. Pero, no fondo, contribúe á natural afirmación social da xente nova (e non tan nova).
A segunda, máis importante a longo prazo polo que poida supoñer de mudanza na estructura mesmo do pensamento (non o sei, pero dame a min a impresión), é a sistemática conversión do estilo indirecto propio das narracións, sexa en primeira ou en terceira persoa, ao estilo directo, chamado polos clásicos modo dramático, que resolve o intento de relato nun fluir dialogado, nunha sucesión de frases, réplicas e contrarréplicas, sen apenas espazo para as referencias externas, alén dun dixo, dixen. Esta nova forma de discurso oral aparece precedida pola palabra máxica, fetiche, fundamental, esencial, omnipresente: a número un no ránking do vocabulario anos 2009-2010, en galego ou español, aquí tanto ten: Emplán (dun antigo En plan, agora xa completamente perdido). Exemplos seguro que aboian na cabeza de todo o mundo: Ela é unha muller emplán eu teño un gato na casa; Fulano chegou en plan nacín na Pontenova. Sen que ás veces falte o e tal, outro dos codelos verbais preferidos.
Na lingua nunca se sabe canto van durar estas modas (de feito eu tería que escribir aquí para aggiornarme: "No que é a lingua nunca se sabe canto van durar o que son as modas"), pero este fenómeno parece máis complexo que o de usar ou non usar unha palabra ou unha expresión aillada. Afecta ao desenrolo do discurso e á maneira en que contamos aos demáis os nosos sucesos. Eu non son nada purista en cuestión de linguas (prefiro que se fale ou se escriba con certas características, pero é un gusto ou unha teima miña, que non tento trasladalos ao conxunto da sociedade que vai por libre), por iso quero eu estar atento ao que pode pasar. Sen máis nin máis. Nin menos.

2 commenti:

latri.ca ha detto...

Para cando nos vemos en latri.ca?

Turmano ha detto...

Pois tes razón. A nivel lingua, claro.