Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 ottobre 2007

ARTHUR E GEORGE, DO MESTRE BARNES


Émile Zola escribiu a súa famosa denuncia, Eu acuso, o día 13 de Xaneiro de 1898 no periódico L’Aurore. O obxecto do famoso escrito, considerado como un dos primeiros exemplos do compromiso do intelectual, era o tamén célebre caso Dreyfus, o caso dun oficial de orixe xudeu que foi condeado sen probas e con notables arbitrariedades procesais como traidor tras unha campaña longa de persecucións e infamias, basada nun ambiente de antisemitismo. Zola puxo a súa literatura ao servizo da reparación da inxustiza e o seu dedo acusador nos nomes de varios oficiais que conculcaron os dereitos dun home falsamente declarado culpable. O seu discurso, dirixido ao presidente da República francesa, constituiu máis adiante unha proba da saúde da democracia e instaurou, sen pretendelo o propio Zola, a figura do intelectual engagé tan característico da cultura francesa.
Julian Barnes partiu deste feito, ben coñecido por outra parte, para compoñer a súa novela Arthur e George. Un amigo lembroulle que Arthur Conan Doyle fixera algo parecido co caso de George Edalji, un avogado de nai escocesa e pai parsi vido da India e vigairo dun pobo do interior de Inglaterra, que fora condeado inxustamente como culpable da matanza cruel de gando no pobo onde vivía. Barnes interesouse en primeiro lugar por este home, un tanto escuro, de costumes rectas, educado coa disciplina relixiosa do seu pai, pero, despois advirtiu, tras esculcar o caso polo miudo e comprobar que o creador de Sherlock Holmes comprometera a súa carreira na defensa daquel malpocado letrado, que a figura de Conan Doyle, con quen Barnes pouco compartía, tamén posuía un innegable atractivo literario. A partir de aquí, Barnes decidiu repartir o relato entre ámbalas dúas figuras, a xeito dunhas vidas paralelas condeadas a atoparense.
O caso do erro xudicial de George Edalji, que mudou o sistema inglés de garantías procesais, constitúe a xustificación da novela. Pero a narración das dúas historias supera esa mera anécdota, cunha precisión e unha sutileza extraordinarias. Barnes emprega o presente histórico para contar e reflexionar, coa falsa obxectividade dunha enciclopedia, sobre a vida de ambos homes. A documentación detallada, que confesa recoller dos xornais e actas xudiciais da época, xunto cun estilo retórico, de orde case perfecta e quizáis deliberadamente anacrónica, e unha clara inclinación ao folletín amoroso e á novela detectivesca, remata por ofrecer unha narración ambiciosa, chea de momentos maxistrais que o lector relé a cada paso con gusto. Na turbamulta de libros publicados, lidos, comentados e esquecidos, case sempre no prazo medio dunha semana, o libro de Julian Barnes pasou o exame coa sordina fugaz das gabanzas oportunas. Lida con certa distancia, Arthur e George é unha das mellores novelas dos últimos anos, pola súa heteroxeneidade de xéneros, polo seu estilo brilante, pola súa ambientación única dun Londres de comezos de século XX fascinante, ou pola profundización das personaxes (principais e secundarios que adquiren unha importancia insólita) que semellan sempre diferentes e descoñecidos aos ollos sorprendidos dos lectores. E, sobre todo, porque, de novo, coloca no mesmo plano que Zola a loita do individuo (de condición senlleira e estrañada) contra a inxustiza cometida polo aparello mecánico pero abusivo do propio Estado. Mesmo nun caso en apariencia menor (un carnificio de gando), en que a garantía da inocencia e da libertade humanas fican conculcadas.

8 commenti:

Ana Bande ha detto...

Se o libro é igual de bo que a súa crítica non pasará desta semana que de conta del. Sempre me chamou a atención a permanente actualidade do caso Dreyfuss. Semella que non temos superado nin de lonxe esa fase iniciática de oposición valerosa á inxustiza pois seguimos dándolle voltas ao asunto. ¿onde están agachados os dreyfusards que tanto animaron o debate autéticamente político do pasado século? ¿onde se agachan os intelectuais?

R.R. ha detto...

A novela a min tamén me pareceu moi boa. Non puiden sacala de enriba ata que a rematei pese a que, certo é, por momentos o estilo semella "anticuado". O caso é que finalmente todo nela funciona como unha auténtica máquina narrativa, que é do que se trata (¡case nada!).

Resultoume sorprendente e ata chocante descubrir esa parte "paracientífica" de Conan Doyle relacionada coas conexións co "máis alá", os espíritos ou como fose que o chamaran. Fíxome reflexionar sobre a aplicación do método científico a depende qué asuntos.

Permítome recomendar a tradución de Xesús Fraga que Rinoceronte Editora sacou á luz o pasado ano. X.F. é amigo pero creo que son obxectivo cando digo que a tradución é coidadísima e ben fermosa. A ver se vostede ou algún lector de "Arthur & George" non está de acordo conmigo, mo discute, e me anima a reler e ser máis crítico. Así aproveito para aclarar o recordo deste gran texto.

No referente á función social do escrito, neste caso con respecto a Zola e o "Eu acuso" ou ó caso Dreyfus, pérdese a actualidade e a efectividade do denunciado. ¿Fai iso que o resultado sexa menos valorable? Non o creo, coincido con Ana na permanente actualidade de certos feitos. Calquera búsqueda de xustiza está por riba do tempo. Deberan apuntalo os que gobernan ou están querendo gobernarnos. E se algún pacto "legal" quere borrar a memoria, non é válido. Por riba dese pacto "legal" segue estando a lexitimidade de buscar xustiza.

Desculpas pola extensión. :-S

Anonimo ha detto...

Tiven unha interesante conversa na de Cabaret Voltaire precisamente con Xesús Fraga sobre a traducción. Estabamos de convidados e non quixen abusar do anfitrión, pero gustaríame, se andivera por aí, comentar cousas do libro. Se vostede o coñece, deade recado, amigo RR.
O libro, Ana, meréceo. E moito.

Anonimo ha detto...

Téñoo á espera no andel de libros sen ler. Sempre se me cruza algo polo medio, pero en canto remate co que teño entre mans, poñereime con el.

Zerovacas ha detto...

Recollo a recomendación. É certo, o j'acusse segue de actualidade, e falta que fai. E estou seguro que moita xente escribe, e garda nos seus caixóns e discos duros algún que outro manifesto de denuncia que non se atreve a compartir

Fada Branca ha detto...

Ten voa pinta, anotoo en tarefas pendentes

Anonimo ha detto...

Xa me puxen con el. Xa comentarei.

Anonimo ha detto...

Xa me contará, amiga Peke. Está emprazada.