Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 febbraio 2007

COMMEDIA DELL'ARTE


Cando chega o solpor, as máscaras se exhiben. Todo en silencio. Moven lentamente os brazos, xiran a cabeza cun aceno de impostura mil anos calculada. O viaxeiro eterniza a imaxe, pero toma o tren á noite, incapaz de entrar nin un solo instante na súa festa. Contempla a superficie e durme complacido só co esplendor de ouropel e cores.

ITALIA: PRIMA PUNTATA


Celebran, conmemoran, lembran en Italia este ano os anos de chumbo. O '77, como eles escriben, forma parte sustancial do seu pasado máis inmediato. A aparición, ademáis, dunhas novas Brigate Rosse en Padova trae á memoria de novo o terrorismo daqueles anos. Un excelente programa na Rai (de Carlo Lucarelli, un escritor de novela negra, il giallo, moi coñecido e admirado en Italia) que espero compre algunha canle de televisión por estes pagos, describe con precisión aqueles anos: quedan para sempre as imaxes de Aldo Moro no maletero dunha R4 nunha rúa de Roma, pero nunca escoitara a voz do terrorista que informa por teléfono da morte do secretario xeral da DC a un amigo de Moro. Os xornais en Italia repasan unha e outra vez aqueles anos, con recordos de manifestacións en Bologna, en Milán, en Roma, dun estado policial. Interesa ler a entrevista con Fausto Bertinotti, líder do Partido di Rifondazione Comunista italiano, e actual presidente da Cámara de Diputados, gracias, por suposto, aos votos da Unione, a amalgama de partidos de centroesquerda italiana. Nela afirma que "a non violencia debe converterse no manifesto da esquerda", despois de confesar que "sobre o terrorismo a esquerda non fixo bastante".

P. Presidente Bertinotti, vostede que nos anos 70 estivo entre os que combatiron o terrorismo e despois convertiuse en líder dun partido neocomunista, que pensa agora cando ve que en Italia aínda hai terroristas dispostos a facer a revolución?

R. Tiven un pesadelo. Pensei que nos anos 70 fixeramos tanto para acabar coas Brigate Rosse históricas. Pero non bastante. Pode que non chegaramos ata o fondo, non fomos quen de extirpar o virus do terrorismo do noso corpo.

Tras estas declaracións, Darío Fo, entusiasmado pola risposta da esquerda contra a ampliación da base americana en Vicenza (un dos principais problemas do ex primeiro goberno Prodi), nunha manifestación moi amplia, afirma que resulta "perigoso" non escoitar á sociedade. "Que volvan outra vez os brigadistas paréceme un pesadelo (un incubo, en italiano); non se comprende sobre que plano cultural, estratéxico, ideolóxico se moven. Non hai lóxica: so hai loucura. Dito esto, a política non debe enviar aos xovenes mensaxes de desencanto, señais de que neste mundo pagan sempre os parvos".

A discusión política en Italia, sempre tan interesante polo que de analoxía pode representar ás nosas circunstancias, é moi viva e fascinante.

[Foto: rúa de Ferrara]

25 febbraio 2007

GRAZIE TANTE: EMMANUELA E RUGGERO

O primeiro post despois desta paréntese ferraresa é un recoñecemento afectuoso para Emmanuela e Ruggero, os donos de Piazza Nova Guest House, un albergo a xeito de bed and breakfast no corazón mesmo da belísima città da Emilia-Romagna. Atentísimos e encantadores, ofrecen unhas habitacións tamén encantadoras con toda a comodidade do mundo. Parezo un anuncio do seu establecemento, pero non poido facer máis que loubar toda a súa atención. Se algún día visitades isa maravillosa zona de Italia (outra máis), non deixedes de probar na súa casa.
[Il primo post dopo questa parentesi ferrrarese é un riconoscimento afettuoso per Emmanuela e Ruggero, quelli che vi hanno ospitato in Piazza Nova Guest House, un albergo a modo di B & B, nel propio cuore della bellissima cittá dell'Emilia-Romagna. Gentilissimi, offrono delle camere anche carine con tutta la commodità del mondo. Sembro di essere la pubblicità della sua ditta, ma non posso fare più che ammirare la sua disponibilità. Si qualcuna volta siete in questa parte meravigliosa dell'Italia (ancora un'altra), non lasciare di visitare la sua casa]
Da qui, un saluto e un abbraccio molto cordiale a loro. Ci rivediamo.

16 febbraio 2007

PARÉNTESE

Saio mañán para a terra italiana, para as chairas húmidas da desembocadura do Po. Poño, pois, un pequeno paréntese. A vindeira semá contarei as maravillas (non pode ser doutro xeito) daquela amada terra.
[As musas inquedantes, Giorgio di Chirico]

15 febbraio 2007

O MELLOR RESTAURANTE DE GALICIA

En tempos de cocido, nada mellor que arrimarse a outras arbres, de máis axeitado acubillo. Entre eles, sen dúbida, en Vigo, o Maruja Limón, rúa Victoria, a carón da Praza de Compostela. Alí descúbrese, como tesouro, un dos mellores restorantes de Galicia: o mellor onde eu comera. Admítense suxerencias e recomendacións.



LECTURA DUN XORNAL

As imaxes de corpos mortos en Bagdad en primeira plana son invisibles. Os números de caídos andan cada día polo centenar. O lector xa nin suma; un día alguén suma por el e dá igual o número, 30.000 que 300.000. Moitos, a bulto. Pero afaise: nin mira para a foto, entende que hai moitas cores. A imaxe innecesaria. Logo abre o xornal pola primeira páxina: máis fotos e pasa páxina (debe ser eso ao que se refiren sempre). E segue. E segue. E chega a nacional: escruta as verbas unha a unha por se algo se lle escapa. Por suposto, todo. Pero insiste. A retórica gústalle, pero acaba farto. Non hai reportaxes: opinións e comentarios de xornalistas áulicos, de Corte e confección para o poder: entre liñas, dúbidas. Un pasatempo solemne. Cando chega ás páxinas de sociedade limítase a aprender neoloxismos: "criopreserva" saiu hoxe. Ou hai novas vacinas contra algo ou algo (sempre relixioso) contra a educación. Os caderniños locais fotografían rúas familiares, por onde pasa esa corrupción que el xa sabe porque lla contan os colegas que pagan e rin cando lles pide que denuncien: e, como sabe, pasa páxina, aínda que queda cos nomes: Gondomar, qué bonito nombre tienes! Quere pasar a cultura e pasa. Sempre novas (tendencias) que deixan de selo ao pasar a páxina. Xente, calendario, santoral, cartelera, axenda, obituario. Os deportes hoxe danlle folgos: sorrí por un abrazo. Casto, inocente. Entre os dous, varios quilos. O lector volve a ver sangue nas páxinas económicas, pero non hai imaxes. As novas sobre televisión descubren as articulacións das mensaxes: o nervio mentireiro, il meglio fabbro di calumnie. Le a última columna e míraa como o blasón derruido dun xornal que xa non é.
[A extracción da pedra da loucura, Hieronymus van Aeken, El Bosco
Ha. 1502. Óleo sobre tabla, 48 x 35 cm, Madrid, Museo do Prado]

13 febbraio 2007

CANDO GALLAECIA ERA UN UMBILLICUS MUNDI

Chégame desde Compostela, per loca maritima, máis ou menos, este interesante libriño (libriño polo tamaño) dun paisano meu (do centro mesmo da Gallaecia: a Pons Ferrata), César Candelas, especialista en Hidacio de Chaves ou máis ben Hidacio da Limia (Civitas Limicorum), que de por alí, perto da Lagoa de Antela, era. O libro, nun tono ameno e divulgativo, non carente de erudición (histórica, teolóxica, arqueolóxica, urbanística) e dun punto belixerante contra certas concepcións anacronizantes daquel tempo, conta a vida e o mundo galaico de Hidacio a partir do Cronicon, unha especie de blog ante litteram, claro está de maiores pretensións trascendentais e, por suposto, cheo de notas en forma de calendario sobre acontecementos históricos, cotiáns ou mesmo meteorolóxicos, como o que o propio Candelas inclúe no limiar do libro: "Na véspera das nonas de Abril (4 de Abril), martes, ao solpor, o ceo adquiriu a cor vermella do lume e do sangue polo norte, mesturado cunha liñas claras semellantes a lanzas brillantes deformadas polo vermello ígneo". Fermoso texto nun apaixoante relato, que forma parte, como di o autor, do ADN de Galicia.