Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 giugno 2009

EUROCENTRISMO E ILUSTRACIÓN


Nas discusións sobre política internacional (a de Irán, por exemplo; pero hai pouco a de Venezuela), tarde ou axiña, aparece a palabra eurocentrismo. Sobre todo se esa voz procede de América e debate de calquera cousa. Como se se tratara desas palabras mantra que tranquilizan (narcotizan tamén polo relaxamento que producen na audiencia, que á súa pronuncia move a cabeza con asentimento feliz), sermos eurocéntricos/as é un delicto de lesa patria, sen saber moi claramente a que se refire. Baixo esa combinación de letras, aparece a culpa (non foelix) de todo. Ese ollar delincuente desde Europa convírtese en orixe e causa de toda desgraza. Pero, cando se pregunta para saber máis do termo, aparece un tatexante responder que á fin se funde cos termos de neoliberalismo ou colonialismo, que, á súa vez, tampouco son definidos de forma convincente, reducidos a un estribillo repetitivo de escasa o nula explicación. Se se reitera a pregunta, retórnase sempre ao punto de partida do eurocentrismo. Ou sexa, ao ónfalos mundi que condena á miseria ao resto do universo. 
Esa visión do mundo resulta para min (obviamente para min, porque son eu o que escribe) inaceptable. Europa non é ningún modelo político. En Europa (en realidade antes en EE.UU., como resultante dos colonizadores europeos alí presentes) se establece (con dificultades, sangue de séculos e óbices miles, ben recentes e mesmo actuais) un ideal político, democrático, asentado en conceptos como o de liberdade, igualdade e fraternidade, que, coas naturais matizacións, configura o seu propósito de vida social. O que eu entendo por eurocéntrico deriva da defensa dese conxunto de ideas políticas (non gusto do termo valores) que considero esenciais. 
Non fai falta dicir que nin en Europa nin en EE.UU. eses ideais foron conseguidos de forma completa. Algúns países (nomeadamente os do norte de Europa) acadaron niveis de democracia, benestar e liberdade ben notables; outros, non tanto. Pero o que se defende non é a forma de vida europea, senón os puntos en común que representan a ilustración e desenrolan os principais pensadores da Enciclopedia e o século das luces. 
O que pedimos para nós, co nivel de esixencia sempre máximo, pedímolo para outros países. Non entendo, neste punto, que esas ideas políticas non podan ser trasladadas a outros países. Non o entendo nin o entenderei nunca. Os dereitos humanos son universais e a loita pola liberdade (e a igualdade, ollo: o da fraternidade parece máis poético ca efectivo, pero podemos sumalo) é irrenunciable aquí e en Pekín. En Pernambuco e en Madagascar. En Ciudad Juárez e en Teherán. Non é unha civilización contra outra. É a civilización (a que deriva da defensa dos principios básicos da revolución francesa) contra a barbarie. O que desexo para min, deséxoo para todo o mundo.   

1 commento:

Turmano ha detto...

Por suposto. É tal cal. Nón é eurocentrismo, é civilización.
A realización non é (ningunha obra humana o pode ser, por definición) perfecta, pero a idea, si. E debería ser irrenunciable. O demais redúcese a unha máxima: "que vivan las cadenas!"