Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 settembre 2008

STEINER E WOODY ALLEN


Deixade de ler os que non foron ver a película de Woody Allen.
As protagonistas da película entran en escea tras un plano do grande mural de Miró do Aeroporto de Barcelona e nas primeiras tomas de contacto coa cidade (entre comentarios de torpe guía), alomenos Cristina SJ, aparecen sempre cunha copa de viño (non faltaba máis: estás en España/Italia/Grecia/Francia onde beben mesmo na cama) entre as mans, preferentemente tinto, pero sen desbotar unha longa copiña de suposto cava. Vicky ven estudiar a Barcelona un Máster de Identidade Catalana (a rapaza vai a clases de literatura catalana pero ao saír da clase ve A sombra dunha dúbida). Atopan nun bar de tapas que abre ata as tantas a un inevitable latin lover, que, gracias a un estudado look de camisa de raso bermellón e a unha barba de varios días (suponse que de andar polas noites follando coma un tolo con todo quisque), pasa de latín a spanish. O nome de Juan Antonio é toda unha proclama, aínda que, nun recurso máis vello que o mundo, aparece retratado anteriormente por uns digamos americanos residentes nunha mansión ao pé das montañas do Tibidabo como un home visceral, apaixoado, capaz de ser asasiñado por unha muller como froito dun arrebato amoroso (ou iso parece desprenderse da cara luxuriosa e picarona da anfitriona). Por suposto, nesa escea capital non pasa ni un minuto sen que o mozo, xa entrado en anos, todo hai que dicilo para os/as que aínda teñen a limitada percepción da beleza, un Bardem de cartoné, lles pida ás lánguidas anglosaxonas que proben a salvaxe enerxía dun pintor nun menage à trois por todo o alto. Non é de estrañar que na versión primaria o susodito fora toureiro porque os rasgos de botadopadiante e de toleirán o adornan. 
O homo hispanicus, erecto por natureza, proponlles ir ver unha talla a Oviedo. Nunha avioneta particular (toma xa) que lle deixan para a ocasión. En Oviedo van ao hotel Reconquista, visitan o mercado do Fontán, santa María do Naranco e comen, se non mirei mal, no Raitán e toman uns carbayons na confitería do lado da estatua do director neoiorquino.  Todo baixo a música de guitarra de Paco de Lucía, que non deixará de sonar durante toda a estancia, especialmente na visita ao pai do Juan Antonio, un libidinoso velliño que vive nunha casona fantástica gracias aos cartos que lle deben reportar os versos que non publica. Os toques artísticos para ambientar o triánguliño amoroso limítanse á visión dun cristo crucificado ou á perspectiva marina dun faro de Avilés, sempre co ceo levemente escuro e a música de Entre dos aguas a todo tren. 
O tipo liga cunha facilidade pasmosa coa Cristina, desexosa de novas experiencias, nunha das esceas máis penosas de toda a cinematografía alleniana, pero a fabada traicioneira (supoño) impide a unha Johansson pétrea (a comida hispana xa se sabe: picante e indixesta) dar réplica erótica ao melancólico se(nti)mental. Pero está Vicky, unha muller comprometida cun home un tanto melifluo pero inzado de cartos de Nova Iork, que experimenta un súbito alporizamento por causa inevitable da combinación de viño (tinto) e música (de guitarra española, baixo a noite encantadora de Oviedo) e cae (en sentido estricto) en brazos dese portento sexuá da tribu ibérica (ou latinoamericana, que para o caso ben vale). 
Os meandros da historia non interesan tanto como a ambientación nítidamente tópica. Os cambios operados no guión, ao parecer, tentan aproximar a figura de Juan Antonio á cidade catalana (non sabemos moi ben de onde é: din que é un pintor catalán, pero tamén confesa que naceu en Asturias, pero claro Oviedo tamén pode ser parte de Catalunya, non sei). Pero os rasgos parecen obedecer ao arquetipo proxectado cara fóra e tamén considerado desde fóra do home español. Por se a personaxe de Juan Antonio (un guiño ao seu tío?) non fose suficiente o engadido dunha Marilena (outro nome composto, coma de culebrón hispanoamericano) remata por intensificar o pastiche. Tan arrebatadora coma o galán (un pouco máis tola, se cadra, a piques da desesperación pero con esa gracia e salero que identifica ao prototipo carmendebizet) aparece unha Penelope Cruz en estado de hispánica permanente. Unha pequena intervención en voz en off, na que destaca o carácter libertario e pouco convencional dos europeus mentres vemos aos protagonistas baixar nunhas bicicletas (nunha recreación de Raindrops keep fallin' pero tamén nunha homenaxe ás películas francesas da campiña), explica  o minúsculo fondo da película coma unha confrontación de mundos americano e europeu, este exacerbado por uns tolos que se dedican a pintar ao chou, que gozan dunha liberdade sexual desatada e que lles da igual a vida cá morte, porque claro está esto é España, a vella tradición do sangue, do sexo e do sentimento tráxico da vida. Claro está que, neste caso, cunhas tapas de puta madre, unhas rúas limpísimas e un glamour do tosco que convén resaltar. 
E despois desta parvada me pregunto: que pensa ou sabe Woody Allen de España e xa non digo dos distintos lugares que a compoñen? Non será outro caso como o de Steiner, de americanos ou ingleses que non teñen nin idea nin ganas de ter ideas ao respecto do que se sae da súa educación e formación intelectual. Estamos a falar de intelectuais, de persoas que, no caso de Allen, son promocionadas por productores cataláns, axudadas por fotógrafos e músicos do país. Nin con esas. O Woody fai unha película cun telón de fondo dunha España (dá igual que sexa Barcelona) de charanga e pandereta. Moderniya, eso si. Pero de coña.

NOTA: Hoxe vou ver Everybody says I love you. E mirarei canto de tópico tamén teñen. Por analoxía, mesmo a Nova Iork que describe nas outras películas debe ser de dixieland e tambourine. 
  

5 commenti:

Anonimo ha detto...

Moi boa recensión, arume. Léndoa, dan ganas de non ir a vela.
Varias críticas que lin nalgúns xornais españois (e cataláns) apuntan a esa imaxe típitica e tópica que presenta Allen.
Unha outra visión do filme deben de ter os críticos e espectadores americanos, se consulta "imdb" e "rotten tomatoes", pois para a meirande parte deles esta é unha obra mestra, unha película que analiza con moita profundidade as relacións amorosas, cun final agridoce e cunhas marabillosas vistas desa cidade tan bonita, Barcinona.

Conclusión?

Ana Bande ha detto...

Deus santo querido...(síntoo, os ateos somos propensos á flatulencia sacra) ríndome, derrúbome de emoción perante este post que me deixa á beira do orgasmo. Canto máis valen estas verbas que todo o forrollo do derradeiro Woody. Ata me dan ganas de traducilo e copipostealo a vostede meu amigo. Queda pouco por dicir deste estupro filmico, vostede ben sabe que aínda se pode decir máis pero claro, un post é un post. Por exemplo ese horripilante traballo de dobraxe que esnaquiza completamente o casual encanto que podia ter a Cristina ¿ou era Vicky? e a rixidez do Bardem, pero por Asurancetúrix ¿e que lle puxeron un traxe de neopreno por baixo dese falso atuendo de pintor bohemio? en fin, non sigo, espectacularmente mala a película e espectacularmente bo o seu post.

R.R. ha detto...

¡Qué ánimos para vela! Entre isto, o pouco que vin con esas voces estrañas e a crítica de MolinaFoix en El País dan ganas de quitarse de Allenianoniano.

En "Todos din Ailollu" recoméndolle a escea do hospital e confeso que eu divertinme véndoa...

Anonimo ha detto...

O do coágulo de sangue no celebro do fillo que fala coma un perfecto republicano é de antoloxía. Pero os tópicos aparecen e de qué modo. A filla sae cun gondoliere, a versión panitaliana do panhispánico toureiro. E o apartamento de Allen en París nunha mansarda de Montmartre é de libro. A diferencia, radical, coa de VCB, é que o punto paródico e irónico rompe a ilusión do prototipo ata a caricaturización voluntaria.
Coincide, VMF na disección da peli. Pero a min escoitar a Bardem ou a Cruz nas súas voces dame exactamente igual. Eu non son un forofo do non dobrado.

Anonimo ha detto...

Dúas cagadas en CVB:

- A nachiña que, sen saber falar/ler catalán, está a facer un curso de "Cultura catalana" [é neste momento cando os espectadores escachan a rir no cine]

- Pero si, a nachiña decide asistir a un curso de... español [risos da concurrencia] na Universidade de Barcelona e entra... no hospital San Pau ["el acabose"]. Hospital que, por certo, xa non só e tal senón "una de las localizaciones de la película de Woody Allen" (como veran na gueb)

En Scoop tamén utilizou Londres daquela maneira e ninguén se queixou. Pero claro, alí non foron os londinenses os que puxeron a pasta gansa, nen