Caxigalines nella Reguera'l Campizu

10 giugno 2009

BARES DE VIGO: TABERNA DE TONY


O venres pasado saimos coa intención modesta do que se dá en chamar "dar unha volta". É dicir, camiñar do ganchete a paso lento, mirar os escaparates e rematar, como case sempre e segundo as témporas, en terrazas ou en barras de bar como recompensa polo esforzo. Os nosos pasos buscaron con parsimonia un deses recunchos aillados da cidade onde se xanta e se bebe marabillosamente ben: a pequena (incómoda para aqueles que aman as folguras, pero encantadora para os que preferimos as angosturas e o contacto físico) e ateigada de xente Taberna de Tony, na rúa Xil, unha menos ca ruela que comunica Manuel Núñez con Ronda de don Bosco, á altura do Marco. 
Coma o patio da de Pepe de Juan, foi este un deses bares que coñecimos ao chegarmos a Vigo, pero sen recomendación, só guiados polo aspecto atractivo do local. Non vou negar que o cheiro a allo contribuía de maneira especial á elección, pero xa daquela conseguiu que fosemos varias veces a probar os seus manxares. Hai pouco voltamos para comprobar que tal seguía e puidemos advertir felices que o local non só conserva íntegra a súa calidade extraordinaria nos revoltos, nas setas, nas gambas, nas puntiñas de chipiróns ou nas táboas de embutidos e queixos (de paté tamén hai, pero como lle collín case noxo despois de xantarmos durante o mes todo o exquisito paté de Poitou Charentes), senón que procura un servizo impecable, dos mellores probablemente da cidade, se exceptuamos á par deles os de Tapas Areal, aos que lle adicarei post especialísimo. Cuidan en especial os viños e son xenerosos nos pinchos de entrada e nos complementos habituais de toda cea (agasallan co café ou cos licores, malia non ser eu un gran amante destes estrambotes espiritosos). O local ten unha decoración moi anos oitenta, algo scottish, coas paredes forradas con madeira decapé e telas de tartán. Para o furor minimalista de pizarra e pedra vista das chamadas vinotecas (eses lagares onde os impolutos oficiantes soen meter o nariz na copa para molestar o viño máis ca nada), este local recoleto, onde ademáis hai que baixar (non sei por qué me gustan tanto estes bares de chanzos de descenso), resulta moi pero que moi acolledor. 
Non sei se o éxito rotundo (hai un ambiente moi excitante os venres e non podo dicir por qué) se debe a todo o que acabo de glosar ou ao prezo excelente con que ofrecen todo: o certo é que alí voltaremos tantas veces como faga falta. Iso si: con reserva, porque a partir das 9 é imposible atopar mesa. E non me estraña nadiña. 

Nota: despois de facer o post, atopo algunha páxina web que fala do sitio: alégrame comprobar que non son o único en pensar na excelencia deste local.

Nessun commento: