Caxigalines nella Reguera'l Campizu

3 novembre 2010

NA MORTE DE AZAÑA


Pasaron xa setenta anos da súa tristísima morte no exilio. Cústame falar pouco del, despois de dedicar boa parte do ano pasado a ler a súa obra completa, epistolario, crónicas de viaxes e discursos parlamentarios en especial, sen descuidar a ollada rápida á súa obra de ficción aínda que seudobiográfica, tratados literarios e históricos. Son sete grosos volumes, de letra apretada, cheos de grandísimo estilo, inigualable na meirande parte dos textos, excepcional en moitos pasaxes, único na literatura (entendida esta no seu sentido máis amplo e exacto) en español. A min aínda hoxe me resulta incrible que nos programas universitarios (por mor do discutible peso da ficción no canon) non figure Azaña con calquera dos seus textos. Como orador foi tamén extraordinario: decenas de miles de persoas agardaban por el nas campas ou nas prazas de touros para escoitalo e na tribuna do parlamento era temido pola súa contundente argumentación dialéctica. Como político, confiaba, probablemente en exceso como inconmovible demócrata, no poder da palabra. Os retratos dos seus contemporáneos rozan o esperpento, con esa peculiar prosa súa na que se amontoa elegancia sintáctica e demoledor vituperio.
De todo o que puiden ler (que digo é moito) quedo coa narración dun día calquera na vida de Azaña presidente. Erguerse algo tarde (porque trasnoitaba), ir pola mañán ao parlamento e participar nos debates (poñamos o estatut de catalunya ou a retirada da igrexa da instrucción pública, cun discurso de unha hora que lido hoxe abraia), comer na casa ou nun restorante, volver ao parlamento para seguir debatindo, acudir a unha representación teatral a media tarde, voltar, tras rematar a representación, ás votacións no congreso, cear en tertulia cos amigos (ou na casa), coller o coche ás once e dar unha volta por Madrid, ir aos altos do Guadarrama ou a Alcalá ou ao Escorial e tomar alí algo cos amigos e voltar a Madrid de madrugada, sobre as dúas ou ás tres da noite. E ao día seguinte unha tarefa semellante, con ocasionais visitas de magnatarios ou de presidentes doutras repúblicas ou xenerais do exército aos que governa como ministro tamén de Guerra. E ter tempo de escribir o que escribiu que é excelente.
Eu, sinceramente, atopo poucas persoas da altura intelectual de Manuel Azaña non digo na historia da cultura española, senón na historia da cultura europea. Algún día o seu peso político, que por si só pode elevar a súa categoría por riba de todos os governantes do século XX (eu engadiría da historia de España, pero vai ser que non teño tantos elementos de xuízo de épocas pretéritas), poderá deixar paso ao seu extraordinario legado intelectual para que as xeracións futuras puideran calibrar a desgracia deste país que preferiu acabar con el e puideran ao tempo desfrutar dos seus textos coa liberdade pola que el loitou sempre.

E iso que eu só quería facerlle un pequeno homenaxe, pero xa ven.

2 novembre 2010

1910-2010: CENTENARIOS DE TORRENTE E HERNÁNDEZ


En 1910 naceron nas dúas puntas da diagonal peninsular Torrente e Miguel Hernández: Ferrol e Orihuela. Este ano comparten, logo, conmemoración. E por todo o alto de ministerios e sociedades culturais. Non sei se xuntas ou generalitates tamén andan polo medio. Dame que si, pero de forma desigual, intúo. Los mundos de Torrente anda de xira polas españas e Hernández ten homenaxe nos baixos da biblioteca dos recoletos, co nome atinado de La sombra vencida. Un falanxista cristián, intelectual de formación solidamente burguesa, trocado aos (moi) poucos en demócrata algo liberal a forza de viaxes e de pequenos encontros contra o réxime que axudou a aupar, fronte a un comunista de carné, criado entre mestres xesuitas, con nai analfabeta, poeta gongorino, republicano belixerante, condenado a morte, conmutada por outra morte máis silandeira pero igualmente executiva.
Entre ambos probablemente correra afecto, comunicación amistosa. A guerra fraterna (civís son todas) interpúxose (con vontade dunha parte que moveu o patio de armas: sempre) entre eles. Á volta dos anos, xa morto Hernández na cadea en marzo de 1942, con trinta e dous anos (escríboo con letras para que tardemos algo máis en percibir os feitos), Torrente sentirá algo parecido a un arrepentimento, a medio camiño (ou na propia meta) da mala conciencia. Na súa Literatura española contemporánea, o erudito ferrolán dirá de Miguel Hernández: "Hombre sincero, apasionado, tumultuoso acaso, pero auténtico", palabras eloxiosas, á altura aínda de 1961, acompañadas dun acaso que repetirá tantas veces como unha especie de xustificación dolosa.
Andan xuntos na memoria destes días para convidaren a relelos; as vidas, porén, de ambos reservan e activan o xuízo político e moral daqueles tempos. Os poemas de Hernández na cadea (e os informes dos censores ou a retórica da sentencia xudicial) son, en todo caso, demasiada proba de cargo para evitarmos o parangón que propicia esta efeméride.

MADRID ENERXÉTICA

Madrid é unha cidade enerxética. Produce a necesaria cantidade de estímulos para dar folgos máis ca suficientes durante unha tempada. Outras grandes cidades tamén ofrecen esa faceta, pero sempre acompañada doutros sentimentos. A melanconía romana, a elegancia londinense, a maiestática parisina, a tristeza berlinesca. Pero Madrid ofrece enerxía case en estado puro ou máis ben en estado de ebullición constante.
Aínda que sexa só un par de días, sen tempo siquera para a calma ou para a visita tranquila de amigos que non poden ser abrazados, eu necesito para vivir estas ocasionais descargas.

29 ottobre 2010

FIN DE FESTA E FIN DE SEMANA


Guerra de España e Francia. Ano 1635. Sintaxe de membros e incisos: aticismo, asianismo, laconismo. Tribunal da xusta vinganza: o estaribel do auto de fe preparado no obradoiro. Gongorinismo antigongorino. Olivares amado/odiado: un si pero non. Primeira parte do Teatro de Comedias de Calderón. Festas no Buen Retiro, estanque polo medio. Castigo sen vinganza erótico (Rocco Siffredi de duque de Mantua). Lirio e azucena, paz universal dos pirineus. Porcón, licencias, privilexios, taxas: durmir entre arquivos. Embaixada en Venecia. Relatos de aventuras e guerra. Santos, santorais, patronos: devoción de mentiras e enganos. Retrato de Richeliu: mágoa de guillotina avant la lettre. Poesía política en ciclos.
Polo medio, cafeses (e cea no comedor Grifón do Carretas) con amigas que había tempo que non vía, comidas alegres, conversas animadas e cotilleos divertidísimos, á espera de que algo se confirme (hoxe?). Había tempo que neste mundo de academia non o pasaba tan ben. Deben ser elas as que me animan. Comecei na mesa de conferencias e rematei ao fondo cuidando de luces e portas de entradas, pegado á parede. Entre estas amigas ás que boto tanto de menos, pasei dous días macanudos. Aprendín moitas cousas: agora tratarei de asimilalas cunha viaxe de fin de semana entre hortas e prazas maiores. Na fragua de vulcano estaremos.

25 ottobre 2010

APROXIMACIÓN (TÍMIDA) A PERIFERIA

A novela, Periferia é unha crónica complexa (por aproximar algo a definición coa incompetente lingua do lector que son eu) da cidade de Sao Paulo, con dous protagonistas case imperceptibles pero poderosos que viven unha paixoal relación amorosa. Este subtilísimo fío argumental, a vida feroz destes dous personaxes, resumida nos seus comezos con trazos duros e demorada na súa fixación erótica, é o de menos, porque Zúñiga prefire atrapar o pulso dinámico, caótico ás veces, sempre electrizante da metrópole brasileira nun desafío que supón crear a propia cidade co concurso de miles de palabras completamente ceibes.

A novela está escrita en forma polifónica, cun narrador/a omnipresente (tamén por ir acoutando algo, pobre de min) que vai debullando, con un presente histórico que dota á historia dun modo documentalista, as súas descricións, as súas impresións da cidade. A voz narrativa, nun galego de elevada concentración metafórica, cunha sintaxe envolvente e interminable, case abafante, vai colocando as pezas deste quebracabezas con parsimonia, coa introdución de numerosos excursos, con datos, estatísticas, informes, sobre a prostitución, o narcotráfico, o fútbol, o entroido, as organizacións criminais, o tránsito, a venda de armas ou a estrutura interna e funda do mundo das favelas. Esta voz que conduce a historia (por meandros inacabables, por rodeos tan apaixoantes como o propio tecido da trama) aparece alternada con numerosísimas citas ou referencias en portugués abrasileirado, procedentes de letras de cancións (particularmente do funk suburbial de Sampa ou da variada fertilidade musical do Brazil, desde Chico Buarque a Adriana Calcanhotto, desde a bossanova ao hiphop faveliano), de diálogos televisivos quitados de telenovelas populares, de discursos oficiais copiados na súa solemne retórica decadente, de prospectos, de cartaces, de infinitos lugares onde un texto poida referendar ou amosar a veracidade e a riqueza íntima dos feitos. Dá a impresión de que a célebre afección cervantina por ler ata os papeis que atopa no chan acha un correlato na afección de Zúñiga por trasladalos todos (sen xerarquías nin sucedáneos culturistas) ao corpo xa abigarrado do seu texto extraordinario.

Toda esta perspectiva, organizada por esa instancia narrativa, con todos os recursos e as voces ao seu alcance, transcritas en portugués, trata de dar conta da complexidade urbana da gran cidade de Sao Paulo. O primeiro capítulo, titulado precisamente a Cidade, apenas debuxa un leve relato e xa se deixa levar por unha prolongada descrición da cidade. O retrato comeza así:

“Latexa a madrugada no asfalto poeirento das avenidas. Zoa o vento ferido cobregueando calexas secundarias de neons esgotados. No formigón aínda tépedo, ue non renuncia ao sufoco do día previo., permanecen esmagadas as cabichas de filtos Philip Morris dos conductores na caravana infame de coches. Permanece a noite. Perpetúase a fatiga. Apoiado ao pé dun semáforo, un letreiro manuscrito dun home que non pasou da segunda serie do primeiro grao, nunha xornada de caridade escasa: unha esmola, meu, por caridade.. que Deus abençoe voçe. Bolsas de plástico rolan por mor da brisa enfurecida que anuncia o ocaso do verán. O tempo no que as norias estacionan o seu xiro, as luces do carrusel de cabaliños minguan e as caravanas trashuman. Na medula danada da cidade todo acontece coma nas novelas do oeste. O pó de molestas partículas, a soidade das arquitecturas efémeras, a desconfianza da penumbra prácida, as balas de lixo a desprazarse pola noite espida. Íntima.”

A pintura da urbe recolle toda a heteroxeneidade do mundo. Apenas queda nada por ser descrito. Unha idea de totalidade, de exhaustividade narrativa apodera o relato. Tras este primeiro capítulo, no que se divisan as cachoupas pobres dos arrumbados á periferia, dos desherdados que se agrupan nos outeiros en favelas, Zúñiga entra en calquera recuncho desa megalópole e penetra até nos íntimos espazos, onde se explica de maneira total a desorde, o caos e, sobre todo, o non future de case todo. A narración continúa cunha portentosa suma de paisaxes humanas para poder conter nas súas máis de 500 páxinas toda a cidade e, sobre todo, toda a periferia de SP. Quizá haxa poucos exemplos na literatura moderna nos que unha cidade se impoña decididamente a todo, en que unha cidade constrúa por si soa o ritmo da narración. A fabulosa invención de Zúñiga resulta aínda máis extraordinaria pola creación dun mundo decididamente pouco próximo aos lectores que nin siquera mantén con Galicia ningunha relación (só unha levísima mención á fábrica de armas de coruña, que curiosamente figura como gratuíta), dun lugar descoñecido, abigarrado, complexo, coas armas dunha narrativa fragmentaria pero totalizadora, con centos de voces prestadas pero enérxicas e efectivas, coas perspectivas cruzadas e coas palabras usurpadas a outros discursos para compoñer un unha especie de patchwork de encaixe marabilloso.

Eu, con esta Periferia, coloquei xa a Iolanda Zúñiga no máis alto da literatura galega. A ver se cunde o exemplo deste volcán literario que temos aquí diante.


Unha versión deste texto foi lida (con indisimulada vehemencia) co Báltico ás miñas costas.

24 ottobre 2010

POLÉMICAS LITERARIAS


Levo unhas semanas entre polémicas antigas sobre cuestións teolóxicas e literarias. Lendo o texto orixinal e a súa diatriba e a censura desta diatriba e o resultado desta censura da diatriba, e a invectiva contra esta diatriba do resultado da censura da primeira diatriba, nun proceso inesgotable de réplicas e contrarréplicas. Leo con atención cada frase porque non alcanzo a comprender a razón da polémica. O que aprezan os lectores antigos non axuda porque acuden á lea con espíritu tamén belixerante, como azuzadores ou espectadores activos da controversia. O lector algo menos antigo, algo máis imparcial (non moito) por forza do tempo xa pasado, argúe malicia, notoriedade, vinganzas. E queda dito. Busca ás veces nas anécdotas, apócrifas, inventadas ou verosimilmente mentireiras, algún instante xustificador, unha pequena cita, esa fenda inamistosa entre os autores principais do combate dialéctico. Supóñense agravios, desaires, informalidades. Sempre algún momento inoportuno, un cruce explosivo entre eles. Tales especulacións prenden, gustan ao que procura explicación rápida. A ira e o arrebato, case xenéticos, definen para sempre o por qué da loita: un dó de capa e espada, un amorío compartido, unha débeda impagada, un soneto desprezado. Unha pasaxeira tolemia de escritor furibundo alcanza para explicalo todo, pero con matices. Importantes matices. O célebre escritor metido nesa lea resulta espléndido no seu vituperio cruel; o rival, de segunda categoría segundo os cánones (sempre do lado da celebridade), non só cae na trampa do espilido autor de enxeño senón que de forma natural amosa a súa impericia e o seu estilo dialéctico claramente paupérrimo.
Estou niso agora, algo perdido con estas confortables explicacións de andar por casa. A min nunca me convencen e teño a repetida sensación de que ás veces a polémica non é máis ca un extraordinario motor para a propia polémica. Claro que iso neutraliza a trascendencia das cousas. E iso, téñoo comprobado, nunca parece gustar aos solemnizadores oficiais das historias da literatura.

A ilustración non ten nada que ver co asunto.

IMPACIENCIA PERIFÉRICA FINITA

A impaciencia chega ao seu fin. Zeca Baleiro pon rúbrica provisional a esta inesgotable riqueza brasileira. Pero para quen queira ler o libro de Iolanda Zúñiga con acompañamento musical (que eu xulgo imprescindible), poño para os spotifinos enlace particular. Alí, coa axuda primordial da propia IZ que forneceu a servidor de semellante elenco de cancións, poderán ir atopando (porque aínda se está a encher) o ritmo amplificado da súa novela: PERIFERIA BSO.
Eu, pola miña banda, "ando tão a flor de pele que qualquer beijo de novela me faz chorar".