Onte ao final do discurso de padriño lembrei a figura deElena Lucrezia Cornario Piscopia, a aristocrática muller nacida no venecián PalazzoLoredan, que adicou adolescencia e mocidade ao estudio de diferentes linguas (seica ata oito rematou por dominar) da lóxica e da retórica, nun curriculum que hoxe non dubidariamos en recoñecer filolóxico. A singularidade sobranceira desta muller foi que seguiu estudando, coa oposición de case todo o mundo, ata chegar con teimosía e admirable orgullo á aula principal do PalazzoBo da vella universidade padovana. Alí foille imposta, tras pasar o exame preceptivo, a súa insignia de Doutora, coa coroa de loureiro no seu cabelo, o anel no seu dedo e sobre os seus ombreiros a muceta de armiño. Aquel día, 25 de xuño de 1678, figura marcado no calendario como o día en que unha muller por primeira vez alcanzaba o grao de Doutora. Aquel exemplo de esforzo e de triunfo da vontade foi empregado onte, trescentos trinta e un anos despois, no salón de actos da FFT, cunha modesta beca de feltro, como espello e débeda irrenunciable da memoria.
Nessun commento:
Posta un commento