Teño varias entradas pendentes da miña viaxe fugaz ao Valladolid dos meus antepasados. Meus pais pasaron alí a lúa de mel visitando a unhas curmás da miña nai, fillas á súa vez dun alcalde de Rueda, Eulogio de Vega, represaliado tras a guerra, convertido nun deses topos dos que falan Leguineche e Torbado, pechado, por certo, na propia casa que os meus pais visitaron. Fun a tarefas académicas (gracias, Javier, Ramón) que ocuparon case todo o tempo. Aínda así tiven unha mañán para visitar a modo a cidade, seguindo un recorrido amplo.
Pensaba eu antes de comezar que ía rematar cedo e que o conxunto podía ser cativo. Pero podo asegurar que resultaba fascinante ir igrexa tras igrexa, convento tras convento, pazo tras pazo (cuidadísimas as súas fachadas, limpos os seus entornos) por ruelas tranquilas e silandeiras cunha calor tépeda de finais de maio. O convento de san Benito, a igrexa de san agustín agora arquivo municipal, o barrio de san Vicente, o palacio de Fabio Nelli, a igrexa de san Miguel e san Julián, o vello coso foron aperitivos excelsos antes de chegar á corredera de san Pablo, admirar a fachada gótica e encamiñar os pasos a san Gregorio e á casa que tentaba ver desde que chegara a esta cidade esguevina: a do Sol, residencia do Conde de Gondomar, embaixador en Londres no século XVII e propietario dunha das bibliotecas (se non da biblioteca) máis ricas e fabulosas daquela en Europa.
Pensei que remataba aí o recorrido, pero aínda quedaba máis da metade. Pero diso falarei noutro post. Aquí pararei, irritado por ver a cruz que a intolerancia relixiosa dos cristiáns pousou sobre o espléndido sol que ilumina e ilustra o intelecto.
1 commento:
Xa andábamos coa mosca pensando que desaparecera vostede do mapa blogueiro. Pero non, entre Valladolid e o premio Xerais de novela, segundo pudemos ler en Brétemas. Esas cousas avísanse, don Arumes. Se eu soubera que vostede formaba parte do xurado, tendo como teño por aquí unha noveliña que dá pena do má que é, infame, desastrosa, impresentábel, apodrecendo no caixón... Así e todo, quen lle di a vostede que baixo o seudónimo perfeitamente identificábel de "detective no crepúsculo" e estando nas suas maos a decisión última non se colocaba de finalista sen tan sequer ser lida. Eu xa llo deixo dito desde agora mesmo: pénsome pór coa segunda e para mellorar a sua cualidade a respeito da primeira lerei con atención o último de Coetzee, xa que segundo Guelbenzu "Léanlo como quieran...; por su extrema inteligencia, por el derroche de talento, por su capacidad de convicción y por abrir nuevos caminos a la escritura narrativa. Por aquí se cuece el futuro de la novela." Ollo, don Arumes, se para o ano volve formar parte, e non detecta nengún "detective...", fíxese na pegada Coetzee. Aí estarei eu. Conto por adiantado co seu voto. O día da votación definitiva procure falar maravillas da miña aínda que non a lera e xa está. Lo demás viene por añadidura. Conto con vostede. Non me falle.
Posta un commento