Mañán clausura Català-Roca na Barrié de Vigo. Aínda teñen tempo os que non foron para contemplaren unha marabilla. A fotografía é unha das belas artes, por moito que porfíen os clásicos de sempre en negarlle valor ao longo do tempo, moitas veces por riba de calquera outra manifestación artística. Tal é o caso deste fotógrafo catalán que exhibe en Vigo as súas obras mestras dos anos 50 e 60. Aparte da prodixiosa técnica compositiva (ese branco e negro tan radical, o neboento fondo que singulariza os primeiros planos, a luz tantas veces cenital que evita as sombras), Català-Roca entende o don da oportunidade porque está atento, porque busca o ángulo que agudice o sentido paródico e algo irónico das escenas. Nas fotografías que realiza con motivo dunha visita de Lucía Bosé e Dominguín a unha modesta corrida de touros en medio do secarral castelán advírtese esa especial perspicacia, o achádego do lugar esencial donde cobrar a peza mestra. As fotos das cidades, de Madrid e de Barcelona, de paisaxes humanos fundamentalmente, que son o que a min máis me atraen da fotografía, son extraordinarias: cada unha ilustra a historia deste país. A clásica das mulleres (vistas case sempre desde atrás: ignoro a razón) pola gran vía madrileña, a do pai e o neno por unha rúa baleira coa brétema invernal (que deu para a portada de La sombra del viento), a do piropo en plena semana santa sevillana, coas autoridades relixiosas e militares de neglixente testemuño, a das aguadoras (galegas?) cos seus botijos en Madrid, ou tantas outras mostras do ollo iluminador de la cámara.
Con todo, que é moito, o que máis me chama a atención son aquelas fotografías que mostran un país de humildes camponeses que comparten un pote de gachas (como nun cadro de Velázquez), de mulleres e nenos que saen á trilla co sol en mitade do ceo ou que miran con atención os dentes da besta, de homes parados que comparten cos burros e cos animais da casa a praza pública ou esas rúas de pedra e croios, tal e como foron construidas séculos atrás. As feridas dunha guerra, os montóns de terra a carón das calzadas, os zapatos rotos, as camisas brancas, os calcetíns de rombos grises (que na realidade eran marróns e negros) forman parte dun paisaxe para moitos de nós aínda pendente na memoria. Entre todas estas imaxes, a do patio dunha escola, ano 1965, coas nenas todas apretadas contra a parede, sorrintes cos seus babis de cadros e os seus cabases de plástico, captadas desde arriba coa suficiente distancia como para ver de moi perto os guás da nosa infancia, o terreo batido dos nosos recreos. Só por ver(nos) (n)esa foto, merece a visita a esta exposición.
Para tempos de crise, unha ollada, unha visita ao pasado máis recente (para outros afortunadamente non tanto) permite entender algunha das cousas que fomos vivindo. E que agora imos contando.
A ilustración é de Cartagena, 1961.
1 commento:
En Català Roca és un magnífic fotògraf. Va saber captar i captivar amb la seva càmera.
Posta un commento