
Máis ca bar é repoñedor de forzas, abrevadeiro efímero para pes cansos de trapelar arriba e abaixo polo Corte Inglés. Pero é un clásico da restauración (no sentido máis estricto da palabra) viguesa: o Coral. Na esquina Ecuador con Cuba, enfrente mesmo da parada das taxis, nunha das zonas máis concorridas da cidade, este bar leva trasegando comidas desde hai moito tempo, cun servizo bastante estable, xa veterano, con indiscutible éxito de público e crítica. En días especiais, resulta imposible atopar mesa nel, a pesar de que a súa disposición, non moi preparada para o xantar, non convida moito. Os pratos combinados (e rotundos na súa esaxeración calorífica) son a súa especialidade, aínda que, para os que coma min prefiren o piscolabis matutino, o pincho de tortilla, xenerosa tapa gratuita anexa á bebida, é máis ca glorioso.
Pero, se sae aquí, nesta galería de bares recomendabilísimos de Vigo, é polo panorama social que amosa: en primeiro lugar, unha presencia case en exclusiva de mulleres, excluidos os ocasionais empregados masculinos do corteinglés. Dependientas e visitantas do gran armacén enchen o local de forma preferente, sempre cun prato de comida diante. Pero dentro desta marcada tendencia (oposta ao exclusivo masculinato da camareiría, un pouco sobrepasada de peso, todo hai que dicilo), o rumboso grupo de mulleres de (in)certa idade sobresae da media, coas súas blusas asedadas (en pleno inverno), a súa bijoutérie ao completo, o seu abrigo de pel (do que sexa) por riba dos ombreiros e, por suposto, a súa cabeleira cardada en pompa platino. O de menos, porén, é a indumentaria: o fundamental é ise prato (media ración disque, pero rebosa unha fonte) de lacón con grelos ou de cocido que a media mañán e en silencio pulen con aseada dilixencia.
Este panorama, repetido de mesa en mesa con idéntica aceno de gula, a iso das dúas da tarde, ben merece unha visita ao local. Aparte de probar a grandeza do pincho reglamentario, veremos unha das imaxes máis auténticas do pracer do bó dente e da exaltación tácita da amizade.