Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 luglio 2008

TÍO BENITO DE BARRANTES

Era imposible atopar onde comer o día 25 pola zona do Salnés. Probamos no Che da Vichona. E tamén no Muiño ou no Forcado de Dena. Cheo ata a bandeira: unha ou dúas horas para xantar. Eran xa as tres. E decidimos ir a un dos nosos clásicos: o Tío Benito de Barrantes. 
Esta foi unha das primeiras tabernas, case restaurante, que coñecín cando cheguei por primeira vez a traballar a Cambados. Daban ben de comer por poucos cartos e aportaba a singularidade dun dono que estivera de camareiro en hoteis de luxo pola Cuba dos anos cincuenta e polos clubes nocturnos de Nova Iork daquelas mesmas épocas. Deixara os combinados do Ambassador por unha modesta baiuca no medio medio de Barrantes. Co tempo foi deixando o negocio á súa filla espelida e encantadora, Irene, que foi quen engrandeceu o local e deulle a sona que agora mesmo ten, con cheos case diarios e imposibilidade de atopar mesa nos días feirados. O día 25 chegamos ás 3 e cuarto, e, como era xa demasiado tarde, os anteriores da longa lista de agarda desesperaron e deixaron que puideramos sentar ás 4. 
Nunca é tarde se podemos xantar en semellante paradiso. Ameixas enchidas de sabor, callos (típico dos domingos e celebracións), pulpo con cachelos, xamón asado e un flan coñecido en toda a bisbarra, que convén reservar cando se pide a comida. O comedor estaba completamente cheo, co balbordo que dá a satisfacción de comer espléndidamente. 
O viño que tomamos non foi un Barrantes, senón un Albariño criado con todas as súas mans: as uvas do pai Camilo Lojo, a elaboración do fillo Marcos (a quen lle din clase e agora é experto enólogo de Gran Bazán), o deseño do etiquetado doutra filla, o nome da empresa de Saladina Abal, a nai de todos eles, e o servizo, coa axuda dun equipo de camareiros impecable, insólito por estes pagos (a un deles podemos outorgarlle o premio ao mellor camareiro de Galicia), a cargo desa excelsa restauradora (nunca mellor dito) que é Irene.  
Vaia esta anotación, xunto coa foto da etiqueta dos seus viños coma homenaxe a un dos máis nobles oficios que coñezo, por non dicir o máis, que consiste en dar de comer ás persoas. O que ocurre é que no Tío Benito a nobreza é de grande de Galicia. Bicos e noraboas para eles.

3 commenti:

Trebi ha detto...

Sr :ARUME, case lle esta ben empregado (As molestias pra comer, por meterse no Barullo de ir a donde acode todo o mundo), por non vir a Baiona... xa o teño avisado, visite a Vila REAL, y vamos a PACO DURAN...quedará encantado.
Sabe que ,ademais e o invita para APICULTOR e MARCOS.
Saudos: Trebi

folerpa ha detto...

Que lembranzas !!! Aqueles veráns da miña infancia en que iamos a Lanzada e despois comiamos no Forcado ou no Tío Benito antes de iren visitar aos meus avós en Baión. Penseis que xa non existirían, hai tempo que non vou por aí.

Anonimo ha detto...

Mi má (rr dixit), coñéceos todos.
Téñolle preparado unha boa, a do Canedo vai quedar en primeira comunión.