Non está mal comezar o día nun forn que fornece bocadiños e longas torradas ao pe do metro. Nin tampouco retomar a rambla cara a praia. Nin por suposto aproveitar as raiolas dun sol aínda quente mentres os corpos espidos adormecen sobre a area, masaxeados por mulleres que ofrecen ambulantes o seu servizo. Dirixímonos cara ao Forum, ao final da praia, onda o Besós desemboca en centrais eléctricas. Os edificios desta parte da cidade son novos, acristalados e con formas tan audaces como pouco seductoras. O Museu de Ciencias Naturais fica case suspendido no ar, pero a mole e a cor impiden aprezar a súa suposta beleza. Tomamos o tranvía para recorrer a Diagonal ata o hotel. Sempre me pregunto por qué non hai tram na miña cidade. E, sobre todo, este tranvía, limpo, luminoso. Suben a el mulleres, cargadas de nenos ou de bolsas. Falan outros idiomas distintos ao meu. Pero non escoito nin no tram ni no metro tanto catalán como un agarda. Os turistas non chegan tan lonxe. Son mulleres de procedencia oriental ou sudamericana, algunha coa cabeza tapada por un pano, de forma descuidada. Desde o tram, a avenida parece tirada dun anuncio de automóviles, coas follas das árbores apenas caídas. Nas rúas do Poble Nou hai unha axitación extraordinaria de colmados e tascas. Nos balcóns lucen senyeras. Nas terrazas grupos numerosos, tamén de mulleres, comentan o día. É a hora de saída do instituto: nas rotondas destas rúas con chafláns amoréase a adolescencia entre berros e carreiras. Cómpre xantar. A oferta é ampla e diversa. Decidímonos por pura intuición. Ou polo mantel e a caligrafía da pizarra. No restaurante, con camareiros sempre doutros lugares do mundo, escoitamos risas e proxectos de futuro entre o menú do día. Cae a primeira botifarra amb mongetes. Barcelona ès molt bona. Osties.
Caxigalines nella Reguera'l Campizu
6 novembre 2014
4 novembre 2014
BARCELONA 1
O avión chega á noite. O autobús urbano que nos achega á praza de Espanya pasa tortuosamente por todas as rúas do Prat, case baleiras. As auxiliares de vó, non sei por qué, viven por esas rúas. Despídense con facianas de cansanzo cando pousan nas paradas. Son case as doce na praza de Espanya: hai Fira de manga. Algún aínda pasea pola superficie coas galas do seu heroe. Metémonos no metro ata Glòries. Aquela inmensa esplanada, iluminada baixo o edificio das Agbar, está en obras. Desde as fiestras do autobús do aeroporto aprezábase a orde e a limpeza das avenidas ben iluminadas, aliñadas con ringleiras dobres de árbores. En Glóries, a Gran Vía e a Diagonal acentúan esa xeometría limpa de Barcelona. Os edificios son novos, non recentes, pero novos. Cristais e metal. Alturas distintas, ubicación algo estravagante nas fincas, en relación co trazado lineal das longas rúas. Deixamos as cousas no hotel e camiñamos cara a Rambla del Poble Nou. Probamos a cear. Case todo pechado, mesmo os sushi take away ou os kebab. Pechados ou a punto de pechar. Debaixo da casa de C hai un bar que seguro está aberto. Vámonos achegando. Pois non. A piques de pechar. Xusto enfrente no chaflán, Aita Galicia en letreiro luminoso azul rechama. Entramos, preguntamos se podemos cear. "Por suposto, estamos abertos ata as tres". Miro ben os carteis: gintonería. As cervexas, de Estrella Galicia. Nas paredes, pendurados, cadros de trapos de cociña con galego e galega danzaríns e receitas de cociña. O local, moderno, coa cor branca en táboas e cadeiras dominante, sempre lacadas. As camareiras, amabilísimas, recitan o repertorio. Tomamos unha ensaladilla rusa, por alonxarnos do menú galaico: os Pebrots del (sic) Padrón resplandecen na carta. O pop a la gallega, tamén. Lacón, orella, berberechos e tutti quanti parecen indicar que aínda non saiches de Galicia. Xa o sabes, pero sempre sorprende que a gastronomía característica de Barcelona ten un aire galego inconfundible, arrebatador, totalmente catalán.
27 ottobre 2014
OUTONO
O outono vai achegándose con certa parsimonia. As calores destes últimos días, ben usuais para quen lembra sempre veraniños de sanmiguel e veraniños de san martiño, retrasan o inevitable. Pola rúa que vai a casa, a hedra resístese a caer, asida á idea do verán que lle dá a vida. Os que vivimos na cidade, ás veces temos eses pequenos fitos nos que fixármonos: os agromos das laranxas de García Barbón, as follas amarelas dos tilos prantados debaixo da casa, a sombra húmeda que invade todo o patio do colexio.
21 ottobre 2014
PRAZAS FELICES: MERCEDES CEBRIÁN
Futuro del páramo
Mira el páramo carente de universidades
prestigiosas: está pidiendo césped, está pidiendo
campus fuera de toda lógica.
Lo nombraremos campus y vendrán a formarse al páramo los jóvenes
y todo un sistema
de canalización funcionará
en homenaje a ellos: grifería, cisternas y llaves
de paso.
Y el agua (la fría y la caliente) llegará
a las duchas del campo de deporte
y se dirá en latín Corpore sano y el alumno
se matriculará, mirará hacia el futuro y llevará
zapatos. No pisará matojos ni maleza
el alumno
-el páramo será desbrozado
y parecerá otro, completamente
otro y verde y además los estudiantes de posgrado
no dormirán durante varias noches vigilando las células
y su comportamiento, y finalmente, eureka:
en una dimensión ajena a lo académico, el páramo
eclosiona, sí, en forma
de gigantesco cactus, con raudales
de líquido verdusco en sus hojas
carnosas. Y ahí nos preguntaremos: ¿quién
ha traído todo este líquido nuevo pero de muerte
al páramo?
Mercado común. Poemas. (2006)
20 ottobre 2014
PRINGÁ, SEVILLA
Hai cidades que hai tempo que non visito e que nun tempo constituiron paixón e euforia, cidades que veñen a min por unha palabra esquecida. Hoxe foi pringá. Tras dela chegou a Bodeguita Romero e unha semana santa cunha calor coma a de hoxe en Vigo, con perfume do azahar nas laranxeiras. E detrás dese perfume, a cor amarela das casas, as ruelas pequenas e pouco iluminadas da vella xudeiría, os perfís das almenas, a lúa sobre o río, a bulla na praza do Salvador. E, coma nunha fervenza de recordos, detrás diso, toda a memoria (con rabo de touro incluido) dunha cidade. Non sei cando volverei a comer pringá: non sei, Sevilla, cando nos veremos.
16 ottobre 2014
ESCOLA CÍNICA
En Atenas, polo verán, que é cando eu coñecín esa cidade, as rúas están poboadas por cans ceibos que camiñan lentamente entre as beirarrúas. Á noite pasean entre a xente que sube ao Filopapos e algúns mesmo acompañan aos últimos visitantes do Partenón ata a saída. Non levan cordello nin nada que os limite a donos/as ou preitesías. Durmen mirando as ruinas e adoitan amosar o aire indolente que pide o sol e a calor da canícula grega. Na FFT tamén andan cans ceibos, extraviados ou perdidos, abandoados, sen outra lei que a fame e a limpa auga das tormentas. Avisan as autoridades que, en xauría, poden atacar e morder ao incauto. Advirten. Non sei se fan ben, pero para min, que vivín en infancias onde os cans moraban nas fincas e eran domesticados colectivamente, ese é o estado necesario dun can. Iso do mascotismo nunca fun quen de entendelo.
15 ottobre 2014
FICCIÓN E HISTORIA
No número (monográfico) de Anthropos citado no post anterior, o seu editor, Jorge Urrutia, nun espléndido prólogo, fai notar a ironía de darlle o premio James Fenimore Cooper á mellor ficción histórica a A conxura de América de Philip Roth, unha novela que tenta imaxinar unha América nazi e, por suposto, antisemita baixo a presidencia do aviador Lindbergh, confeso admirador de Hitler. Vou sendo rendido leitor da obra de Roth, pero aínda non trabei amizade con este libro.
O que me interesa resaltar é que Urrutia, na súa loita por situar os límites da narración histórica e a narración de ficción (por entendérmonos neste breve post que apuro), nega a existencia de feitos ou de fenómenos históricos puros, xa que por moi obxectivos que estes semellen sempre terán sentido cando son contados con palabras, cando son lenguaxe e comunicación (el explícao mellor ca minhe), unha vella cantilena do postestructuralismo en sentido amplo que, no campo da historia, conta con acérrimos detractores.
Nos últimos tempos observo, non obstante, que se amplifica e se enriquece esa batalla dialéctica, coa incorporación do fenómeno do revisionismo histórico. O relativismo radical que iguala relato histórico con relato de ficción pode favorecer esa nova irrupción; certos historiadores atacan non as versións (necesariamente) interesadas deses historiadores (palabra xa inadmisible para o corpo de profisionais do ensino e da investigación), se cadra cansos de litigar con xente que non merece tal consideración, senon a mesma distinción técnica (gremial, nalgún caso: deontolóxica) do oficio de historiador.
Non teño neste terreo suficiente madeira para ofrecer opinión formada: seguirei lendo a formidable fervenza de reflexións sobre este particular dos límites entre a ficción e a historia, tema por outra parte tan vello coma o propio mundo. Será por eso.
Iscriviti a:
Post (Atom)





