Caxigalines nella Reguera'l Campizu

4 settembre 2008

O BERBÉS EXTERMINADO


Nun paseo postvacacional por Vigo para comprobar o estado da cidade e coa perspectiva dun capataz de obras tirei de casco vello por ver como andaba todo aquilo. Visitei a praza da Constitución, concurrida e atestada de terrazas; baixei rúa Triunfo, chea de tendas de artigos relixiosos de bruxería (sic); e cheguei á praza da igrexa, onde decidín virar a esquerda e recorrer a rúa Real. As primeiras casas están rehabilitadas e lucen lindas; a de Bárcena está tan impecable como aparentemente deshabitada, pero ata aí a cousa non parece demasiado aberrante, agás as pintadas sobre a pedra, os locais suxos ou o desleixo superficial. 
Pero a partir deste momento, a cidade entra nun deterioro arrepiante. Algúns edificios presentan signos de pequenas remocións, pero o conxunto semella a piques da ruína. Cando un chega ao final, ao histórico Berbés, dubida entre as bágoas ou a indignacion. Os dous restaurantes que quitan as terrazas exhiben un mobiliario fóra de tempo, por veces roto,  baixo unhas sombrillas amarelas gastadas pola chuvia de varios anos e a carón duns soportais sen pintar, sen cuidado algún. A fachada de todas as casas que dan á praza (afeada con intención nítida polo concello) resulta deprimente. Tres ou catro vivendas derrubadas, dous ou tres varias veces ampliadas con crecente espíritu destructivo, algunha cunha certa galanura a costa da ausencia de calquera atributo arquitectónico e, xaora, de interese visual. O conxunto non ten parangón con ningunha cidade no mundo. Unha vergonza completa. 
Marchei dalí tras apurar posibles solucións á desfeita. Non fun quen, porque as novas cousas que alí se construiron (como os propios accesos ao párking) amosaban un idéntico abandono, unha falta de preocupación tan abrumadora que non vin saída a aquel desastre vomitivo. Volvín, como digo, triste e indignado pola rúa Teófilo Llorente, por onde antigamente o mar limitaba coa terra. E pensei, ao mirar a laxe que sustenta as verdes galerías do edificio Bárcena, que o casco vello de Vigo non ten remedio nin a curto nin a medio prazo. 
E logo queren universiada. Arreglen o que teñen e déixense de veleidades ridículas.

5 commenti:

Anonimo ha detto...

Exacto. Co que xa gastaron e co que van gastar na Universiada, aínda podían adecentar algunhas cousas. Claro que hoxe o que manda é a política espectáculo. E así nos vai.

Ana Bande ha detto...

E o políticos disfrazándose de romanos, e que é que dan ganas de facerse swazilandés, polo menos.

Zerovacas ha detto...

Si, aquelar un casco vello (quere dicir isto: rehabilitalo, enbelecelo, e revotalizalo) é un traballo longo, dunha xeración, mesmo. Pero chama a atención que se busquen atractivos simbólicos e turísticos novos para a cidade, que as máis das veces son absolutamente efémeros, cando hai aí un barrio precioso, único, que necesita moita atención

Vigoblog ha detto...

En Vigoblog temos adicado moitos post á situación do Casco Vello e insistido na necesidade de contar cun plan de rexeneración urbana integral e integrada, moi lonxe da inútil e incompetente práctica "rehabilitadora" que exhibe (con romanos incluídos) o Concello dende hai moitos anos.
Se cadra, a lectura dos nosos comentarios baixo a etiqueta Casco Vello de VB, pode aportar elementos, canto menos, para unha reflexión sobre o que realmente ocorre no noso barrio, máis alá do pesimismo determinista imperante.
A última acción municipal no Berbés, un derribo, foi ampliamente anunciada polos medios locais, como o inicio da rehabilitación desta zona. É a primeira e insólita vez que a rehabilitación de algo se inicia coa súa destrucción sen solución de continuidade. Pero así é Vigo, ¡non si?

Anonimo ha detto...

O deterioro do casco vello ven tamén de moitas xeneracións, porque as altanas viguesas (os engadidos ominosos sobre os tellados) constitúen norma e non excepción. Basta ver algunhas casas de detrás da praza para comprobar que non hai ningunha que escapara a tal ampliación manifestamente improvisada, sen plano siquera dos albaneis que montaron os ladrillos para arriba.
Vigoblog: sigo con atención as súas documentadísimas anotacións. Son fan do seu blog e comparto a necesidade dun plan integral, non de parches. Non hai que esquecer, por exemplo, que a audacia de encher a piscina de Consuegra con aquela mostra de kitsch foi do propio concello, animado pola asociación do casco vello. O grave do asunto é que están máis interesados en promover reconquistas ou festas de romanos ca de organizar todo de xeito conxunto. De todas formas, calquera concellal debería visitar o Berbés e mirar se ise grao de deterioro é admisible. Xa non digo das casas (que tamén) senón de todo o entorno. O desleixo é absoluto: por alí non pasou ningún responsable desde hai meses. Claro que o bonito é tomar o piscolabis na praza da Constitución ou, no seu defecto, no don Gregorio, onde, por certo, dan uns callos caralludos.