Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 giugno 2007

AREZZO


A imaxe que adorna este blog pertence a Castiglion Fiorentino, unha pequena vila entre Arezzo e Cortona, no val di Chiana. A un par de kilómetros dalí, en Pergognano, unha aldea de catro casas, pasei eu tres agostos inesquecibles. Recordar eses instantes sería crueldade innecesaria, pero a noite de san Lorenzo vendo pasar as estrelas fugaces baixo un ceo limpo forman parte sustancial da miña memoria.
Refírome a este lugar porque hoxe no suplemento de viaxes de EL PAÍS falan de Arezzo e de Piero della Francesca. E comentan que así como a xente enche as rúas e os cafés da pintoresca Cortona, amoreada sobre un outeiro e célebre últimamente polo relato idealizante de Baixo o sol da Toscana, de Frances Mayers, deixan libres as preciosas prazas e rúas de Arezzo, a cidade de Petrarca (con casa modesta) e de Guido de Arezzo, o creador da gramática musical. En efecto, Arezzo, a cidade que serviu a Benigni para rodar A vida é bela, é un lugar moi tranquilo e moi acolledor, cun mercado de antigüidades ao ar libre de sabor moi medieval, sen mixtificacións de ningunha clase. San Francesco no medio medio da cidade é unha igrexa, coma as franciscanas, tosca, sen adornos, de puro ladrillo. Ao entrarmos tampouco destaca grande cousa, agás pola súa escuridade e, en agosto, polo agradecido frescor que conserva. Pero cando chegamos onda os frescos de Piero della Francesca, tenuemente iluminados, aquela igrexa ábrese ata o infinito.
Como tamén lembra o autor da crónica xornalística, a poucos kilómetros de Arezzo atópase Monterchi, e alí, nunha capela modestísima, de espíritu tamén franciscán, venérase sen rito a Madonna del Parto. Son deses momentos máxicos, que un lembra toda a vida. Non había ninguén. Enfrente da igrexa un par de trattorias e un café; polas rúas pasean os habitantes de Monterchi, poucos as horas da tarde agosteña (a xente vai a Rimini, ao Adriático, a pasar as vacacións e os turistas, como digo, están en Cortona). O aparcamento doado, case baleiro. Unhas rapazas atenden a entrada, con despreocupación. Falan entre elas da festa do día anterior. Entras con reverencia, pero enseguida aprecias que Piero della Francesca creou aquela imaxe, de apariencia teatral, para limpiar os ollos. Os rostros serios das figuras non impiden que un leve para sempre a cor azul do vestido da Madonna e o esplendor deses cores reflexados sutilmente nunha sala branca e pequena. Apenas cinco minutos bastan para contemplar aquel cadro, pero merecen a pena a viaxe, sobre todo se á volta a Arezzo paras nunha charcutería e pides que che fagan un bocadillo de porchetta, con pan sen sal da Toscana. Coa primeira trabada comprendes toda a arte renacentista nun só instante e coa última sabes que vai quedar en ti para sempre.

2 commenti:

a.p.-c. ha detto...

Fermoso comentario.

Xa sabe, Arume, a ver cando ese libro sobre Italia. Estes serán algúns bocexos, non?

albagal ha detto...

Moi interesante a entrada sobre Arezzo, tamén para os músicos, que sería de nós sen a lectura musical de Guido?

Un biquiño e noraboa polo blog!