Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 marzo 2007

MANUEL VICENT: A PAELLA DUBITATIVA


Onte fomos ver a Manuel Vicent ao Club Faro: cun aceno sempre severo e tono sempre amable e irónico, foi desvelando a súa exaltación da comida sinxela, pura, elemental, onde o pan, o aceite, o tomate, as verduras á prancha ou os humores limpos de ourizos e gambas constituén a materia esencial dos placeres da comida. Por suposto, entre confesións de anticordeirismo e efusións sobre a sexualidade das verduleras valencianas no intre de coller plátanos, pepinos ou cenouras, engadiu comentarios divertidos sobre o acto (o banquete, o ágape) da comida. Lembrou aquela frase de Rafael Azcona que aseguraba que ningunha comida era pesada ou producía acidez, que eran os comensais os que verdadeiramente producían pesadez de estómago. De todas as súas anécdotas (un feixe inacabable) eu quedo coa súa lixeira befa do intelectual frente á composición máxica e mística da paella. Do seu libro Comer e beber a mi manera entresaco estas verbas:
"La paella dubitativa la suele guisar un artista o un intelectual. Así se las he visto hacer a Berlanga, a Joan Fuster, a Manolo Vázquez Montalbán, al escultor Amadeo Gabino, a los pintores Eusebio Sempere y Paco Farreras, al cineasta García Sánchez. Tal vez ignoran que el punto del arroz es un ente metafísico, inalcanzable, que siempre está más allá. Entonces comienzan a poner excusas, que el agua no es de Valencia, que el fuego es de gas y no de leña de naranjo, como debe ser, que no han encontrado garrofó en el mercado, que las verduras son congeladas. Su duda se hace explícita cuando piden ayuda a otros para que prueben el caldo para cerciorarse de cómo está de sal. Son dificultades autoimpuestas ante el cataclismo que se avecina, pero la paella tiene la ventaja de que siempre se come tarde y con hambre, por eso el cocinero se cabrea mucho si ve que los invitados toman demasiados aperitivos.
Despois da charla, lembrei a primeira cláusula de toda normativa sobre tertulias que Manuel Vicent impuxo na súa celebrada do Café Gijón: "A la tertulia hay que venir llorao". Unha boa tertulia ten que ter sempre esa premisa inexcusable.
[Otto Dix, A xornalista Sylvia von Harden, 1926]

28 febbraio 2007

PADÍMETRO

Un Padímetro. Para máximas cheas. A frecha marca 1951. Aínda non estaba o bipartito, Alberto. Por se tamén lle botas a culpa.

LAUREADA EN XURISPRUDENZA POR BOLOGNA


Unha antiga tradición estudantesca. Esta Melloni (vaia nome, tamén) non che foi precisamente unha Xustiniana. En todos os países, polo que se mira, cocen fabas (ou cocidos).

27 febbraio 2007

ITALIA: TERZA PUNTATA




Na obrigada visita a Italia, tres son os lugares preferentes: Florencia, Venecia e Roma. Quedan fóra, para unha segunda vez que se programa desde que despegamos de Ciampino, outros extraordinarios lugares: Nápoles, Siena, Perugia, Lago di Garda, Milán, Sicilia, Sardegna. Non sabería dicir: son tantos. Pero, desde logo, un sobresae por riba de todos: Bologna e a Emilia-Romagna. Bologna/Boloña/Bolonia é unha cidade belísima (para mín superior á propia Florencia con quen pode competir en tamaño), cos seus quilométricos soportais, cos seus infinitos palazzi, co seu cor bermello, as súas prazas públicas cheas de estudantes, e un sinfín de librerías (Brétemas: abertas mesmo en domingo, cheas de xente, unha boa idea para alimentar a lectura). É a cidade universitaria e o berce de moitos dos políticos italianos. Fóra da cidade, que ten un ar misterioso e máxico, pode un visitar Módena, Parma, Reggio Emilia, Ravenna, Piacenza, Mantova, Florencia, Verona, a propia Ferrara da foto, situadas a non máis dunha hora de camiño por autoestradas rectilíneas por onde pasan os coches a máis de 160 por hora. Todas elas teñen unha calidade de vida abraiante, un urbanismo exemplar, un xeito de vivir (slow lle chaman os italianos na súa tendencia ao anglicismo) admirable. Goberna a sinistra desde despois da guerra, case ininterrumpidamente, co seu PCI nos primeiros tempos, agora cos Democratici di Sinistra. A gastronomía é considerada a millor de Italia polos propios italianos e a paisaxe, unha chaira interminable, neboenta en inverno e febril en verán, trae recordos inevitables de Novecento ou de tantas películas de Antonioni.
Nos xornais de Boloña sinalaban un feito curioso: medraba o número de viaxeiros e turistas españoles por aquelas zonas. A razón? Que o curioso hispánico dera por vistos os totems do turismo italiano e emprendía a ollada a estes novos lugares: as súas respostas ás enquisas das casas de información falaban de sorprendente admiración por aquela zona, descoñecida pero tan interesante coma as principais rutas do Grand Tour itálico.
[Foto: o Castello Estense e a Cattedrale de Ferrara]

A FERRARA HEBRAICA

No guetto de Ferrara atopo esta lápida. Estou lendo agora, lonxe daquela terra de ladrillos bermellos, a prosa lenta e pausada de O xardín dos Finzi-Contini de Giorgio Bassani. A historia dos hebreos errantes, neste lugar de néboa e beleza profunda que asolaga o Po, onde figura unha pedra en memoria de cada un dos caidos unha noite de decembro do 43.

GÚSTANME OS OSCARS


Di o New York Times: "The victory of “The Departed” at the Oscars on Sunday night represented many things: fair tribute to Martin Scorsese, recognition of the movie’s brute force at the box office, and an acknowledgment that stars not only make movies, they make the movie". Non sei, pero Martin Scorsese, un dos grandes (impagable a súa imaxe tras o pano do esceario mentres falaba o productor da súa película), mereceu hai tempo oscars a mazo. Quizáis non era a súa mellor película, pero non estaba mal: ou sexa, moito mellor ca calquera filme deste derradeiro ano.
En todo caso, eu teñoo claro: eu de maior quero ser coma George Clooney.

26 febbraio 2007

ITALIA: SECONDA PUNTATA


A fortuna quixo que mentres visitaba o país, o professore Prodi dimitise do seu cargo de Presidente del Consiglio. Máis ca fortuna, tratábase de votar no Senado a política exterior do Goberno de "centrosinistra", presentada por Massimo d'Alema, en torno a presencia (cada vez máis insoportable para boa parte da opinión pública italiana, pero aceptable, como en España, en misión ONU, polo goberno de esquerdas) en Afganistán do exército italiano. Dous diputados da esquerda (chamada en Italia radical) finalmente votaron en contra de D'Alema (puideron ser máis: por exemplo, Franca Rame) ao tempo que o incombustible Andreotti (a súa explicación é de vello volpe: "deume mala impresión cando escoitei falar a D'Alema de non continuidade coa política exterior de Berlusconi. Esta obriga de reducir todo a un pro ou un contra Berlusconi semella absurdo. Así decidín absterme") e outro senador vitalicio (o Pininfarina) que tamén rexeitaron (a abstención tamén conta como rexeitamento) a proposta do Ministro. Prodi de forma instantánea presentou a súa dimisión a Napolitano, nun acto protocolario de vella democracia. Pero co propósito de recabar de novo apoios para un novo goberno: un Prodi bis. Berlusconi e acólitos pediron eleccións e a Unione tratou de buscar nos bancos máis centristas os números para saír adiante.
A fragmentación das forzas de centro esquerda é proverbial. O número de partidos é case equivalente ao número de senadores, de tal xeito que cos votos de dous senadores (un do partido "La Italia del mezzo" e outro da "Italia dei Valori") poden perfectamente superar a crise. A posible volta de Berlusconi, que todo o mundo teme, obriga aos partidos políticos de esquerda a aceptar as condicións de Prodi para un segundo intento. Pero nestas condicións entran a retirada da lei das parellas de facto (as de gays non as verán os italianos en anos: mentres goberne Prodi) e a formulación do pacto coa Igrexa (velenoso) en sede parlamentaria, co fin de sumar os votos de centro. A fraxilidade do goberno Prodi, que foi exhibida sempre como a súa principal fortaleza, demóstrase día a día cunha esquerda moi fragmentada, diante dunha Forza Italia cada vez máis homoxénea tras a perda de poder da Lega Nord, de Alleanza Nazionale e a pesares do reforzamento da Udc. A esquerda está obrigada a admitir a notoria moderación de Prodi (e o seu acendrado catolicismo coma o de tantos outros parlamentarios esquerdistas) se non quere ter de novo, e por moitos anos, segundo cren, a un Berlusconi.
Noutro post falaremos da xerontocracia italiana. Un adianto: Prodi, 68 anos; Berlusconi, 70 anos; Andreotti, 88 anos; Franca Rame, 77 anos.
E da suxestión Zapatero: un modelo heroico para a esquerda italiana, ou parcialmente informada ou desexosa de facer tabula rasa cunha clase política xa demasiado vista.
E da escasísima, por non dicir nula, presencia de mulleres na vida política italiana.