Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 giugno 2008

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR, AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Dez pequenos contos constitúen O único que queda é o amor, o último libro de Agustín Fernández Paz, de título estraído dunha cita de Pamuk que figura ao comezo do volume. Ilustrado coa habitual elegancia por Pablo Auladell, leva como leit motiv unha nova cita da película 2046, de Wong Kar Wai, “Todas as lembranzas son sucos de bágoas”, que outorga aos distintos relatos un fío conductor en forma de tonalidade melancólica. O propio AFP declarou no seu momento que tanto a lectura de Pamuk coma a visión da fascinante película do director mudaron o aspecto final do seu conxunto de historias.

Pero, aparte desta nota principal que poderiamos considerar coma unha fermosa homenaxe de AFP aos libros e ás narracións que ama con verdadeira devoción, as historias que conta posúen unha deliberada semellanza na construcción do paso do tempo, o tema, ao meu xuízo, do libro. As olladas retrospectivas, as lembranzas, o discurso case completo dunha vida, incluso a descripción física das mudanzas na paisaxe conforman boa parte deles, coma nun intento de acreditar o implícito mensaxe do título de que nada queda, nada permanece, agás a presencia do amor.  

[CONTINÚA EN COMENTARIOS]

3 commenti:

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

As voces empregadas nestas historias son distintas: catro, nunha terceira persoa omnisciente, obrigada e necesaria para a sorpresa final; cinco, nunha primeira persoa (coa perspectiva repetida de mulleres), presididas pola nostalxia e, en certos casos, por unha fonda tristura; e mesmo un relato estrañado na voz dun can (de nome case simbólico, Argos) que pousa a súa ollada na historia do amor do seu amo, curiosamente nun dos relatos de sabor máis fantástico e de pegada case cinematográfica.
Todas estas distinguidas voces tentan describir, na meirande parte dos casos, unha historia que non foi. Un relato alternativo á propia vida, sustentado só pola memoria dun amor eterno, creado nun intre da existencia. “Un radiante silencio”, cunha relación que non chega siquera a formularse (si en literatura, claro está), que fica en imposibilidade que atormenta á protagonista; “Amor de agosto”, construida a partir da memoria permanente dun bico nunha noite de festa; “Río da memoria”, que describe a vila da infancia (“afogada sen remedio no río do tempo”) visitada fugazmente por unha muller despois de tantos anos, cuxo pasado aparece cifrado nun regato, esceario de amores xuvenís, agora xa oculto e desaparecido; ou “Meditación diante dun álbum de fotos familiar”, que resume unha vida familiar en torno a un pazo en días de verán, sen apenas anécdotas relevantes (agás o final Poe, que non desvelo) e que, sen embargo, constitúe unha descripción concretísima do paso do tempo. O relato, de título ben significativo, “Despois de tantos anos”, representa, entre todos, o exemplo máis claro desa constante historia que non foi na boca dunha muller que decide unha vida rutinaria, mentres outra, de amor apaixoado, fica só na lembranza nostálxica dun libro de poemas de Bécquer ou dun baile nas san Lucas de Mondoñedo.
A morte forma parte do esceario narrativo. En non poucas historias, a súa presencia faise tanxible. Os párrafos últimos de “Meditación diante…” refiren unha a unha as constantes desaparicións dos membros da familia, como se o retrato dese álbum fose esvaecéndose, do mesmo xeito das figuras do conto “Esa estraña lucidez”. Os accidentes de coche tamén se repiten, algúns con fantasmas que contan á súa vez relatos de fantasmas, como no estraordinario “Unha historia de fantasmas”, cunha estructura clásica de conto case folclórico contado en torno a unha mesa ao calor do lume, incluso co contexto do camiño de Santiago para realzar a fantasía. Esa presencia da morte, mesmo, reserva unha sorpresa definitiva, capaz de reconstruir, como nos casos anteriores, unha vida que non foi: o relato “Loanza da filatelia”, o máis breve de todos, maxistral na súa densidade e na súa resolución sorprendente, é un bó exemplo de como as historias só cobran sentido pleno despois mesmo da propia morte.
Un dos elementos característicos deste libro de relatos é o amor polos libros (e polas palabras que viven dentro deles) ou polos obxectos cargados de sentimentalidade e recordos (caixas e esqueletos). As citas son abundantes e constrúen mesmo o propio relato. “Despois de tantos anos” sería inexplicable sen as Rimas y leyendas de Bécquer; “Un río de palabras” coloca textos concretos (Rivas, o querido Auster, Kafka, Valcárcel) como protagonistas do relato final, en forma de apoteose da literatura. “Un radiante silencio” só pode comprenderse no contexto dunha librería. “Unha historia de fantasmas” comeza co ensalmo duns versos de Valente que precisamente falan de morte, da impresencia. O poema de Xulio Valcárcel, “Outro poema dos dons”, sublima o amor máis alá da morte no relato “Esa estraña lucidez”, ao quedar como último recordo do can que, coma un fantasma, ve desaparecer a súa propia vida. Unha nota final proporciona ao lector as claves precisas sobre este particular, pero o importante reside en que tales libros, versos, palabras constrúen este mundo. Non sei se foi a propósito, pero no primeiro relato as palabras acaban queimadas polo lume dos mistos (un motivo repetido noutro relato) e no derradeiro as palabras aparecen espalladas a xeito de proclamación universal do seu poder creador.
AFP é autor vencellado á literatura xuvenil: os seus libros son devorados polos mozos porque están construidos cunha sinxeleza e cunha eficacia narrativa extraordinarias. Este libro tal vez sexa considerado nesa liña, porque desde un punto de vista editorial, se cadra coas ilustracións (magníficas por outra parte), pode dar a impresión de libro para a mocidade. Non adiviño a intención da editora, pero é evidente que é un libro que non debe ser esquecido polos adultos. AFP compón un retrato por veces terrible do paso do tempo: terrible por melancólico, por trazar vidas que puideron ser e ao cabo non foron. “O único que queda é o amor” declara o título: estimo que AFP quere crer que coas palabras así pronunciadas conxura ao tempo e á morte. Pero da lectura dos seus textos, eu creo que o único que queda (afortunadamente) son as palabras, as súas palabras. E moita nostalxia, moita tristura, moita melancolía.

Anonimo ha detto...

çok renksiz bi site olmuş bence biraz renk katın yaww

Anonimo ha detto...

Precisamente o libro que lín durante toda a tarde e a noite do sábado pasado, antronte.

É curioso tamén o uso en moitos deses relatos de "pequenos papeliños": fotos, tarxetas, caixas de mistos... Mesmo vou poñer en práctica a idea de pegar nas paredes de Ourense folios con frases de libros e, no fondo , no canto do teléfono de contacto, o libro ao que se refire a frase, coma nun dos relatos. É unha estupenda idea de marketing.