Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 ottobre 2007

VELTRONI, CAPO DELLA SINISTRA

Novo artigo en GZnación. Máis ben crónica da victoria de Walter Veltroni ao fronte do Partito Democratico. Suliño unha novidade e un dato: o voto por Internet que chegou a máis de 3 millóns e medio de italianos. Unha participación moi elevada e a través dun sistema novo. A substancia do vello/novo partido hase ver: polo de agora ilusión e moito tempo por diante.

MULLERES

O centro de Vigo polas mañáns é un territorio de mulleres. Agás os empregados dos bancos con ínfulas de executivos que pisan a beirarrúa para tomar o café do mediodía, o resto das persoas que pasean pola rúa son mulleres. Mulleres que falan con mulleres, mulleres que negocian con mulleres, mulleres soas, mulleres que traballan nos comercios de roupa, de zapatos, de libros, mulleres que compran a mulleres que venden, mulleres que organizan o tempo, mulleres que contemplan o mar desde Colón co sol quente deste verán prorrogado. Mulleres por todos lados. Mentres tanto, en naves da periferia, en talleres dos arredores, en polígonos da bisbarra, se concentran os homes (por suposto, tamén outras moitas mulleres), ausentes, expulsados do lugar central da urbe. Non é máis, tal vez, ca unha simple cuestión xeográfica, pero a vista desta paisaxe totalmente femenina permanece oculta para a maior parte dos homes, que se perden esta exhibición ostentosa da nova realidade social. Por iso non podo soportar que nas fotos dos poderosos (emprego o masculino a posta) sempre saian homes traxeados por unha ou dúas excepcións femeninas (con traxe, por certo, tipo xastre). Cando veremos tamén aí a mesma ocupación femenina que vemos no centro? Todo se andará e confío que axiña: polo de agora, a rúa é súa.

18 ottobre 2007

SKATING RINK



Despois de deixar as bolsas do Fairway no apartamento, decidimos dar un paseo por Central Park, a uns cincocentos metros da casa sen cambiar de beirarrúa. Camiñamos un pouco pampos, cos ollos abertos e atentos a cada movemento na rúa. Case non falamos. Desde ao lonxe e ao final da rúa, víanse as ponlas das arbres núas, coa silueta do Dakota á esquerda. Quedamos un rato mirando aqueles famosos tellados verdes e cruzamos para o parque a través da seara chamada Strawberry Fields, en honor a John Lennon, asasiñado naquel mesmo lugar, perto do seu apartamento no edificio maldito onde tamén Polansky rodara Rosemary's baby, traducida ao español co desvelamento de toda sorpresa: La semilla del diablo.
Os esquíos saltaban a cada paso pola herba dura do parque, xiada polo inverno e tocada nos sitios máis umbríos pola mesma neve caída durante a semana anterior á nosa chegada. Facía un sol un tanto morno, que preludiaba a primavera, pero comprobamos que bufandas e puchas seguían a ser indispensables. Quedaramos cos nosos amigos na pista de patinaxe. Alí entramos. Alugamos os patíns e comezamos a esvarar sobre o xeo coa impresión de ter estado alí miles de veces. O impacto da chegada ía amainando e unha lene sensación de familiariedade foise acubillando no noso corpo coa marca superficial dun infatigable sorriso. Foi ese o primeiro momento en que decidín cantar polo baixo a todo volume o newyork de Sinatra. Naquel momento tamén desexaba bicar a todo o mundo. E, por suposto, así o fixen.

17 ottobre 2007

O MUNDO ENTEIRO EN FAIRWAY, LIKE NO OTHER MARKET


Unhas poucas horas foron suficientes para superarmos o famoso jetlag da viaxe. Había que chamar ao aeroporto para interesarmos polas maletas perdidas. O pouco inglés aprendido no eficaz sistema hispánico foi inútil: unha voz hispana atendeu os meus desacougos e prometeu traer a equipaxe ao día seguinte. Mentres tanto, a cidade pedía, esixía ser recorrida. Antes, con todo, debiamos acercarnos a un supermercado para encher o freezer. Recomendados con vehemencia polos amigos A. e E., fomos ao Fairway, a escasos metros de casa. Cando vimos o espectáculo da froita no exterior, perfectamente colocada, non podiamos imaxinar o que íamos atopar dentro: un enorme almacén ateigado de productos procedentes de todas as partes do mundo (unhas ameixas de conservas Peña alí relocían), cuns pasillos enanos por onde difícilmente pasaban os carriños e unha turbamulta de persoas recorrendo co mesmo vértigo co que andan pola rúa todos os andeis. O arrecendo amalgamaba a madureza das froitas tropicais, cos polos ao espeto e as bandeixas de sushi brilantes. Peixes de envergadura colosal, carnes dunha textura case inverosímil e miles de conservas de toda clase, nunha tosca arquitectura de colmado antiguo pero xigantesco. O impresionante chegaba ao final, cando, perto das caixas, un home inmenso, vestido con traxes rechamantes, gafas de sol e arracadas douradas, a xeito de porteiro de discoteca, chamaba aos clientes e lles indicaba rexamente a caixa que estaba libre coa voz atronadora de Next, please. Dirixía a operación como o cómitre dunha galera, mantendo a raia aos empregados perezosos. Cando escollimos unha caixa, dúas persoas organizaban a operación: unha cobraba, outra introducía cunha habilidade pasmosa a compra nas bolsas, mentres falaban con total naturalidade nun español meloso e musical os pormenores do seu traballo, o que ían facer ao saíren do choio ou as características sexuais dos seus partenaires, coas correspondientes risas tranquilas. Dirixíanse a nós en inglés, pero, tras comprobaren que nós empregabamos o español elas respostaban, sen inmutarense e sen amosaren signo algún de sorpresa, en español durante un segundo, para remataren dando as gracias e o tique nun inglés de protocolo: Have a nice day, thank you. A experiencia do Fairway foi a primeira descarga eléctrica en Nova Iork: con esa enerxía o día enteiro ía ser xa diferente. E, como comprobamos máis tarde, pero moi pouco máis tarde, os días enteiros, coas súas 24 horas, que pasariamos alí.

16 ottobre 2007

O APARTAMENTO DA RÚA 72

Chegamos un pouco tarde. Sen maletas. Collimos un taxi e dirixímonos á cidade. O taxista pisou a fondo o acelerador por aquelas autostradas con miles de cruces, desvíos e cartaces inmensos con nomes familiares. A máis de 150 kilómetros por hora fomos acercándonos, cos ollos postos no horizonte entrecortado ao lonxe. Pouco a pouco aquel horizonte fíxose cada vez máis nítido e as cúpulas dos rañaceos comezaban a albiscarse con claridade. Chegamos coa mesma velocidade de vértigo a unha ponte enorme de ferro. Por entre o armazón metálico as luces das fiestras encesas movíanse coma nun soño irrecoñecible. Entramos na ponte coma se fora un túnel; penetramos naquela esfera de edificios xigantescos, engulidos coa compracencia forzosa do medo. O taxista decidiu mudar de recorrido, pero non de vértigo. Tomou a Quinta avenida cara o norte, cruzou por medio da escuridade de Central Park e parou nun semáforo diante do Dakota siniestramente iluminado. Xirou á dereita pola rúa 72 e con lentitude foi buscando o número. Xirou de novo á esquerda por Columbus Avenue e deixounos aínda a douscentos metros da casa. Recollimos a mochila e camiñamos polas beirarrúas, co frío xiado do mes de febreiro, ata chegar ao cruce de Broadway e Amsterdam Avenue. Naquel mesmo lugar, coa saída do metro da liña 1, concentrábase a xente á espera de algo que non sei, siquera hoxe, descifrar. Na esquina o Gray's Papaya daba unha luz alaranxada á rúa. Cruzamos o semáforo. Seguimos por debaixo dun andamio, pasamos diante dun local de apostas, con varios homeless á porta cos seus carriños cheos de bolsas de plástico, e, por fin, acertamos coa porta. Chamamos. E. baixou recibirnos e subimos por unha esqueira torta, inclinada ao abismo. Abrimos a porta do segundo andar e entramos naquel pequeno apartamento, coa cociña nun recuncho, o baño tamén inclinado, unha sala con sofá, un dormitorio cun edredón de froles e unha terraza que daba a un patio, como aquel de Rear window. Despois de colocar a única mochila que nos quedaba no chan, mirámonos e descubrimos que todos acababamos de pasar pola experiencia máis fermosa das nosas vidas. E iso que só era o comezo.

15 ottobre 2007

O MEU NOVA IORK


Unha arroutada de saudade. Miro fotos que consolan. E atopo estas: unha barraca de circo en Coney Island e un posto con libretos de pelis, a 5 dólares, pola rúa West Broadway. Teño que voltar a Nova Iork, proclamo en silencio.

14 ottobre 2007

250 ENTRADAS

Xa son 250 entradas neste blog. Cando comencei, despois das festas de nadal, non pensaba que esto enganchara tanto. Recibo 50 visitas de media e uns catro comentarios por termo medio para cada post, o cal agradezo moitísimo, porque destas respostas aliméntase a ilusión.
Pero ao tempo visito eu con moito entusiasmo as miles de páxinas que día a día enriquecen a lingua galega polo internet adiante, ese chamado blogomillo que parece inesgotable. Acostumo deixar comentarios en case todos, con ánimo, en xeral, de abrir novos camiños de discusión ou de discutir abertamente os puntos de vista (ou sexa cum animo belli). Teño que recoñecer que en todos eles, sen excepción, sempre fun ben recibido, mesmo nalgúns onde parecía predominar unha relación moi estreita entre blogueiro e comentaristas e a miña intervención podería considerarse intrusa. Despois de recorrer todos estes meses (case un ano) podo diagnosticar unha saúde de ferro e unha variedade extraordinaria de intereses. Pero convén fíar na roca un pouco máis fino.
Hoxe é día de conmemoración: outro día transcribo a miña diagnose (case) completa.
Fotograma de Il sorpasso (Dino Risi, 1962).