Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 marzo 2008

ESTHER TUSQUETS


Apreciara na mocidade a literatura de Esther Tusquets. Lin varias novelas dela e recordo que estimara moito El mismo mar de todos los veranos, unha narración que ela mesma presentaba como medio autobiográfica. Agora teño unha leve noción daquela obra: o ambiente descrito dunha Barcelona adolescente (e dos seus veraneos prolongados a carón ou dentro do mar) que vai deixando paso a unha mocidade crítica e rebelde, na que os sucesos políticos e o descubremento do sexo e das relacións humanas complexas, vai mudando esa elegante forma de vida. Lembro tamén unha sintaxe envolvente, sinuosa, que naquela época parecíame o colmo da sofisticación estilística. Non sei se era literatura para a mocidade, pero gardo unha lembranza moi positiva daquel libro: non me atrevo siquera a relelo por medo a perder esa imaxe primaria. Non estaba fóra dese interese meu a súa deliberada proposta feminista que me atraía moitísimo e que, de modo case automático, relaciono sempre con Tusquets (editora ademáis de Virginia Woolf).

Daquela o mundo contado por Esther Tusquets semellaba de tan lonxano, atractivo. A miña fascinación por Barcelona, que descoñecía, quedaba satisfeita. Máis tarde, amei a literatura a través de textos que falaban desa mesma Barcelona, con idéntica paixón e sentimentalidade. Os Goytisolo (gustábame Juan, pero non despreciaba nin moito menos a Luis, máis intelectual e frío, pero tal vez máis riguroso; e lía a José Agustín, a pesar de los pesares) ou Marsé (todos os seus libros forman parte da miña educación) contaban aquel tempo. Despois, Mendoza, Montalbán ou a poesía de Biedma ou Gimferrer (tamén os seus artigos) pintaron outros mundos, así como as memorias de Terenci Moix ou de Carlos Barral contribuiron a perfilar aínda máis aquel espacio e aquela memoria.

Por todo isto voltei a Esther Tusquets. Onte rematei de ler Habíamos ganado la guerra. De lectura moi doada (demasiado, para min que tiña a Tusquets como exemplo de complexidade), o libro preséntase como unha clarísima confesión case de culpa. Axuste de contas con ela mesma tamén pode resultar acaído, á vista sobre todo da impericia ou do aparente desorde con que narra a súa vida. Como se pretendera descargar da súa conciencia todo o seu pasado de golpe. Sen tomar folgos. Tusquets parte da idea de que non todo o mundo perdeu a guerra: ela e a súa familia gañaran a guerra. Eran os vencedores. Pai e nai franquistas que baixaron á rúa para dar a benvida ás tropas nacionais. De clase media alta, viviron nos mellores inmobles do Eixample barcelonés, con servicio incluido ao que trataba cun clasismo evidente, tal e como a propia Tusquets describe. Conta tamén o seu paso polo Colexio Alemán xusto despois da guerra por vontade da súa nai xermanófila, as veleidades do seu tío Juan co nazismo, o gusto burgués (a súa paixón polo Liceu) cifrado en veraneos eternos (dos que xa falara nas súas novelas), o seu carácter susceptible durante a nenez e o seu despertar á política ou á relixión, coa xa coñecida militancia falanxista ou a súa devoción cristiana difícilmente canalizable nos tempos escuros da represión. O libro conclúe no momento en que ela se decata (por un pulo radical que ela mesma define) de que o mundo no que vivía pertencía aos vencedores e que ela xa non pertencía a ese mundo, esfarelado en anacos e en pequenas crises de identidade social. Como ela confesa ao final do libro, a súa vida foi un tránsito, ao parecer doloroso se xulgamos a vehemencia con que conta todo, da exaltación da victoria ao recoñecemento íntimo (compartido cos amigos, coa xente que foi coñecendo pouco a pouco) de ser tamén ela unha derrotada.
Non é un gran libro de memorias, pero cumpre con eficacia o propósito explícito de desafogo persoal que todo lector sempre agradece. E que eu lle agradezo.

30 marzo 2008

CELTA DE VIGO - SPÓRTING DE XIXÓN


Coas desculpas a Brétemas pola ocasional competencia, farei crónica do partido do Celta de hoxe a mañán. Pero con escasas pretensións: só para afirmar que o cadro celeste non ten equipo nin para subir a primeira nin case para xogar ao fútbol (non convén esquecer que está tan cerca de primeira como de segunda B: oito puntos) e que o Spórting aínda ten que xogar un pouco máis se quere subir de categoría. Cousa que desexo afervoadamente á vista da exemplar aficción (siareiros e siareiras en grupos familiares, algo digno de loubar nun deporte onde os homes mozos adoitan ser a norma) que o acompaña. Aparte, claro está, de indisimuladas afinidades por vía paterna.

O partido foi malo de solemnidade, a pesar dos comentarios benevolentes dos narradores do partido, afeitos xa a un estilo de fútbol intragable. Lembro con moita dificultade algunha xogada de mérito no Celta, se non contamos o excelente patadón (non paradón) de Esteban, principio e final do ataque celtista. Ausentes defensas (dignos imitadores do porteiro nos avants, que non pases), medios (Larena non está para xogar ao fútbol en campo grande) co mérito indudable de tirarse ao chan para sacarlle o balón ao contrario con moito esforzo e entregarllo despois sen o máis mínimo traballo e cunha xenerosidade que será recompensada supoño cando o spórting suba a primeira, e dianteiros mareados de tanto mirar para o ceo por ver de onde ven o balón. Algún xogador, visto que non había equipo por ningures, alomenos a uns 100 metros de distancia, decidiu correr co balón entre as pernas ata marcador por contentar á aficción más atlética (faltoulle un tris para correr fóra da herba que era o que correspondía) e, de paso, ao entrenador, que debe de estar dando gracias á directiva por darlle a oportunidade única de entrenar uns días en segunda división.

O dito: se non sube o Celta, que o faga o gran Spórting e a gran aficción de Xixón que ben o merece.

NON Á RECONQUISTA


Celebro o entusiasmo da Asociación Casco Vello por revitalizar aquelas rúas e prazas abandonadas con conmemoracións inapropiadas pero atractivas (sobre todo un domingo pola tarde, exemplar momento semanal de tedio e aborrecemento). Teño que confesar, non obstante, que non me gusta a festa da Reconquista: nin o feito conmemorado nin a necesidade de lembralo. Pero poño boa vontade para comprendelo. Algúns amigos participan na festa (cunha ilusión raiana no fanatismo, sempre ficticio, obviamente, xunto á tenencia de alcalde, camuflado entre a tropa local) e colorean o ambiente. Arman danzas con fogos de artificio, ensombrecen a tarde con trompetas de guerra e berrean consignas incomprensibles durante unha hora. Con máis vontade que intelixencia, pero cunha boa cantidade de xente que prefire esa representación a tomar uns churros, poñamos por caso, no Bonilla.

A rúa cheira a chourizo, viños acedos e empanadas resesas. As gaitas resoan por cada esquina, con troula improvisada e escasa habelencia técnica. Os postos do mercadiño semellan idénticos aos de outros mercadiños sempre medievais (ata na presentación tosca e escasamente convincente dos seus productos). Todo eso é pasable, cunha dose (coma a que eu puiden chegar a ter despois dunha botella de Rueda e un excelente arroz negro no Tapelia, franquicia de arroces alacantíns moi recomendable) de benevolencia e pouca ou ningunha conciencia crítica. Arrastrado pola multitude cheguei á praza e vin por alí esmorgantes de traza amateur e un retabliño de persoaxes que xurdían dos balcóns, dun taboado colocado nun extremo da praza ou empoleirado da farola central fernandina coma un mozo enérxico que cun machado trataba de enervar aos vigueses e viguesas todos e todas.

Estaba eu no trance de admitir toda aquela fantasía histórica por ben da festa rachada, cando falou desde un balcón un francés con falso sotaque gabacho proclamando as tres verdades da revolución: liberté, egalité e fraternité. Xuro que non foi o meu estado seminarcotizado o que lembra que esas palabras unha a unha foron asubiadas pola xentalla alí reunida. Eu entendo e mesmo loubo a invención teatral, a ilusión (de ilusión non se vive) dramática, pero aquilo foi moito. E non é a primeira vez que sucede, como o aplauso encendido que a alocución dun prete vestido de prete a porter suscitou naquela masa de contrarrevolucionarios. Aproveitei que os franceses camiñaban Triunfo abaixo para seguilos na súa fuxida e escapar daqueles lugares. Agora, xa a salvo, só agardo que a celebración do ano que ven me colla nas Antillas ou, polo menos, en Cangas, onde o son das soflamas, arengas e aldraxes contra o francés non molesten os meus castos ouvidos. Supoño que hai xeitos de avivar o casco vello (non todo, curiosamente, senón o xa avivado), pero o de representar unha expulsión, unha batalla, unha loita non semella a mellor forma de facelo.

28 marzo 2008

ADMIRACIÓN CESARINISTA




E para que o trío de admiracións quede completo, aquí vai a cesarinista, a máis entusiasta e emocionante de todas. O grupo, En cuarentena, canta o día 5 de abril en Vilalba, pub A Xanela. Non teño palabras para ese peazo guitarrista que aúna maneiras de Keith Richards e Eric Clapton e acariña coa súa voz de veludo o micrófono do Lar.
Actualización, 29 de marzo de 2008: a petición do distinguido público que hoxe recibe ademáis PeNe, o grande R.R., a foto do Clapton do Eume.

ADMIRACIÓN MCENROIANA


Para compensar a caída cultureta do anterior post, hoxe dedico o deste venres festivo en Vigo (e non festeiro porque a edificante representación da non menos exemplar expulsión dos franceses adíase para o domingo) a un ídolo da miña (primeirísima) mocidade. Acabo de ver a súa fotografía, xunto a outros nomes senlleiros daquel mundo mitificado, porque ven dar en Madrid algunhas (supoño que mitigadas pola idade) leccións do seu maxisterio. Falo, claro está, do marabilloso John McEnroe.
Naqueles tempos dun Borg implacable e dun Ivan Lendl non menos titánico, elixir a McEnroe supoñía ademáis defender un modo de vida, un xeito de competir, unha estampa insobornable nas pistas. Aquela súa postura ao sacar, formando un arco completo de onde saía aquel dardo envelenado, cruzado e revirado ata as esquinas máis alonxadas da pista. Aquel correr furibundo cara a rede para logo colocar coa suavidade elegante dun bote pronto apenas tocado a bola xusto despois da rede, onde mansa bicaba a herba de Wimbledon.
Levaba unha fita no cabelo, innecesaria, e zapatillas de cores, cando aínda o branco semellaba obrigatorio. Enfadábase co umpire, máis que nada para encender o terreo, encenderse a sí mesmo e provocar os incendios tenísticos máis inesquecibles de todos os tempos. John McEnroe era máis ca un tenista: xa sei que se axudou con estimulantes para soportar as tres ou catro horas que duraban o seus encontros míticos con Bjorn Borg (que estará con el en Madrid). Pero hai que saber xogar (como Maradona), hai que rozar a perfección en cada golpe. El era unha imaxe de inconformismo, de talento entusiasta: conmovía aos espectadores e o seu desafío consistía máis que en vencer ao rival en alimentar no público a idea de que a beleza e o espíritu de combate e de non redención era un privilexio. Velo agora cos seus 49 anos, un pouco, pero só un pouco máis vello ca min, reconfórtame. Longa vida a John Mcenroe.

27 marzo 2008

ADMIRACIÓN MAQUIAVÉLICA


Maquiavelo é un dos meus escritores favoritos. Il principe non é o meu libro de cabeceira, pero cada vez que leo un dos seus capítulos ao azar, atopo a intelixencia humanista a pleno rendimento e a elevada estima pola vontade humana. O termo maquiavélico co seu sentido pexorativo perxudica a súa imaxe e probablemente impide un achegamento imparcial á súa obra. Pero teño para min que tal concepción procede nin máis nin menos que dos sectores máis reaccionarios da igrexa (con indudable éxito a teor da recepción crítica do autor italiano) incapaces de admitir a súa proposta laicista; ou sexa, a novidade moderna dunha política á altura do ser humano, sen providencias nen gracias diviñas. Nunca lles gustou aos reis (emperadores e césares de baratillo), crentes no designio dun ser superior que os conservaba prodixiosamente no trono, que a política dependera dos actos (imperfectos) dos homes aínda que fora co escuro misterio de conseguir o benestar da república. O que algúns chaman, e non sen sentido, a razón de Estado. Maquiavelo planteou no seu espello de príncipes os límites entre a misericordia e da crueldade, entre o temor e o amor ao gobernante. Pero non fixou ningunha premisa: deixou que o príncipe, coa ollada posta no obxectivo de manter a república e manterse, debuxara as súas accións políticas. Non pretendamos en Maquiavelo democratismos, pero sí a primeira silueta dun homo politicus moderno.

Pero Maquiavelo é algo máis. Ou moito máis. En Italia forma parte fundamental dos programas de literatura: constitúe a cerna do seu clasicismo. E, no medio dese clasicismo (entre facecias, fábulas satíricas, comentarios históricos), destaca a súa literatura epistolar. Todo ven ao conto dunha edición cuidadísima que acaba de saír en español que recolle o seu Epistolario privado. Contén 118 cartas (súas e dos seus correspondentes como Guicciardini ou Vettori) e máis un apéndice onde Nicolás Maquiavelo conta detalles curiosos da vida cotián e reflexiona sobre a condición do home na terra, nunha mistura ben tenra entre discurso filosófico e impresión fugaz e amigable sobre o destino do mundo. Por esas cartas, pasan comentarios ferintes como o da carta 17 que transcribo case íntegra:


La vieja bellaca me tomó de la mano y acercándome hasta ella me dijo: "Esta es la camisa que yo os quiero vender, pero antes quiero que la probéis, que ya me la pagaréis después". Como hombre tímido que soy, me turbé sobremanera. Con todo, al quedarme solo con ella en la oscuridad (porque la vieja salió de inmediato de la casa y cerró la puerta) me puse a fornicar de un tirón. Y aunque la hallé floja de nalgas y húmeda de vulva, y aunque le hedía un poco el aliento, pese a todo, mi ardor era tal que la cosa funcionó. Así que, terminado el asunto, me vinieron ganas de ver la mercancía, de modo que tomé un tizón de una lumbre que había por allí y encendí un candil que estaba encima; y apenas lo había prendido que estuvo a punto de caérseme de la mano. ¡Ay de mí! Casi caigo al suelo fulminado: ¡hasta tal punto era fea aquella mujer!. Y lo primero que se apreciaba era una cabellera entre el blanco y el negro, esto es, canosa; y aunque tenía una buena calvicie en la cocorota, por la que se veía pasear nítidamente algún que otro piojo, con todo, los pocos pelos que tenía se le mezclaban con la barba y le tapaban hasta las cejas. Y en el medio de aquella cabeza pequeña y arrugada tenía una cicatriz de quemadura que parecía marcada a fuego en la columna del mercado. En cada extremo de las cejas, junto a los ojos, tenía un mechoncillo de pelo lleno de liendre. Un ojo estaba más alto que el otro y eran de diferente tamaño. El lagrimal se hallaba colmo de legañas, las pestañas de los párpados despeluzadas. La nariz ganchuda llegaba hasta la barbilla y uno de su orificios estaba rajado y lleno de mocos. La boca parecía la de Lorenzo de Medici, pero torcida de un lado, de donde salía algo de baba, porque, al no tener dientes, no podía retener la saliva. En el labio superior tenía bigote largo, pero ralo. La barbilla era de forma puntiaguda, torcida un poco hacia arriba y de ella pendía algo de pellejo que se unía con el gollete del cuello. Me quedé pasmado y enteramente aturdido contemplando aquel monstruo; y, al darse cuenta, quiso decir un "Señor, ¿qué os sucede?; pero no lo consiguió porque era balbuciente; y al abrir la boca salió un aliento hasta tal punto putrefacto que, al sentir tamaña ofensa golpeando en las puertas de aquellos dos escrupulosamente sentidos, ojos y nariz, se produjo tal náusea en mi estómago que éste no pudo con ello y todo se revolvió y todo bien revuelto se lo vomité encima.


Pero non sempre o seu estilo camiña por estes vieiros (aínda que os frecuenta moito). Na carta a Vettori de 10 de decembro de 1513 escribe as celebérrimas palabras que explican cómo naceu o libro sobre o príncipe e adornan o topos que logo empregará Quevedo dos libros como conversación cos defuntos:


Avanzada la tarde, me vuelvo a casa y entro en mi despacho. Y en el umbral me despojo de mis vestidos cotidianos, llenos de fango y lodo, y me visto de ropas nobles y curiales. Entonces, dignamente ataviado, entro en las cortes de los hombre antiguos, donde, amablemente recibido por ellos, me deleito con ese alimento que es sólo para mí y para el que yo nací. Y no me avergüenzo de hablar con ellos, y de preguntarles por las razones de sus acciones. Y ellos, por su humanidad, me responden. Y durante cuatro horas no siento ningún aburrimiento, me olvido de toda ambición, no temo la pobreza, no me da miedo la muerte: me transfiero enteramente donde están ellos.


A edición, cunha introducción sinxela pero moi interesante, que corre a cargo de Juan Manuel Forte, preséntase cun primor insólito para este tipo de libros, con ilustracións e unha tipografía elegante. Sen dúbida, coa ellegantia que merece este diplomático e político florentino que precisa dunha nova lectura dos seus marabillosos textos.

25 marzo 2008

INTERMITENCIAS VIAXEIRAS por APICULTOR, GUEST STAR





Pídeme o amigo Arume, gran penitente tras o sendeiro da resurrección, unha crónica viaxeira propia. Por non desairar tan donosa solicitude, práceme pergueñar apenas unhas poucas liñas, insuficientes pero decorosas, sobre o particular. Mais como son de seu inconstante e preguiceiro, non tomo notas das impresións dos lugares visitados: á final, fica unha nebulosa de dubidosa verosimilitude sobre se estiven ou non en algures. Necesito cando menos unha nova revisita para non confundir Plasencia con Badaxoz, poñamos por caso. Só nos casos de verdadeiro impacto, sublime experiencia ou notoria anécdota, quedan gravados os lugares, as xentes, as paisaxes.

Béjar é, en efecto, lugar de tránsito ou apousento, pouco agraciado en si mesmo, ou iso me semellou. O único salientable foi a merca nun quiosco dun exemplar, por dous euros, do libriño de Bioy Casares “La invención de Morel”, papado esa mesma noite.

Despois da pernocta, dirixímonos á poboación fronteiriza de Hervás, na Extremadura. Agradable día soleado, domingo de Ramos. Calzados coas impagables Chiruca, algo pesadas pero resistentes e megaconfortables, na praza principal asistimos á procesión das oliveiras, con borrica de verdade e Cristo de carne, oso e túnica branca e azul.

Rematada a benzón, un neno pilla un cabreo chorón monumental, e de pouco vale a réplica realista da súa nai: - “No todos pueden tener la grande”. Refírese, naturalmente, á rama de oliveira, pero un non deixa de percibir trasfondo de resignada filosofía da carne. Hai nesa mesma praza un bar-libraría, e nunha rúa colindante o museo dun matrimonio de pintores-escultores fenecidos (Museo Pérez Comendador-Leroux), onde predomina un estilo que remeda clasicismo e, sen ter datos, un certo arrecendo de “franquismo cultural”: Vivanco, Panero. O mellor: o edificio e unha pequena pero extraordinaria colección de ex libris e ex musicis, cataláns of course.

O barrio xudeo de Hervás é máis que recomendable: unha delicia o seu paseo. As Chiruca axudan o trote das empinadas e empedradas rúas, e na ponte que cruza o río pode aparecer en calquera intre a xudea (ou a moura: tanto ten) pecaminosa dos romances. Cestería disque artesanal de pao de carballo: agasallos para a ocasión.

En estando na ponte, unha idea luminosa: chamar ao chou para encargar mesa e mantel nun dos restaurantes. Ás dúas e media en punto estamos nun lugar coqueto e limpo, e dispómonos a degustar, despois duns entrantes, o máis tenro e saboroso “solomillo” de porco probado nunca, acompañado dunha axeitadisima prebe de cereixas e guarnición de legumes e verduras, amén dunha boa pero única copa de viño.

O corpo, xa se sabe, rexenérase, e hai folgos para visitar un curioso e, a teor das fotos do folleto, ben interesante “Museo de la moto clásica y del automóvil”, á outra beira do río. O aire kitch que ten ao lonxe acada o cume cando nos enteramos do prezo de entrada: dez euros por cabeza! Trátase da orixinal iniciativa dun “emprendedor” privado que, non obstante cobizoso, ve fuxir a dúcias de persoas que se negan a tan excesivo desembolso. Iso non impide apreciar marabillosos letreiros e prosa. Un deles reza: “Siendo un proyecto cultural y único, las instituciones extremeñas lo están ignorando, habiéndoles propuesto incluso poder convertirse en fundación. ¿Por respuesta?... Silencio. Nota: No hemos tenido ninguna subvención y ni siquiera licencia municipal. ¡Colabore con su entrada! ¡No le defraudaremos! Muchas gracias”. O outro asevera: “No importa que no le gusten las motos ni los coches. Disfrute el Valle del Ambrós viendo las impresionantes panorámicas que se divisan desde el mirador situado encima de uno de los tejados”. E si, en efecto, impresionantes as vistas tamén desde fóra, sen pagar entrada.