Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 giugno 2009

DICIAMOS ONTE


O asunto da gratuidade dos libros resulta moi revelador, case paradigmático, da posición política da esquerda neste país e dos seus contactos cos eleitores. Cando o bipartito decidiu a universal gratuidade de libros, acompañado do sistema de empréstimo, poucos progresistas comentaron en público (en privado todo o mundo semellaba a disgusto) a decisión adoptada. Á vista de moita xente, na que me inclúo, a medida non era igualitaria. Mais poucos falaron. Probablemente por non dar auga ao nemigo na trivial batalla de todos os días: o calificativo de demagóxica que empregaba a dereita era plenamente asumido en privado por moitos de nós. 
Agora que o PP asume curiosamente unha perspectiva máis axeitada (queda moita clase media baixa fóra; tamén é verdade), ao meu xuízo (no da compra non o teño eu tan claro o asunto, salvo que se establezan as cautelas necesarias sobre a proliferación absurda de libros de texto que logo nin se miran), os partidos progres vense obrigados a facer logomaquias inintelixibles (tanto BNG coma PSdG ven niso o limiar do futuro desmantelamento da escola pública, coma se eles durante os catro anos fixeran algo contra o privilexiado estatus de colexios privados ou concertados) para atacaren o que eles, cun planteamento de esquerdas, terían que ter feito. 
Aquí atopámonos precisamente co revelador que resulta o fracaso da solución bipartita naqueles asuntos nos que podían poñerse de acordo e asumir certos riscos de igualación social ou de practicar accións políticas de nítido contido igualador. Pois non, preferiron a demagoxia (que á larga convida á desconfianza dos propios e á burla dos alleos) a unha política rigurosa de reparto discriminatorio e por ende máis xusto das vantaxes económicas sobre artigo tan importante como o libro. E é revelador porque os seus electores calaron en público para non amosar quebras internas nin disidencias. Á larga tamén o silencio foi peor, porque larva un descontento aínda máis agudo e remata por renunciar a uns partidos que prefiren a masa acrítica case amazacotada có flexible electorado libre de xulgar as decisións concretas que se adopten. Con esa forma de actuar, case de costas ao debate público, pasan as cousas que pasan. Que hoxe teñamos que aplaudir ao PP (logo virán as tortas, pero o cortés non saca o valente) polo que outros non fixeron.   
 

Nessun commento: