Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 maggio 2014

GOLDEN AGE


Nun artigo meu de reflexión posteleitoral en Praza pública advertía da fenda ideolóxica entre a dirixencia (e base militante) de AGE e o seu eleitorado. Tentaba explicar o que ao meu xuízo constitúe o principal nicho de votantes de tal coalición: os sectores afíns aos núcleos duros das formacións primarias (descontentes do BNG en varias quendas sucesivas e os comunistas de EU/IU, con cativos resultados por costume) e máis un volume incerto de independentistas e esquerdistas extremos e, por suposto, un non desprezable número de castigadores ocasionais da esquerda moderada e, en xeral, persoal indignado de indefinida ideoloxía convencional. O conxunto, con Beiras á cabeza como icono de rebeldía, asumía un discurso monocorde de oposición frontal, líquido e moldeable, asumible como punto de partida por case todo ese eleitorado inquedo e molesto. 
Durante este tempo de actividade parlamentaria (que sigo a través dos facebook das persoas máis combativas e a través das informacións xornalísticas), a belixerancia contra o PP foi a tónica xeral e as palabras contundentes e sinxelas a marca estilística de tal batalla. É aprezable, nesa loita, a preocupación por concretas situacións inxustas e o seu esforzo por facer visible o innegable destrozo da crise. Probablemente as grosas verbas e os acenos histriónicos agochan ese duro labor de crítica, pero é indudable que os deputados desa coalición (non fago distinción interna) conseguen un espazo de representación nítido. 
Estes meses últimos, pasados en decisións internas sobre posibles coalicións eleitorais para as europeas non beneficiaron en exceso a súa posición parlamentaria: o episodio da representante que pasou áo grupo mixto ("a mixta", en palabras non moi dignas dalgunha parlamentaria) tampouco non foi moi edificante. Medio arranxado o problema e decidida a súa inclusión nunha oferta parlamentaria estatal ou española (para qué disimular), coa agardable restra de acusacións de sucursalismos e outras herbas, a coalición presenta coma xenuina candidata a Lidia Senra, outro icono esencial do movemento nacionalista galego, neste caso de orixe sindical. Con Beiras na anterior, xa van dúas quendas de iconos, baleiros, coma sucede no caso do iconismo político, de definición complexa. De novo, coa maquinaria do PC/EU, acompañada en segundo qué lugares da engranaxe da FPG, esta coalición presenta máis unha idea política elemental ca un programa detallado de actuación en Europa, en certo modo vulnerando a premisa formulada na triada programa, programa, programa dun dos seus líderes máis carismáticos. 
A intervención de Lidia Senra no debate do Auditorio (que probablemente non sirva de clara referencia) serviu para comprobar que, fóra dos lugares comúns da soberanía popular (en ocasións matizada coa de cidadá), non existe un plan determinado para levar a Europa. Aquí é onde os sectores limítrofes coa socialdemocracia, que votaron nas anteriores eleccións por fartura, botan en falta unha visión menos dogmática das relacións económicas e sociais. A economía de mercado semella ser o gran enemigo da dirixencia desta coalición e o capitalismo o ogro bestial que devora case todo, pero non resulta sinxelo ver como se vai mudar esta circunstancia e cal é o modelo que pode substituir a todo iso. O votante máis moderado, menos esquerdista, pouco desfavorable á economía do mercado, ten difícil  repetir o voto, dada a particular radicalidade (e escaso avío) das propostas: pode amosar, como eu fago aquí, as súas serias discrepancias, porque considera que houbo un tempo en que nalgún deses partidos (en EU/IU, con evidencia, pero tamén en grupos ecoloxistas) existía unha corrente que admitía o mercado (o eurocomunismo) e que promovía opcións de igualdade social dentro do capitalismo do benestar. O gap, vendo esta nova candidatura, aumenta e, con el, a distancia co que representa sociolóxicamente o esquerdismo opositor en Galicia: irse a un extremo é desprezar o lugar que ocupamos os que, hai ano e medio, decidimos apostar (baixo especie de descarte) por AGE.    

1 commento:

Xaime ha detto...

Vaia