Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 ottobre 2010

LAMA NAS ONDAS


Os dez minutos de información local de Radio Vigo constitúen a maior concentración de lixo político que un pode escoitar en varios kilómetros á redonda. Tal densidade non pode ser achacable aos xornalistas que realizan a súa tarefa cotiá, aínda que a insistencia con que tratan os mesmos temas, a forma de deleitarse na súa presentación e a incapacidade manifesta de elixir outro tipo de programa non os exonera dalgunha parte das culpas. O patrocinio deste pequeno espazo radiofónico, case sempre en voz de alcaldías, vicealcaldías e portos de vigo para anunciar, pode explicar esta teima palmaria de furar na lameira da política viguesa.
O de hoxe pode resultar ilustrativo, a expensas de que a miña memoria non falle nin eluda cousas (in)dignas de lembrar. A primeira, que recorde, insisto, foi a aprobación da reserva dun montante de 7 millóns para obras de humanización en rúas de distintas partes da cidade ao parecer deterioradas. A entradiña prometía un hosanna para tales lugares, pero non tardou en saír Abel tonante indicando que o deterioro se debe ao abandono total, coma nunca antes, da Xunta de Galicia a esta cidade. E todo porque o alcalde desta cidade (ou sexa el mesmo, pero citado en terceira persoa) fora á tribuna de convidados do parlamento de Galicia o día no que modificaban a lei de caixas e Feijoo quixo vingarse del. A diatriba, en tons demoledores (nada raros desde hai máis de dous anos en que comprobou o alcalde que ese discurso era o preferido por unha parte da poboación), remataba cunha frase cuxa literalidade aínda retumba nos meus oídos como unha ameaza de cantonalismo doutrora: "Para que quere Vigo, para que queremos a Xunta de Galicia?". Lembraba eu as palabras de Mafo onte sobre a necesidade de cortar poder ás autonomías cando puxen este berro en consonancia, pero desde esta magna Vigópole.
Acto seguido, recollía o programa as palabras (picudas, agudísimas, sempre airadas) de Corina Porro na inauguración de Conxemar. Lonxe de calquera asomo de retórica encomiástica ao labor dos expositores ou de arenga aos participantes para que aproveiten a feira, a presidenta do Porto de Vigo tirou de manual de candidata e fixo un discurso propio de verbena partidista, case de peche de campaña.
De todas as declaracións, con ser a máis electoral, foi a menos provocativa. Porque, a raíz da noticia de que o xuíz non ve delito de prevaricación nas actuacións da presidenta do porto en relación co recheo comezado en Guixar e paralizado polo xulgado, o portavoz Figueroa campeou pola radio esixindo a trochemoche desculpas, palinodias e case xenuflexións aos que, coma o alcalde, lanzaron todo tipo de acusacións contra a señora Porro, como el a chama. Non fai falta que tente explicar a facundia vehemente de tal portavoz, coñecido e padecido en toda a cidade desde antigo, mesmo desde as súas ringleiras onde non se explican a teima do PP por mantelo en tales postos relevantes.
Pero para rematar o tempo das indignidades faltaba a guinda (e non é Domínguez, que vén sendo ultimamente tan discreto coma un alma en pena): o concelleiro Font, que non só non pide desculpas a Corina Porro por dubidar da súa honestidade política no caso antes citado senón que afirma que estar imputado xa é suficiente baldón e que ir declarar ao xulgado como imputada algo quere significar. E non se conforma cunha soa vez: repite a barbaridade con diversas variantes da mesma natureza, nun claro exemplo de sobrepasamento das reglas máis elementais do respeto da inocencia nun estado de dereito. Non podía dar creto ao que escoitaba. Pero, como o tempo do espazo radiofónico remataba e o presentador pasaba rapidamente a outra cousa, pensei que era eu o raro e que escoitara mal toda a negación da inocencia, demostrada co arquivo do caso, con que despachaba Font a Corina Porro.
Cando ao final do programa radiofónico chegan as noticias do Celta, sobre os mocos de Michu, a torticole do utilleiro ou a torcedura de falanxeta xogando ao mus de De Lucas, dou de novo albricias a Marconi.

2 commenti:

ms ha detto...

Vigo ten desde hai tempo unha imaxe de cidade conflitiva, difícil de gobernar. Só hai que pensar no número de persoeiros que pasaron pola alcaldía en todos estes anos de democracia: Soto, Príncipe, Pérez Mariño, Pérez Álvarez, Corina, Castrillo, Caballero... (desimulen se esquecín algún).

Agora a pregunta é por qué. Será o vento mareiro que chega do Morrazo? Son vostedes intrinsecamente difíciles de contentar?

noel ha detto...

E se non sempre lle quedará escoitar os 'debates' a mesa chea con 4-5 expertos sobre o Pilotes Posada. Unha regalía.