Caxigalines nella Reguera'l Campizu

14 dicembre 2010

O TREN AGAIN: O AVE DE VIGO


Unha ocorrencia de última hora fixo que preferira tomar o tren de O Porriño para Vigo antes có habitual autobús. Non sabía a que hora pasaba, pero tiña tempo para mudar en caso de que non houbese un tren axiña. Tiven sorte, porque, tras atravesar un algo semellante a xardín abandoado, coas cancelas ferruxentas, e unha estación baleira e descuidada, puiden comprobar que o tren que viña de Ponferrada facía parada ás 10,23. Eran as 10 da mañán e aínda me deu tempo a tomar un cafeciño na cantina da estación, que, polo demais, tamén facía de caixa de pagos do aparcamento do lado.
Saín para agardar á intemperie cando faltaban cinco minutos para a hora prevista. Pasaban os minutos e o tren non aparecía. Chegou unha máquina procedente de Vigo, cun vagón tan só, que parou a rentes do semáforo, xusto antes do paso a nivel. Pasou veloz cara Vigo un mercancías cos vagóns para os silos de Tudela Veguín de Guixar, pero o meu trenciño non chegaba. Non fai falta engadir que na estación non había ninguén, nin factor, nin vendedor de billetes nin nada de nada: portas e fiestras pechadas, case tapiadas, suponse que para evitar os roubos. Deume tempo para contemplar o desleixo profundo daquela estación: papeis, plásticos, latas ciscados nos lados da vía, os muros despintados, os arames rotos: só a plataforma parecía manter certa presencia. O resto denotaba ruína.
O tren tardou en chegar unha media hora. Dous vagóns tan só, non moi ocupados, pero coa calefacción encesa, case a tope. Paguei os meus dous euros e medio polo traxecto e quedei sentado nun dos asentos moi tranquilamente, escoitando a unha muller (polo que souben compañeira dun sobrestante xubilado) que censuraba o desastre do tren que comunicaba directamente co desastre da seguridade social, coa morte de Enrique Morente e co analfabetismo das enfermeiras (auxiliares de clínica, apuntou, sen éxito o revisor amigo dela). Chegamos a Vigo en vinte minutos, cunha velocidade ben notable e cun nivel de confort envexable, despois de parar en Redondela, onde subiron cinco persoas, e en Chapela onde nin subiu nin baixou ninguén.
Ao día seguinte de que Feijoo e Blanco adiaran contentiños os dous a chegada do ínclito AVE, co silencio cómplice de toda Galicia (incluido o Faro de Vigo que nin chista polo esquecemento clarísimo a Vigo, atento como está sempre ás afrentas e os agravios á cidade olívica: terán que ver algo os caderniños de publicidade de Fomento incluidos hoxe?), o verdadeiro tren dos cidadáns desta parte do mundo fica sumido no máis escandaloso dos abandonos. O tren que podía vertebrar esa famosa área metropolitana, entre Tui, alomenos, e Vigo, coas paradas que agora mesmo hai, e cunha frecuencia maior, está condenado á desaparición. Non atopo máis clamoroso desaproveitamento dunha infraestructura xa existente cá da este tren, que para maior despropósito pasa por un dos lugares máis fermosos que se poidan contemplar desde a xanela dun vagón de tren: a illa de san Simón iluminada polo tépedo sol de decembro.

Nessun commento: